Por San Xóan, a sardiña molla o pan pero o churrasco gaña terreo

Sabes en que concellos é festivo luns? Aquí a listaxe completa.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 21/06/2024 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

Se por algo se caracteriza a festividade de San Xoán é polo desexo de manter as tradicións. Nunha das noites máis máxicas do ano onde se agarda para saltar a cacharela hai un menú por excelencia para coller forzas: o peixe estrela, a sardiña. Quen non escoitou iso de "Por San Xoán a sardiña molla o pan?" Porén hai quen opta polo churrasco ou por ambas opcións.

Sardiña
Sardiña

No que atinxe á sardiña, os máis previsores xa as colleron e outros agardan á mañá. Este venres había quen xa a levou para comer luns. "A sardiña vén boa, xa de bastante tamaño e sobre todo virán por ela mañá para o domingo", comenta Mari Paz Montes, xefa da peixería Pescados e Mariscos Mari Paz da Praza de Abastos de Lugo. 

Este establecemento leva aberto máis de 60 anos e a propia Mari Paz xa estaba presente na barriga da súa nai. Desde fai uns 45 anos ela e o seu irmán tomaron o relevo dos seus pais e dos avós á fronte do negocio.

O PREZO DA SARDIÑA A UNS NOVE EUROS O QUILO 

Sobre o producto estrela do San Xoán, Mari Paz afirma que é de boa calidade e demandada. "Non é esa sardiña enorme que soe vir", comenta. O prezo vai variando, este venres estaba a sardiña a uns "nove euros o quilo", pero expresa que segundo a demanda e a cantidade, xa se chegou a vender a "20 euros". 

As persoas que xa contaban con degustar este manxar decidiron encargar e xa a mércores había máis de 400 pezas xa vendidas, "uns 35 quilos máis ou menos". Aprecia que comparado con outros anos é menos a demanda, se cadra porque coincide en domingo ou porque apostan polo competidor: o churrasco. "Cando anos atrás a sardiña fora tan cara, a xente buscou outras alternativas e tirou cara a carne", confesa. 

NESTES CONCELLOS TEÑEN FESTIVO

Este ano a cacharela sáltase un domingo e o luns non é festivo autonómico como ten cadrado noutras ocasións. Só 44 concellos da xeografía galega poderán gozar de durmir despois da troula desta noite máxica.

Por provincias, a de Coruña é a que máis festexa San Xoán e será festivo en A Coruña, Ames, Ares, Arzúa, Boiro, Carballo, Carral, Cee, Cerceda, Cerdido, Coristanco, Dumbría, Frades, Mazaricos, muros, Narón, Outes, Santa Comba, Santiso, Culleredo, Oleiros, Valdoviño, Carral, Curtis, Sobrado e Oza-Cesures. 

En Pontevedra, non terán que ir traballar en Poio, Agolada, Covelo, Rodeiro, Marín, Caldas de Reis e Nigrán. 

No caso de Lugo escolleron como festivo local o día 24 de xuño en Antas de Ulla, Becerreá, Burela, Guitiriz, Sarria e O Corgo. 

En Ourense, foron cinco os concellos que teñen festivo: Cenlle, Padrenda, San Xoán de Río, Rairiz de Veiga e Trasmiras. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta