Por Galicia Confidencial | Vigo | 27/11/2015 | Actualizada ás 09:40
Florentino Pérez é un dos homes máis ricos de España. Presidente da construtora ACS e do Real Madrid, ten negocios en case toda España e en medio mundo. E a lista segue crecendo. Ademais dos negocios que xa ten coa Xunta, as empresas de Florentino Pérez tamén terán negocio en Vigo.
As súas empresas recibirán máis de 5 millóns de euros, case a metade do orzamento da concellería de Benestar Social de 2016 segundo apunta a Oficina de Dereitos Sociais. Este diñeiro servirá para coordinar o Programa de Infancia (516.776 €), o Servizo de Axuda no Fogar (3.189.984 €) e unha parte dos servizos e persoal de CEDRO (1.394.080 €).
Fai unhas semanas, unha das súas empresas que realiza servizos sociais, CLECE, viuse envolta nun brote de sarna en centros de discapacitados de Ferrol. En 2010 a Xunta sacou a concurso a "contratación da xestión, en réxime de concesión, de prazas de atención residencial e atención diúrna para persoas con discapacidade intelectual e/ou outras discapacidades asociadas, no centro de atención á discapacidade Souto de Leixa"". Adxudicouno por urxencia a esta compañía por 5,9 millóns de euros máis IVE en decembro de 2010. CLECE é a empresa multiservicios de ACS.
O pasado setembro, a Xunta tamén lle adxudicaba a unha filial de ACS, Dragados, nunha unión temporal de empresas (UTE) con Tecsa, obras no Eixo Atlántico de alta velocidade por 4,08 millóns de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.