O Sergas anuncia un plan antiburocracia para facilitar as baixas médicas en Primaria

Tamén anuncia un plan funcional de Atención Primaria para o ámbito rural, con "especial atención" na cronicidade da poboación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) lanzará "este mesmo ano" un plan para reducir a burocracia na Atención Primaria, que incidirá especialmente en eliminar as consultas para acceder a unha baixa médica ou para ampliala. Así o avanzou este martes o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na que foi a súa primeira comparecencia no Parlamento galego desde que tomou posesión do cargo o pasado mes de marzo.

O conselleiro de Sanidade,,Antonio Gómez Caamaño, no Parlamento
O conselleiro de Sanidade,,Antonio Gómez Caamaño, no Parlamento | Fonte: Xunta

Por exemplo, este plan antiburocracia, que este ano estará xa operativo "nun 40 por cento", permitirá que os servizos hospitalarios poidan conceder as incapacidades temporais (IT) de maneira "automática", sen que o paciente as teña que solicitar ao seu médico de cabeceira. Ademais, evitarase que as persoas que presumiblemente vaian estar de baixa por un tempo prolongado, por causas como fracturas ou enfermidades oncolóxicas, teñan que acudir "cada pouco" a renovala ao seu centro de saúde.

O plan antiburocracia no Sergas empezarase a aplicar "nun 40 por cento" este ano, co obxectivo de que en 2026 estes trámites de carácter "administrativo", que agora supoñen "o 30 por cento" do tempo de traballo dun médico, redúzanse "ao mínimo imprescindible". O plan tamén contempla "potenciar" o papel do farmacéutico en Atención Primaria, "axilizar" con tecnoloxía a elaboración de informes como os que serven para solicitar a dependencia, así como "mellorar a comunicación" coa Hospitalaria.

OUTRAS MEDIDAS PARA PRIMARIA

Así mesmo, Gómez Caamaño avanzou medidas do Sergas para a mellora do primeiro nivel asistencial nesta lexislatura. Entre elas, mencionou un novo decreto para darlle "maior autonomía", o aumento do persoal de Enfermaría para que haxa un profesional desta categoría por cada médico e recursos móbiles para que determinados servizos, como os de radiodiagnóstico, se despracen a centros de saúde "onde se detecten necesidades".

Xunto a isto, anunciou a elaboración dun plan funcional de Atención Primaria para o ámbito rural, con "especial atención" na cronicidade da poboación envellecida. O conselleiro de Sanidade tamén confirmou que no prazo "dun ano" espera ter xa aprobado o novo plan de ordenación de recursos humanos, que ofrecerá "un mapa preciso" dos traballadores dispoñibles no presente e cunha "proxección a futuro" que permitirá planificar a curto, medio e longo prazo.

Así, este mesmo mes constituirase un grupo de traballo para redactar un primeiro documento, co obxectivo final de elevar unha proposta á mesa sectorial, para discutila cos sindicatos. Dentro da súa vontade de orientar as súas políticas a "optimizar" os recursos dispoñibles, Gómez Caamaño avanzou a creación dunha oficina técnica para, a través duns indicadores, "avaliar a eficacia" das medidas implementadas en campos como as listas de espera e a efectividade dos fármacos.

No ámbito lexislativo, o titular de Sanidade destacou a elaboración da futura lei de prevención de adiccións dirixida aos menores, para os que se prohibirán os vapeadores e as bebidas enerxéticas. A intención é que "este mesmo ano" o texto chegue ao Parlamento, unha vez o aprobe o Goberno galego.

REIVINDICA MEDIDAS

O conselleiro tamén aproveitou a súa comparecencia para sacar peito de que a sanidade pública galega supera este ano "por primeira vez" os 5.000 millóns de euros de orzamento. Tamén valorou algunhas políticas postas en marcha para "evitar ineficiencias" no sistema e "coordinar" todos os medios, como o foi a integración do Sergas na propia estrutura da Consellería de Sanidade.

Tampouco se esqueceu Gómez Caamaño de mencionar o plan para a cobertura de vacantes no verán, que recolle medidas como que os MIR de último ano pasen consulta de maneira autónoma en centros de saúde. Aínda que este plan estival que acaba de arrincar, coa incorporación de máis dun centenar de residentes, non foi o motivo da súa comparecencia, si centrou o debate co BNG e o PSdeG. O deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, rexeitou intervir.

DÉFICIT DE MÉDICOS "XENERALIZADO" EN ESPAÑA

Neste contexto, o conselleiro volveu a recoñecer que hai un "déficit de profesionais" que é "xeneralizado" en España e en Europa, aínda que reivindicou que a Consellería fai "todo o posible" nos últimos anos para paliar o problema. E é que este verán, "a priori, prevese máis complexo" no que respecta á atención sanitaria. Pero achacouno á "inacción" do Goberno central para buscar solucións.

Por parte do BNG, principal grupo da oposición, a deputada Montse Prado comezou afeando que o conselleiro tardase "tres meses e cinco plenos" en comparecer no Parlamento. A nacionalista censurou que a Xunta viva nunha "realidade paralela", non faga "un diagnóstico certeiro" da situación do Sergas e culpe ao Goberno central polo déficit de profesionais e na formación MIR cando ata 2021 "non esgotaban as prazas" en Medicina de Familia que lles permitía convocar o Ministerio.

Ademais, Prado criticou que o conselleiro anuncie o plan de recursos humanos "para dentro dun ano". En liñas similares, Elena Espinosa (PSdeG) puxo encima da mesa datos que evidencian que Galicia "necesita máis orzamentos de Sanidade", á vez que reclamou "un plan de choque" para reducir as demoras.

En canto aos recursos humanos, a socialista censurou que na convocatoria de formación sanitaria especializada deste ano deixásense sen cubrir 100 prazas porque a Xunta non ofrece, asegurou, unhas "condicións adecuadas". Neste sentido, Espinosa tamén pediu un "plan real de incentivos" para cubrir vacantes en lugares de difícil cobertura.

Desde o PP, Encarnación Amigo insistiu en apuntar a "responsabilidade" do Goberno central na falta de médicos que afecta a toda España mentres a Xunta "pon medidas encima da mesa". Amigo afeou á oposición que empregue "os medos da xente como arma política" cando as autonomías están a facer "o seu traballo" para planificar o verán. Todo iso a diferenza do Estado, porque en seis anos houbo "seis ministros" de Sanidade e "non se elaborou ningún plan de continxencia".

Na súa segunda intervención, o conselleiro de Sanidade díxose "profundamente decepcionado" coa oposición polo seu "escaso interese" de mellorar o sistema de saúde "máis aló do oportunismo e a demagoxia". As afirmacións de socialistas e nacionalistas, engadiu, irrítanlle " como profesional sanitario" porque "son demagoxias, cando non falsidades".

CONGRESO DA UPG

Durante o debate, produciuse unha pequena lea cando a popular Encarnación Amigo denunciou o "verdadeiro ADN" que, ao seu xuízo, ten o BNG despois do congreso da Unión do Povo Galego (UPG) (corrente maioritaria do Bloque) celebrado o pasado domingo, no que o partido se reafirmou nas súas teses de "comunismo e independencia".

Posteriormente, Montse Prado (BNG), como integrante da dirección da UPG, díxose "orgullosa" de pertencer a un partido que "ten como obxectivo prioritario o benestar dos galegos" e a "redistribución de riqueza". "Quen debería vir aquí un pouco a avergoñarse é o PP, que o único que fai é ser comercial das empresas, cómplice do espolio do noso país, estar a ocupar poder non para beneficio da maioría dos galegos e das galegas, senón para beneficio propio", esgrimiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta