Unha ex alumna dunha FP dual de Gandería denuncia ser "traballadora barata" durante as prácticas

O director do IES de Melide David Canoura: "Pode ser equívoco chegar a asumir todo o que se di aí sen outro filtro". .

Por Amanda Fernández | Lugo | 13/07/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O Sindicato de Estudantes Galiza denunciou "explotación laboral a estudantes de FP de Gandería e Asistencia Veterinaria" publicando unha crónica en forma de carta dunha ex alumna que manifestaba o seu descontento polas prácticas realizadas. O Galicia Confidencial púxose en contacto con ela e expresou que o seu malestar está dirixido, principalmente, cara ao insituto que foi onde "fixo a matrícula da formación". Decidiu deixar este ciclo ante a situación, pero indica que é un sentir xeralizado entre toda a clase, que xa desde o primeiro día estaban "desinformados" do que serían as súas prácticas e os seus horarios. "Aínda hai xente en prácticas, xa que remantan en xullo, e moitos non expresaron o malestar por medo ás posibles consecuencias", comentaba. 

Unha vaca leiteira, da raza bovina frisoa, nas instalacións dunha granxa
Unha vaca leiteira, da raza bovina frisoa, nas instalacións dunha granxa | Fonte: Isabel Infantes - Arquivo

A carta compartida polo Sindicato iniciaba así: "Comezamos a FP dual, tras unha entrevista co director do centro educativo e os directores da cooperativa Clun. As clases teóricas das materias específicas do curso foron nulas en aprendixaze, os docentes non explicaban a materia nin tiñan os coñecementos sobre elas, simplemente faciamos traballos para expoñelos e explicarnos uns a outros na clase. Desde o primeiro día tivemos moitas dúbidas de como se realizarían as prácticas na empresa que non nos resolvían". 

Do inicio da formación e da oferta de prácticas, destaca: "Catro días antes de comezar as prácticas avísannos de que temos que realizalas si ou si en gandería de vacas de leite e mándannos directamente a nós que chamemos aos gandeiros para presentarnos e concretar horarios. Os cinco meses de prácticas estaban programados para desenvolvelas en empresas de vacún de leite asociadas á cooperativa Clun, sen dar a opción a outro tipo de empresas, algo que non ten ningún sentido posto que no ciclo se imparten materias de traballo con cabalos, porcos, galiñas,..."

"XUNTÁMONOS E FIRMAMOS TODOS UN PAPEL ESIXINDO INFORMACIÓN"

A ex alumna expresa na carta que manifestaron o seu descontento cos horarios que estaban a ter nas súas prácticas: "Tiñamos cinco venres para asistir ao centro educativo e formarnos con veterinarios e nutriólogos de Clun. Eses venres comezamos a amosar o noso desconcento cos horarios: xornadas de máis de oito horas, non se cumprían as 12 horas de descanso entre xornadas, traballabamos fins de semana e festivos, o alumnado moitas veces non podía descansar ou parar para comer ou beber algo, faciamos sobre esforzos que conlevaban lesións e realmente ocupabamos postos de traballo mentres os empresarios aproveitaban para dar vacacións aos empregados".

Continúa indicando que pediron documentos do convenio para ver as condicións e que, en primeira instancia, lles dixeron que non os tiñan e logo que non podían dalo. Así pasaban as semanas ata que se xuntaron e firmaron todos "un papel esixindo información sobre seguro, horarios, fins de semana e solucións para a xente sen carné". Dixéronlles que o ían solucionar e entréganlles o convenio no que viron que "o alumno só figuraba coa cooperativa Clun e non coas empresas de gandería". Afirma que se moveron e se informaron e que ao final lles terminan recoñecendo que non teñen a obriga de traballar as fins de semana e que o seguro non os estaba cubrindo durante eses días que fixeron. "Falamos todo esto co director e, casualmente, a última hora aparece a titora cun papel para firmar onde poñía sen especificar nada máis 'cambio de horario voluntario'. Sentímosnos enganados e decidimos non firmalo".

"EN CONCLUSIÓN ERAMOS TRABALLADORES BARATOS"

Na carta continúa expresando: "Volvemos falar co director e profesores que nos din que ese papel é para ir os fins de semana, que se non o firmamos e non vamos os fins de semana, estamos fóra do ciclo e que se non o firmamos, pero imos os fins de semana 'é o noso problema se pasa algo'. Aínda que o papel poñía claramente voluntario ameazáronnos porque sabemos que inicialmente a Xunta lles deu unhas condicións aos gandeiros ás que nos non estabamos obrigados e o que pasaba é que non querían rompelas e quedar mal con eles".

Despois disto, manifesta que un dos venres no centro, apareceu unha persoa de recursos humanos de Clun para aclarar e "chegar a un acordo". Recoñeceulles que efectivamente, as fins de semana e festivos son voluntarios e que as xornadas con malos horarios se van solucionar. "Todo iso tarda semanas en solucionarse", expresa. Reivindica tamén: "Tras todos estes problemas, os pagos da bolsa (bolsas FEUGA de 540 euros, é dicir menos da metade do SMI por unha xornada laboral de 40 horas) comezaron a baixar.  Aínda facendo as 40 horas semanais, festivos e fins de semana, algúns alumnos non cobraban o total da beca"

Finaliza o escrito: "Aínda despois de demostrar que nos estaban enganando o director de Clun reúne individualmente aos alumnos para pedirnos por favor que fagamos os fins de semana e festivos. Moitos gandeiros, tras esixir que se cumplisen os nosos dereitos, néganse a seguir coas 'prácticas' e deixan a reputación dos alumnos polos solos falando mal deles. Con toda esta mala xestión por parte do centro educativo e empresa non estabamos aprendendo nada nas prácticas, xa que todo consistían en muxir e limpar. En conclusión eramos traballadores baratos". 

A VERSIÓN DO IES DE MELIDE

Este xornal púxose en contacto con David Canoura, director do IES de Melide, que expresa que tiveron coñecemento do descontento desta ex alumna a través da publicación por medio do Sindicato de Estudantes. "Ela directamente non veu aquí a manifestarse de ningunha maneira", afirma. Comenta que no momento en que tivo algún problema no desenvolvemento das prácticas foi atendida e tentaron axudala. Así, destaca: "Non quero entrar en valoracións persoais da carta, non me interesa nin descalificar nin desacreditar a alguén que ten ese punto de vista. É algo persoal, nunhas circunstancias persoais que lle levan a tomar unha serie de decisións. Teño que dicir que hai inexactitudes e incluso falsedades dentro da mesma. Pode ser equívoco chegar a asumir todo o que se di aí sen outro filtro". 

Sobre diversos puntos da carta explica que a FP dual organízase por un convenio entre a Xunta de Galicia e unha ou varias empresas e implica un maior número de horas de formación en empresas, que logo se certifican como práctica laboral. Así, alternan prácticas con formación, entre presenza na empresa e no centro. Son remuneradas, de dúas maneiras, por un contrato en prácticas en alternancia ou sistema de bolsa, que pode elixir a empresa entre cal destes mecanismos usar e o teñen que recoller no convenio inicial que asinan coa Xunta. A maioría escolle o modelo de bolsa, que ten que ser, como mínimo, a metade do SMI. O alumnado é do centro, fai formación na empresa privada e recibe unha remuneración xestionada a través da FEUGA.  

Que pasa coa xornada laboral? "A que aparece no convenio ten que ser a mesma que a empresa e así aparece recollido", expón e indica que os convenios son públicos desde a páxina da Xunta desde a páxina de FP coas condicións de cada contrato: tipo de bolsa, salario, xornada da empresa,... vén detallado nese convenio. "En canto a fins de semana, en inicio, neste tipo de convenios non son obrigatorias senón optativos para o alumnado", manifesta e engade que terían que asinar un documento de conformidade de que o alumno acepta traballar algunha fin de semana. "En calquera caso, desde o centro sempre garantimos desde o primeiro momento, que se lles tocaba traballar, os dous días seguintes tiñan que libralos. Non pode dárse a situación de que se traballe sen descanso", comenta. 

Fai fincapé en que o problema das empresas de gandería é que as quendas non respetan o descanso de 12 horas entre o fin dunha quenda e o inicio da outra: "As quendas de muxidura son ás seis da mañá e ás seis da tarde". En canto aos festivos, expresa, houbo granxas que os pediron, xa que como particulariedade das granxas de vacuno, practicamente non hai horarios, falando de explotacións pequenas, en concreto. Non é este un ciclo ao uso porque comezan as prácticas en febreiro ou marzo e rematan en xullo, por exemplo. "É un ciclo moi vocacional e con moitas saídas profesionais", afirma o director. 

Fai autocrítica valorando que é a primeira vez que o centro se enfrontaba a esta proposta en concreto e que era consciente de que habería desaxustes polo que se pediu a colaboración do alumnado: "Houbo certa información que non podiamos dar por descoñecemento pola nosa parte. Son irregularidades das que se tomou parte e se fixo por solucionalas, xa que non podían estar facendo un horario que non respetase a legalidade". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 MenudaFp-Fpmediocre

É o que ten a FP Dual...dáselle todo o alumnado en prácticas a unha "empresa privilexiada" cercana ao rexime. Tamén e a empresa a que selecciona o alumnado, deixando fóra a alumnado con necesidades educativas, levando a anha discriminación a eses alumnos non seleccionados. O alumnado en prácticas son traballadores que a empresa non remunera (porque eses cartos saen de Europa) e que serven para cubrir postos de traballo de empregados que ou ben collen vacacións ou se botan fóra de seu posto de traballo. ASI VAY A FP EN GALICIA... Menudas autoridades educativas que temos!!