A CEG concorrerá dividida a novas eleccións tras a dimisión de Alvariño

Varios candidatos se perfilan para o máximo órgano dos empresarios galegos. Podería haber ata tres; un próximo ao actual presidente, outro ao sector oficial de Ourense e Lugo e un terceiro, aos actuais sectores críticos.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 24/11/2015 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

Manuel Fernández Alvariño decidiu este luns presentar a súa dimisión como presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), un órgano que leva meses dividido e enfrontado.  Unha decisión que abre a porta a unhas eleccións moi disputadas nas que se poden presentar ata tres candidatos con visións moi diferentes do organismo empresarial.

Manuel Fernández Alvariño, ex presidente da CEG
Manuel Fernández Alvariño, ex presidente da CEG | Fonte: economiadigital.com

Alvariño fixo pública a súa decisión durante a celebración do comité executivo da CEG, que decidía a aprobación do calendario de eleccións para a súa celebración o próximo 15 de xaneiro. Fíxoo logo dunha tensa sesión na que o sector crítico presentou 121 sinaturas para forzalo a celebrar unha asemblea xeral o venres 27.

A decisión do ata hoxe presidente da CEG ven precedida dun longo conflito de máis de ano e medio entre distintos sectores do empresariado galego. Unha situación que provocou que a entidade manteña bloqueada as súas contas de 2014, que os críticos atribúen ao rexeitamento a operacións e contratos que vinculan con achegados a Alvariño e este interpreta como un "obstrucionismo claro" por parte de determinadas persoas.

Así, os críticos reproban a contratación de empresas do propio presidente da CEG para determinados servizos da patronal, como o coche oficial (contratado a Auto Rent) e o seguro da sede (contratado a Riescontrol).

A esta xuntanza asistiron os principais responsables as entidades empresariais galegas. Por parte da CEC, o expresidente da CEG, Antonio Fontenla, rival histórico de Alvariño. Tamén asistiu Jaime López, secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e José Manuel Pérez Canal, da de Ourense.

Candidatos

Precisamente, tras a decisión de Alvariño de dimitir –tamén dimitiu o tesoreiro--, ábrese un período de configuración de alternativas empresariais. Algunha dela xa está avanzada como é a de José Manuel Pérez Canal, presidente da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) e un dos colaboradores de Alvariño ata fai ben pouco. De feito, Pérez Canal era o presidente da polémica Comisión de Economía á que chegou para tentar poñer as paces entre os sectores enfrontados e da que dimitiu hai unhas semanas incapaz de resolver o forte enfrontamento entre o sector crítico e Alvariño.

Pérez Canal é o presidente de Aceites Abril e ten boa imaxe entre os empresarios ourensáns. Conta, ademais, co apoio do poderoso Parque Empresarial do Polígono de San Cibrao das Viñas. Con todo, non é un home “de carácter” e gústalle rodearse dun equipo que faga ese traballo duro “que a el non lle gusta facer porque non se sente cómodo nas grescas”, segundo as fontes consultadas por GC.  Ata o de agora, Pérez Canal é o mellor posicionado xa que conta co apoio dos empresarios da súa provincia, unidos en torno ao seu liderato, e tamén cos da Confederación de Empresarios de Lugo. A súa candidatura conta, ademais, co apoio indirecto da Xunta de Galicia.

Pérez Canal pode ter en fronte a Juan Manuel Vieites, secretario xeral de Anfaco, e home da total confianza de Fernández Alvariño, que, tras a crise interna da CEG, non se presentaría pero apadriñaría unha candidatura. De feito, Vietes forma parte do comité executivo da confederación por designación directa do presidente e é un home de Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, que é o gran apoio que aínda conserva Alvariño.

Nos últimos días tamén se fala dunha terceira candidatura próxima ao sector máis crítico. Sería a de Antonio Diéter Moure,  presidente da Asociación de Empresas de Formación de Ourense, que foi un dos empresarios ourensáns máis belixerantes con Alvariño. Conta co apoio de Aurelio Villar, da Federación de Comercio de Ourense, e tamén con todo o sector crítico da Coruña que podería evitar presentar candidato para apoialo a el.

Diéter está ademais considerado como o sector crítico da Confederación de Empresarios de Ourense e, nos últimos meses, estivo presionando ao seu presidente, Pérez Canal, para que interviñera directamente no conflito da CEG pedindo a dimisión de Alvariño, segundo apontan as fontes consultadas por GC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta