Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 11/07/2024 | Actualizada ás 15:11
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico publicou este xoves no Boletín Oficial do Estado (BOE) a autorización para a construción de dous parques eólicos nos municipios das Pontes de García Rodríguez, Xermade, Vilalba e Guitiriz. Ambos, 'Tesouro' e 'Santuario', son proxectos de Enel Green Power España.
'Tesouro' está situado nas Pontes e conta cunha potencia de 50,4 megawatts, con sete aeroxeradores de 170 metros de diámetro e unha altura de 115 metros. 'Santuario', pola súa banda, enmárcase en Xermade, Vilalba, Guitiriz e tamén nas Pontes. Trátase dunha instalación con 161 megawatts, composta por 23 aeroxeradores de 170 metros de diámetro e 115 de altura.
Estas autorizacións de construción, segundo recolle o BOE, non son firmes. É posible interpor recurso de alzada no prazo dun mes. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, valorou "positivamente" estas autorizacións administrativas, informa o Consistorio nun comunicado. "Supón a constatación de que As Pontes é a referencia de xeración de enerxía tanto convencional como renovable, adaptándose ao novo modelo enerxético da Unión Europea e do Estado", apunta o rexedor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.