San Simón volve ser a illa da memoria histórica

O Consello da Cultura Galega reflexiona nesta lugar emblemático sobre a xestión dos lugares da represión franquista.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 03/10/2024 | Actualizada ás 12:11

Comparte esta noticia

Que facer cos espazos da represión franquista no día a día? Esta é a pregunta que profesionais de diferentes lugares da península tratarán de responder na xornada “A xestión dos lugares de memoria da represión franquista”. A cita ten lugar este venres 4 de outubro (a partir das 10:30 horas) na Illa de San Simón e está organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello de Redondela.

Asasinados na Illa de San Simón no réxime franquista
Asasinados na Illa de San Simón no réxime franquista | Fonte: Deputación de Pontevedra - Arquivo

O encontro comezará cunha conferencia do profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e vicepresidente do CCG, Xosé M. Núñez Seixas, baixo o título Lugares de memoria e pasados traumáticos: unha ollada europea; a continuación explicarase o tema A xestión dos lugares da represión franquista en Navarra, impartida por José Miguel Gastón, do Instituto Navarro de la Memoria. Da Universitat de Barcelona provén a profesora Queralt Solé, que falará sobre A xestión da memoria da represión franquista en Cataluña. Todos eles tratarán a xestión e tratamento histórico da memoria neses espazos repartidos pola xeografía española.

MEMORIA EN GALICIA

A sesión da tarde estará centrada nas experiencias dos espazos da memoria dentro do país. Comezará ás 15:00 cunha visita guiada pola illa de San Simón, despois da cal se abrirá a conferencia Lugares de memoria do pasado traumático na Galicia actual, do profesor da USC Emilio Grandío; despois, será a quenda dun coloquio baixo o título Experiencias e perspectivas de xestión dos lugares de memoria, moderado por Montse Fajardo coa participación de Manuel Pérez Lorenzo, Xosé Manuel Suárez, Cristina Fiaño e Digna Rivas. No faladoiro falarase da experiencia en lugares como o Pazo de Meirás, o Castelo de San Filipe, O Vello Cárcere (Lugo) e a propia illa de San Simón. 

Este evento enmárcase dentro do ciclo Seíam'eu... en San Simón organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Concello de Redondela, cunha actividade anaual en relación aos temas da lírica e da historia medieval e da represión, o exilio e a memoria, áreas relacionadas coa historia da illa de San Simón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta