Máis de 100 investigadores predoutorais incorporaranse en xullo

As axudas, cofinanciadas pola UE, buscan fortalecer a formación en investigación nas universidades e centros galegos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/07/2024 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

Un total de 102 investigadores incorporaranse este mes de xullo ás universidades públicas galegas e outros organismos de investigación na súa etapa predoutoral cun contrato financiado pola Xunta. O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución destas axudas, por un importe total de máis de 11,7 millóns de euros. As axudas están cofinanciadas parcialmente no ámbito das universidades do Sistema universitario de Galicia pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

No que respecta aos centros nos que realizarán a súa actividade, 61 incorporaranse á Universidade de Santiago de Compostela, 20 á de Vigo e nove á da Coruña. Ademais, catro desenvolverán o seu labor na Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), tres no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), tres no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) e dúas na Fundación Biomédica Galicia Sur (FBGS).

O obxectivo destas axudas é apoiar a formación do persoal investigador desde etapas iniciais (preparación da tese doutoral) partindo da base de que, mediante procesos formativos estables, adquirirán as habilidades propias do persoal investigador.

En total, hai 347 predoutorais realizando os seus traballos de investigación en Galicia grazas a esta liña de apoio da Xunta de Galicia, dos que 245 son de anteriores convocatorias, aos que se suman os 102 novos investigadores financiados a través da de 2024.

Científica na Unidade Mixta de Investigación
Científica na Unidade Mixta de Investigación | Fonte: ganadores.gal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta