O San Xoán deixa en Galicia 298 incidencias: 8 queimaduras ou golpes saltando a cacharela e 23 alertas de incendio

Aínda que ningunha delas resultou ser de gravidade. Trátase dun número similar ao ano pasado e un terzo de todas elas (98) precisaron asistencia sanitaria, segundo os datos do 112 Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2024 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

A noite de San Xoán 2024 saldouse cun total de 298 incidencias rexistradas polo servizo do 112 Galicia, aínda que ningunha delas resultou ser de gravidade. Trátase dun número similar ao ano pasado e un terzo de todas elas (98) precisaron asistencia sanitaria. De acordo co balance publicado polo 112 Galicia, foi unha noite "con bastante actividade", na que se contabilizaron 1.189 chamadas á central de emerxencias desde as 20.00 do domingo ata as 9.00 da mañá deste luns.

De feito, as últimas horas do día 23 e ata as 2.00 da madrugada do 24 foron as máis intensas tendo en conta o número de comunicacións ao 112. Das 298 incidencias rexistradas, as máis numerosas foron as solicitudes de asistencia sanitaria, cun total de 98. Así mesmo, rexistráronse oito chamadas relacionadas con queimaduras ou con golpes cando as persoas tentaban saltar as 'cacharelas', pero ningunha de gravidade.

Cabe destacar que as forzas da orde foron requiridas en 60 ocasións por pelexas, roubos e vandalismo. Tamén houbo 23 alertas por incendios, fundamentalmente por fogueiras fóra de control. O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia despregou un dispositivo especial por toda a Comunidade para esta noite de San Xoán, na que participaron a Policía Autonómica, a Nacional e a Garda Civil, en coordinación con outros equipos de intervención.

Unha persoa salta unha fogueira durante a Noite de San Xoán, na praia de Riazor, a 23 de xuño de 2023, na Coruña
Unha persoa salta unha fogueira durante a Noite de San Xoán, na praia de Riazor, a 23 de xuño de 2023, na Coruña | Fonte: M. Dylan - Arquivo

O 061 ASISTIU A 48 PERSOAS IMPLICADAS EN ACCIDENTES DE TRÁFICO

O servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia 061 asistiu durante este fin de semana a 48 persoas implicadas en 41 accidentes de tráfico ocorridos entre as 15.00 horas do venres e a medianoite do domingo. En concreto, a Central de Coordinación do 061 recibiu nestes días 51 chamadas en relación con accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 41 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061, que atendeu un total de 48 persoas. Por provincias, A Coruña foi a que máis sinistros rexistrou, con 16 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas, seguida de Pontevedra, con 13, e Ourense e Lugo, empatadas con seis cada unha.

Os recursos sanitarios mobilizados foron 748. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en cinco accidentes, o helicóptero medicalizado acudiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 40 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en dous accidentes. En canto ás vítimas, o 72 % eran homes e o 28 % tiña entre 20 e 39 anos. En 42 casos, os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en seis atendeuse no propio lugar do incidente.

No que respecta á noite de San Xoán, as principais atencións prestadas polo 061 foron intoxicacións etílicas ou por drogas, cun total de 61 en toda Galicia. A estas súmanse sete accidentes de tráfico con outras tantas persoas implicadas e cinco queimaduras provocadas polas fogueiras, todo iso entre as 21.00 da noite e as 9.00 do luns.

De todas as intoxicacións etílicas, 35 foron atendidas no punto e outras 26 requiriron traslado a un centro sanitario. A Coruña foi a provincia co maior número, con 36, seguida de Pontevedra con 18, de Lugo con cinco e de Ourense, con dúas. Das cinco queimaduras, catro foron na provincia de Pontevedra e só unha, na Coruña. Todos os casos foron trasladados ao hospital. A estas hai que sumar sete vítimas, cinco delas derivadas, noutros tantos accidentes de tráfico: tres na de Pontevedra, dúas na da Coruña e dúas en Lugo.

MÁIS DE 160.000 PERSOAS NA CORUÑA

Na Coruña, a insigne noite do 23 ao 24 de xuño congregou a máis de 160.000 persoas entre as praias de Orzán e Riazor, segundo datos do Concello. En ambos os areais, realizáronse un total de 184 asistencias, 45 menos que o ano pasado. De acordo co balance do Consistorio, non houbo incidentes graves e os principais auxilios prestados foron 46 intoxicacións etílicas, 33 limpezas oculares e 33 feridas ou laceracións. Xunto a estes, houbo 26 queimaduras, 22 mareos e 13 traumatimos. En total, 23 persoas tiveron que ser derivadas a centros sanitarios, pero ningún por causas graves.

No tocante a actuacións policiais, a noite concluíu con tres persoas detidas: unha por posuír unha arma sen o permiso correspondente e outras dúas por senllas denuncias por violencia machista. Ademais, os 'puntos violeta' (un fixo e tres móbiles) ofreceron información a 895 persoas: 459 mulleres e 436 homes.

A alcaldesa herculina, Inés Rey, foi unha das persoas encargadas de acender a gran falla de San Xoán, dedicada este ano ao Deportivo e ao 15 aniversario da declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade. A rexedora estivo acompañada dos e as futbolistas do Deportivo Lucas Pérez e Henar Muíña, de Carlos Ballesta, de familiares de Luísa Villalta (poeta protagonista das Letras Galegas 2024) e do xogador Alejandro Hernández, do Básquet Coruña. Tamén foron miles as persoas que asistiron aos fogos artificiais e ao concerto de Mikel Erentxun.

LIMPEZA MARCADA POLA FOLGA

Á espera do peche definitivo do dispositivo de limpeza das praias de Riazor e Orzán, que este luns amenceron cubertas de lixo, o Concello da Coruña estima en 57 toneladas o material recolleito. Todo iso nun contexto dunha folga de limpeza de residuos na cidade herculina (o domingo desconvocouse a de varredores) que comezou de madrugada. Tamén hai folga (xa a terceira xornada) neste servizo do concello de Carballo desde a noite do domingo e ata as 13.05 horas do martes. Segundo informa a CIG nun comunicado, están a secundala a totalidade dos traballadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta