Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/07/2024 | Actualizada ás 20:40
A semana pasada a Xunta anunciou nos medios de comunicación que vai investir máis de dous millóns de euros de diñeiro público en mellorar a totalidade das bases e instalacións do 061. A administración galega comunicou que o investimento levarase a cabo nas bases de: Coruña (dúas bases), Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Monforte de Lemos, Foz, Ourense (dúas bases), Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Vigo e Mos.
Con todo, e buscando os datos reais,que constan na páxina web corporativa de Urxencias Sanitarias, resulta que as bases de ambulancias en Galicia suman 87 de Soporte Vital Básico (SVB) e 15 de Soporte Vital Avanzado (SVA), é dicir, hai un total de 102 bases de ambulancias en Galicia.
Por iso, o sindicato FE-TES denuncia irregularidades neste anuncio. "Resulta estraño pensar que as emerxencias sanitarias de toda Galicia se poidan cubrir só desde once localizacións físicas e con 13 bases", indica nun comunicado. "Denunciamos recentemente as condicións terceiromundistas nas que se atopaban as compañeiras e compañeiros da base de Celanova e cónstanos que en moitas das restantes", critican.
Así, lembran que hai 89 bases nas que non van ser reparadas as deficiencias "humidades, espazos reducidos, uniformes escasos, temperaturas que exceden o estipulado na normativa de Prevención de Riscos Laborais, material deficiente, etc". "A administración non só se lavou as mans á hora de abordar estes problemas, senón que mirou cara a outro lado sen asumir a tutela das condicións que constan nos pregos polos que outorgan os concursos públicos a empresas privadas", engade.
Neste sentido, piden á administración que rectifique e publique datos reais sobre os investimentos que fan con diñeiro de todas as persoas contribuíntes porque desde FS*TES seguiremos denunciando as súas mentiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.