Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2024 | Actualizada ás 13:58
O BNG rexistrou iniciativas nas Cortes para solicitar a colaboración de Goberno e Xunta de Galicia co fin de incrementar as unidades xudiciais en Galicia, ante a elevada carga de traballo da administración de xustiza.
A senadora nacionalista, Carme da Silva, urxiu que se atenda esa necesidade ou ben que se aumente a dotación de persoal para mellorar as actuais deficiencias no sistema. Segundo lembrou, a administración de xustiza galega está a día de hoxe nunha situación de "retroceso e degradación" pola elevada de carga de traballo das unidades xudiciais e, segundo o último informe do Consello Xeral do Poder Xudicial, o 2023 pechouse con máis de 196.200 asuntos en tramitación, co número de asuntos pendentes máis alto da historia recente.
Isto provoca unha sobrecarga "inasumible" para o persoal que, nalgúns casos, "necesitarían un ano enteiro de paralización do xulgado para polo ao día". Por iso, o BNG reclamou o compromiso do Ministerio de Xustiza para aumentar o número de órganos e o persoal. Así mesmo, pediu que a Xunta tamén atenda estas necesidades dentro do seu ámbito competencial e preguntou se o goberno autonómico rexistrou a creación de novos órganos ou se, "como ocorreu coa solicitude para a creación de novos xulgados de violencia machista", aínda non os solicitou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.