Por Galicia Confidencial | A Coruña | 16/11/2015 | Actualizada ás 11:40
Antigos afectados de preferentes e subordinadas da Coruña , membros da asociación AFEPRESCO e emigrantes retornados agora afectados aos requirimentos de Facenda , decidiron unirse para crear unha gran plataforma coa que “protestar e defenderse”.
Os integrantes desta nova plataforma critican que moitos dos afectados polas preferentes que recuperaron os seus aforros “atopáronse coa sorpresa” dun requirimento de Facenda sobre as declaracións da renda, e coa reclamación dos 5 anos anteriores ademais dos intereses de demora e as sancións correspondentes. Así, sinalan que algúns deles non puideron facer fronte ao importe tan elevado e víronse obrigados a solicitar pagos fraccionados que ademais supoñen un interese adicional do 5 %.
Este novo colectivo tamén denuncia que se está a crear unha “inxustiza” cos emigrantes que volven a España , xa que as súas pensións entran a través de dúas pagadores, sistema que impoñen os países de orixe por exemplo Suíza. Deste xeito teñen en conta os 11.200 euros de ingresos e están obrigados a facer a declaración da renda , cando os pensionistas do Estado non o deben facer se non superan os 22.000 euros anuais . “Ademais o noso plan de pensións tributan como rendas , non entran no sistema especial de tributación de pensións, isto dá lugar a que dous pensionistas que gañan o mesmo ao ano , un nacional e outro con pensión do estranxeiro , este último paga mais á Facenda Pública”, suliñan.
Neste sentido, critican que, durante moitos anos recibiron unha “mala información”, tanto nas oficinas de Facenda en España como nos Consulados do país de procedencia, onde se lles indicaba que as súas pensións do estranxeiro non tributarían en España. “Todo o mundo debe saber que estas pensións se tramitan a través da Serguridad Social en colaboración co país de orixe , recíbense en contas bancarias , non son diñeiro B , todos os afectados levaran os recibos bancarios ás oficinas de Facenda para as súas declaracións e foi alí onde se lles dixo que non era necesario , mesmo a xestores”, manifestan.
Así, lembran que, segundo a Lei 35/2006 hai que realizar as declaracións de todas as rendas no lugar de residencia. “E por que se nos mal informou? Quen son os responsables de que todo isto sucedese? Porque non son eles os castigados e non nós? É normal que un cidadán do montón deba coñecer todas as leis, ou son os funcionarios públicos dos organismos quen deben informarnos? “, pregúntanse.
A presentación desta nova plataforma terá lugar este marte na Coruña e contará co apoio da Plataforma de Emigrantes Retornados de Costa da Morte. Alí se informará das propostas fiscais para unha “tributación xusta”, deste colectivo coas propostas que xa se presentaron ao Ministerio de Facenda a través da Federación Española de Asociacións de Emigrantes e Retornados ( FEAER) .
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.