O BNG esixe á Xunta que se implique na regulación das vivendas turísticas, que creceron un 4.510 % dende o 2017

Denuncia "a política da lei da selva" do Goberno galego, que inscribe no seu rexistro pisos turísticos "ilegais".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 07/07/2024 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

O BNG defenderá no pleno desta semana no Parlamento de Galicia que a Xunta se implique na regulación das vivendas de uso turístico (VUT) e deixe de "boicotear" os pasos que "con valentía" dan concellos como o de Santiago, liderado pola alcaldesa nacionalista Goretti Sanmartín. A deputada do Bloque Alexandra Fernández denunciou que o Goberno autonómico está "a tentar boicotear" os avances das administracións locais, pero ve aínda "máis grave" que, cando os concellos poñan límites, dedíquese a "facer oídos xordos desas normas e inscriba as VUT ilegais".

Neste contexto, o BNG reclama a Alfonso Rueda que abandone a súa "política da lei da selva", porque os concellos "poden pór normas, pero quen ten as competencias en materia de turismo para controlar e rexistrar os establecementos é a Xunta". Así, Alexandra Fernández levará ao pleno o debate sobre a "evolución explosiva" das VUT, que pasaron de 500 en 2017 a máis de 22.500 na actualidade, un 4.510 % máis. Isto, engade, ten "importantes consecuencias" no prezo da vivenda, na "calidade urbana" e no modelo turístico galego.

Tal e como denuncia o BNG, neste momento para dar de alta un piso turístico e incluílo no Rexistro de Establecementos e Actividades Turísticas (REAT) só hai que presentar unha declaración responsable asinada polo propietario conforme cumpre as normas, "pero non a documentación que o acredite". Por iso, a deputada Alexandra Fernández critica que a Xunta estea a inscribir VUT "irregulares" a pesar de non cumprir coa normativa municipal, un requisito que avalou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. "Un descrontrol premeditado" porque o PP só "retira do censo aquelas vivendas cunha sentenza firme".

A deputada do BNG no Parlamento galego Alexandra Fernández
A deputada do BNG no Parlamento galego Alexandra Fernández | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta