Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2024 | Actualizada ás 17:56
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse este luns coa Comisión para a Simplificación e Eficiencia na Xestión Educativa, órgano creado co obxectivo de reducir a burocracia nos centros educativos e que aprobou, entre outras medidas, implantar un sistema de expedición automatizada de certificados, a tramitación integrada das solicitudes de intervención dos Equipos de Orientación Específica ou un sistema integral dixitalizado de tramitación de permisos docentes.
Así o trasladou a Consellería nunha nota de prensa na que sinalou que o obxectivo é que estas medidas entren en vigor a partir de setembro co inicio do novo curso. A redución da burocracia é un dos puntos pactados entre a Xunta e as organizacións sindicais (CC.OO., ANPE e UGT) que asinaron o Acordo para a mellora do sistema educativo selado o pasado outono.
En concreto, na Comisión, composta por representantes da Consellería, de docentes de colexios, institutos e centros integrados de FP, así como dos tres sindicados, analizáronse os informes técnicos dos catro grupos de traballo específicos creados para este fin segundo o tipo de ensinos (de Infantil e Primaria, de Secundaria, de FP e de Réxime Especial) e pecháronse as primeiras medidas que inciden na mellora dos servizos ao alumnado e ás súas familias e no labor dos docentes e dos equipos directivos.
ALUMNADO E FAMILIAS
Sobre o relacionado directamente cos servizos ao alumnado e ás familias, xa desde principio de curso operará a expedición automatizada de certificados, como os de matrícula, ademais da tramitación integrada de solicitudes de intervención dos Equipos de Orientación Específica. Neste último caso, a Xunta destacou que será unha tramitación en liña que tratará de axilizar o proceso centralizándoo nun expediente único desde que un orientador pide a intervención para un alumno en concreto, a dirección revisa a solicitude e finalmente validar Inspección Educativa.
DOCENTES
En canto á mellora dos servizos docentes e á interacción cos equipos directivos, desde principios de curso operará un procedemento simplificado para o rexistro das actividades do profesorado na plataforma XADE de Xestión Administrativa de Educación. Así mesmo, operará un sistema integral para a xestión de permisos e licenzas dos docentes para asistir a actividades de formación, con tramitación dixital dos mesmos. Doutra banda, tamén se aprobou facilitar progresivamente as probas das avaliacións de diagnóstico en soporte dixital, fronte ao formato en papel no que se fornecían ata agora.
DIXITALIZACIÓN
Ademais, outro dos aspectos avaliados nesta Comisión é a actualización dos protocolos de absentismo, de procedemento corrector de condutas contrarias ás normas de convivencia, coa finalidade de proporcionar aos centros documentos e guías actualizadas. Na reunión, tamén se deu luz verde a traballar na implementación doutras medidas de mellora de funcionamento dos centros que derivará "nun mellor servizo á comunidade educativa e que completarán o primeiro paquete de accións aprobadas".
En definitiva, tal e como subliñou a Consellería, continuarase avanzando na integración e actualización de procedementos burocráticos de xestión interna a través da dixitalización de procesos, acceso e tratamento de datos; na xestión da documentación do alumnado cun espazo dixital único para arquivar, conservar e transmitir documentos a pais e alumnos, así como establecer un sistema para transferir rapidamente e con acceso controlado os documentos das probas obxecto de reclamación; en melloras relativas á xestión de transporte e comedor escolar, e na simplificación do proceso de matrícula, entre outros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.