Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2024 | Actualizada ás 13:35
Concellos galegos ultiman, un ano máis, os preparativos para a celebración da festa de San Xoán tras a publicación dos respectivos bandos coas normas básicas que deben cumprirse e os requisitos para solicitar a celebración de fogueiras.
Todo iso con chamamentos á prudencia para evitar incidencias e solicitando a implicación cidadá para deixar as zonas onde se realicen fogueiras, sardiñadas ou churrascadas no estado previo, sen restos de lixo. Será, ademais, no marco dunha xornada que contará con dispositivos de vixilancia, uso de drones ou a implantación, un ano máis, dos 'puntos violeta' para denunciar calquera tipo de caso vinculado cunha agresión sexista.
Na Coruña, cidade na que o San Xoán está declarado Festa de Interese Turístico Internacional e onde se prevé que miles de persoas enchan os areais, haberá unha programación especial, fogos artificiais e 'queima da falla', coa actuación de Mikel Erentxun pouco despois das doce e media da noite.
Isto baixo un amplo dispositivo de seguridade, incluídos drones -- como o que usará algún municipio máis -- integrado por 650 persoas ante a previsión de que máis de 150.000 persoas estean nas praias do Orzán, Riazor e Matadoiro, con prohibición do baño a partir do dez da noite.
O dispositivo inclúe cámaras de vixilancia e estará operativo ata as seis da madrugada do día 24 cando se desaloxarán as praias para a limpeza. Isto, no entanto, cun aviso de folga por parte do Sindicato de Traballadores de Limpeza (STL) a partir dese día, unha situación que tamén se dá no municipio coruñés de Carballo, onde o persoal secunda un paro.
POSIBLES MULTAS
En Vigo, -- onde os grupos da oposición volveron a demandar, coincidindo coa proximidade desta data, medidas urxentes pola "falta de bombeiros" -- estarán prohibidas as fogueiras en praias, en parques e xardíns públicos mentres que Nigrán (Pontevedra) implantarase un dispositivo de vixilancia en Praia América para impedir que se fagan grandes buracos no areal de cara a preservalo e con posibles multas de ata 200.000 euros, segundo se apuntou desde o consistorio.
Outros concellos consultados afirman que o risco de ser multados existe se non se cumpren as normas pero apuntan ao bo comportamento existente a este respecto por parte da cidadanía, sen necesidade, engaden, de que sexa necesaria exercer esta posibilidade.
E é que as limitacións sobre as fogueiras son practicamente coincidentes nos municipios en relación, entre outras cuestións, ao perímetro de seguridade que debe existir respecto de zonas de edificios, árbores ou mobiliario público sexan zonas urbanas ou rurais. Varían os horarios ata as que se permiten, nalgúns casos ata o catro da madrugada, e con prohibicións como acceder con vidro ás praias, en caso de estar permitidas fogueiras nelas.
PREVENCIÓN E CONCIENCIACIÓN
Tamén existe coincidencia sobre os materiais prohibidos: pneumáticos, plásticos, latas, botellas ou materiais de pvc para eviar incidencias e con prohibición de facelas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.