Unha decena de santos galegos teñen no seu interior ósos das catacumbas de Roma: de San Campio a Santa Minia

O Galicia Confidencial fala co mestre, etnógrafo e historiador Clodio González sobre esta tradición popular que motivou algunhas das romaxes máis importantes de Galicia na actualidade.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 04/10/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As catacumbas. Eses grandes cemiterios subterráneos nos que durante séculos se enterrou a persoas en diferentes puntos de Europa, sendo as máis coñecidas as de París e as de Roma. A día de hoxe trátase de lugares turísticos que se poden visitar en parte, e que supoñen un verdadeiro atractivo para as cidades, pero tamén zonas que encerran unha aura de escurantismo, nos que se levaron a cabo rituais de todo tipo e prácticas de maxia negra. Dunha ou doutra maneira, para crentes ou curiosos, é innegable que as catacumbas son lugares que espertan un grande interese, do mesmo xeito que o espertan todos e cada un dos milleiros de ósos atopados nelas. A quen pertencerían? Como terían chegado alí? Canto tempo levan soterrados? As preguntas son moitas, pero, que me diriades se vos conto que en Galicia hai algúns ósos procedentes das catacumbas de Roma? Trátase de ósos de persoas que non chegaron aquí sen máis, senón que viñeron no interior de figuras de santos, pois durante moito tempo considerouse que nas catacumbas só había enterrados mártires. Dende o Galicia Confidencial falamos co mestre, etnógrafo e historiador Clodio González para coñecer máis sobre esta apaixoante, á vez que macabra, tradición popular.

San Campio de Entíns
San Campio de Entíns | Fonte: Commons

Como nos conta, o descubrimento das primeiras catacumbas é relativamente recente no tempo: foi no ano 1593 cando apareceu a primeira en Roma, a de San Calixto, e "descubriuse por casualidade, cando se afundeu unha rúa durante unha obra". Hai que ter en conta que os restos óseos que aparecen nelas son moito máis antigos, pois neses cemiterios subterráneos estiveron facéndose enterramentos ata os séculos IV e V. No caso da de San Calixto, cunha extensión de 15 hectáreas en 5 niveis, enterráronse medio millón de corpos entre os séculos II e IV. Para albergar tal cantidade de falecidos, fíxose necesario practicamente furar o chan de toda a cidade, de tal xeito que, na actualidade, coñécense entre 50 e 60 catacumbas que percorren todo o subsolo da cidade italiana. "O primeiro que pensaron ante tal achado, cando apareceron ante os seus ollos milleiros e milleiros de ósos de persoas, foi que se trataba de mártires e santos", explica González, que apunta que "iso non é certo, porque nelas enterrábase todo tipo de xente, mesmo persoas que nin eran cristiás". Sen embargo, con esa firme convicción relixiosa, e ante o desbordamento pola cantidade de ósos que aparecían, "comezaron a mandar reliquias que contiñan eses ósos a todo o mundo". Italia, México e Alemaña, por orde, foron os países que máis recibiron.

FIGURAS RELICARIAS A TAMAÑO REAL: SAN CAMPIO DE ENTÍNS, SAN CAMPIO DE LONXE E SANTA MINIA DE BRIÓN

No caso de España, chegaron poucos destes ósos das catacumbas, pero, curiosamente, onde máis se conservan é en Galicia. Como indica o historiador, "os primeiros que chegaron fixérono á catedral de Santiago de Compostela, e foron as reliquias de San Vitorio", pero "nestas reliquias están simplemente contidos os ósos soltos, non en forma de figura humana", algo que se fixo posteriormente con outros ósos. De feito, González conta que "o cardeal Celada, nomeado cardeal da por aquel entón rica parroquia outiense de Entíns para recibir os beneficios da mesma sen ter que saír de Roma, e responsable da chegada desas primeiras reliquias de San Vitorio, foi tamén o que mandou posteriormente (en 1795) a Galicia os restos de San Campio, que repousan na Igrexa de San Ourente de Entíns". Restos, estes si, que xa chegaron a Outes tal e como están agora, introducidos nunha figura do santo a tamaño natural. "Por aquel entón xa había obradoiros en Roma que se adicaban a exhumar os restos e facer con eles figuras", apunta o investigador. No caso de San Campio, como en moitos outros, a figura aparece vestida de militar romano. San Campio espertou devoción entre a poboación e, aínda a día de hoxe, se lle segue rendendo culto nunha romaría que se celebra cada ano os días 28 e 29 de setembro.

Ademais, desta figura extrouxeron na súa chegada a Santiago unha reliquia que mandaron para Lonxe, na parroquia de Figueiró, no concello de Tomiño, onde hoxe tamén se celebra unha romaxe na honra de San Campio de Lonxe na última fin de semana de xullo. Outros restos tamén moi importantes a día de hoxe procedentes das catacumbas son os da Santa Minia de Brión, unha figura dunha moza deitada de tamaño natural feita de pasta que contén no seu interior os ósos da que pensaban que era Santa Minia, atopados no subsolo de Roma. Agora ben, González concede que "este caso é diferente ao de san Campio, porque non a trouxo aquí un relixioso, senón un emigrante galego de Brión que estivo en Cádiz e conseguiu que o antigo propietario da escultura lla dese ou lla vendese a mediados do século XIX, no ano 1851". É dicir, non hai tanto da chegada deses restos e, polo tanto, do comezo desta romaxe, que se celebra cada ano no último fin de semana de setembro. "Primeiro a figura ponse na igrexa parroquial e, logo, xa lle fan o santuario no que está agora, levantado na súa honra", explica o historiador. Así, a Santa Minia non deixa de ser unha santa das catacumbas, procedente, máis concretamente, da catacumba de Santa Inés.

Santa Minia de Brión
Santa Minia de Brión | Fonte: Turismo de Galicia

OUTROS CASOS DE MENOR TAMAÑO: SAN XUSTO DE BEMIL, SAN FIDEL DE CARRIL OU SANTA PLÁCIDA DE RUBIÁNS

Coma estes hai outra decena de casos coñecidos de santos relicarios procedentes das catacumbas de Roma ao longo de toda Galicia. González nomea, por poñer algúns exemplos, o San Xusto de Bemil, en Caldas de Reis; o San Cándido e a Santa Constanza de San Miguel dos Agros, en Santiago de Compostela; o San Fidel de Carril, en Vilagarcía de Arousa; a Santa Plácida de Rubiáns, tamén en Vilagarcía de Arousa; o San Miguel de Buciños, en Carballedo... "O que acontece é que estas furnas son máis pequenas, non teñen tamaño natural como San Campio ou Santa Minia", apunta. Ademais, evidencia que, na actualidade "hai algunhas que xa non reciben culto, pero si que, en tempos, tiveron a súa importancia". Sen lugar a dúbidas, os santos das catacumbas que maior culto profesan a día de hoxe son o San Campio, tanto o de Outes como o de Tomiño, e a Santa Minia de Brión. A maiores dos xa comentados, o investigador confesa que "hai algúns máis, pero están en poder de particulares e non podemos saber a ciencia certa cantos son". Pon o exemplo da figura dun neno, coñecida como o San Fiz, que se atopa no Pazo de Leboráns, no concello de Ames, que non ten culto.

COMO SE LLES IDENTIFICABA COMO SANTOS? "NA MAIORÍA DOS CASOS NON SE SABÍAN DE QUEN ERAN OS ÓSOS E A IGREXA BAUTIZÁBAOS 'A POSTERIORI'"

Chama poderosamente a atención, coa concepción que temos actualmente das catacumbas, que naquel momento se introducisen en figuras de santos ósos de persoas anónimas, que, en moitos casos, nin sequera eran cristiáns. A pregunta lóxica é: de onde sacaron os seus nomes? Como sabían a súa historia? Por que consideralos mártires? González explica que, aínda que non en todos os casos, dalgúns destes santos, como San Campio e Santa Minia, dise que apareceu a súa historia escrita ao carón. Así, "no caso de San Campio din que cos ósos apareceu unha carteliña que dicía que se chamaba Campio", e "no caso de Santa Minia tamén din que apareceu unha pedra, que a día de hoxe está coa figura na furna, que dicía que se chamaba Minia e que descansaba no son da paz". Deste xeito, pódese entender que estes casos concretos tiñan un por que, aínda que o historiador tampouco lle dá moito crédito ás historias: "É un por que relativo, porque a saber se foi certo ou non". No caso dos outros ósos, González explica que "na maioría dos casos non se sabían a quen pertenceran, de tal xeito que os bautizaban 'a posteriori', poñéndolles nomes de santos e sempre moi relacionados con virtudes e valores relixiosos e da igrexa: San Cándido, pola candidez; Santa Constanza, pola constancia; San Fidel, pola fidelidade; San Fiz, pola felicidade...".

POR QUE MANDAR ÓSOS DAS CATACUMBAS POLO MUNDO ADIANTE? "O TEMA DAS RELIQUIAS SEMPRE FOI MOI EXPLOTADO POLA IGREXA"

Outra das preguntas lóxicas que un pode facerse é: por que mandaron os ósos polo mundo adiante se podían conservalos como atractivo turístico? Como explica o etnógrafo, aínda que pode haber medio cento de catacumbas en Roma, accesibles para a visita do público só hai tres. "Con tantas catacumbas a cantidade de ósos de persoas atopada era tan grande que tiñan para repartir para todos os sitios, de feito, en Italia hai un mosteiro, a Cripta dos Capuchinos, que conserva máis de 160 corpos das catacumbas", apunta. Ademais, o tema das reliquias "sempre foi moi explotado pola igrexa", polo que lle interesaba ter diferentes santos das catacumbas repartidos por diferentes países. E é que, aínda que a día de hoxe "moitas destas figuras carecen de importancia, antigamente chegaron a ter moita, porque á xente lle chamaba moito a atención poder achegarse a elas e tocalas, creándose lugares de peregrinación e devoción". Tanto é así que o historiador conta que "ata hai xente que fala de que tanto San Campio como Santa Minia, ao tratarse de figuras a tamaño real, poden tratarse de corpos incorruptos, cando non é certo". De feito, para os estudosos das vidas dos santos, na actualidade, xa non hai discusión sobre a procedencia real dos ósos que hai dentro das figuras: as catacumbas de Roma. Agora ben, dende mediados do século XIX, xa non deixan retirar ósos das catacumbas. É máis, ata aconsellan que se devolvan os que foron extraídos delas.

San Campio de Lonxe
San Campio de Lonxe | Fonte: Telemariñas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta