Os propietarios de pisos alugados a universitarios poden beneficiarse da redución do IRPF

Así o recoñece unha nova sentenza do TSXG que rexeita a tese da administración demandada, que defende que se trata de alugueiros de tempada e, polo tanto, para un uso distinto ao de vivenda.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/07/2024 | Actualizada ás 10:49

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu parcialmente o recurso contencioso-administrativo interposto polo arrendatario de dous pisos de estudantes situados en Santiago de Compostela contra o Tribunal Económico-Administrativo Rexional de Galicia (TEAR) e recoñeceu o seu dereito a que se lle aplique a redución instada ao amparo do artigo 23.2 da LIRPF na liquidación do IRPF do ano 2017. O recorrente, segundo consta na sentenza, pretendía a redución por ambos os inmobles, alugados durante dez meses -de setembro a xuño- durante o ano 2017, destinados ao mesmo fin de vivenda universitaria, tanto en exercicios precedentes como en posteriores. A duración dos contratos, polo tanto, fíxose coincidir co período académico.

Imaxe de estudantes da UVigo.. UVIGO - Arquivo
Imaxe de estudantes da UVigo.. UVIGO - Arquivo

A sección cuarta da Sala do Contencioso-administrativo indica na resolución que “non é preciso que o contrato se supedite a un determinado período de tempo para que sexa aplicable o beneficio fiscal do artigo 23.2, sendo o único requisito o de que se arrende o inmoble cun destino de vivenda respecto dos arrendatarios”. Desta forma, rexeita a tese da administración demandada, que considera que o arrendamento previsto para o curso escolar é un alugueiro de tempada e, polo tanto, para un uso distinto de vivenda. “Non se pode acoller o seu criterio, dun lado, porque realmente a LIRPF non nos remite expresamente á LAU para a interpretación do artigo 23.2; e, doutro, porque, a criterio desta Sala, o feito de que o arrendamento se acoutase temporalmente no ano non impide que durante o período en que está arrendado se destinara á necesidade de vivenda dos arrendatarios”, explica o tribunal, que destaca que, ademais, algúns dos arrendatarios son os mesmos nos sucesivos cursos escolares.

O alto tribunal galego explica que esta interpretación, ademais, debe facerse en consideración ás sucesivas reformas da Lei 29/1994, entre elas a máis recente, Lei 12/2023, do 24 de maio, polo dereito á vivenda, entre cuxos obxectivos se establecen o “facilitar o acceso a unha vivenda digna e adecuada ás persoas que teñen dificultades para acceder a unha vivenda en condicións de mercado, prestando especial atención á mocidade e colectivos vulnerables e favorecendo a existencia dunha oferta a prezos alcanzables e adaptada ás realidades dos ámbitos urbanos e rurais”. Iso está, segundo o TSXG, “intimamente ligado ao fin perseguido coa Lei 46/2002, ao introducir o beneficio fiscal ao que se quere acoller o recorrente, de incrementar a oferta de vivendas arrendadas e minorar o prezo dos alugueiros, potenciando o alugueiro de inmobles de uso residencial, fronte ao uso turístico dos mesmos ou a súa desocupación”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta