A xove promesa do xadrez galego: Xulio del Prado, dobre campión de España Sub-16 e Sub-18

Xa con 14 anos foi recoñecido como Mestre FIDE, un dos títulos que outorga a Federación Internacional de Xadrez.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 20/07/2024 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

Cada 20 de xullo conmemórase o Día Mundial do Xadrez, un xogo no que se van movendo dezaseis figuras sobre un taboleiro dividido en cadros brancos e negros, segundo unhas regras determinadas. Todo xogador quere facer e dicir iso de xaque mate. "O Xadrez, por películas ou series como Gambito de dama ou peliculas, gañou popularidade nos tempos actuais", afirma Xulio del Prado, xogador do Club Xadrez Ourense e co título de Mestre FIDE (Federación Internacional de Xadrez). É unha auténtica promesa en Galicia e tamén a nivel nacional, xa que este ano pasado proclamouse campión de España Sub-16 de ritmo clásico e tamén Sub-18 de rápidas. "Lévase ben o de gañar, pero sempre hai que seguir mellorando e destaco que me permitiu disputar o Europeo en Rumanía, na miña primeira experiencia", comenta.

Xulio del Prado
Xulio del Prado | Fonte: Cedida

O título de mestre FIDE depende dun sistema de puntuación denominado ELO, que permite ir subindo posicións e que valora o nivel de cada xogador. Para chegar a Mestre FIDE, recoñecido con 14 anos, tivo que chegar a 2300 de ELO. No seguinte chanzo estaría Mestre Internacional, con 2400 e Gran Mestre, con 2500. "O ELO cando comezas ao xogar ao xadrez é mil de ELO e vas avanzando pouco a pouco", explica Xulio. Ten 17 anos e o seu primeiro contacto co taboleiro foi con tan só seis anos cando os seus pais lle ensinaron as pezas que conforman o xogo. Aprendeu a xogar nun club, que deixou durante un partón de tres meses, para logo xa incorporarse a outro no que comezou a formarse: "Desde aí xogo ao xadrez case todo o rato. Con 14 anos dedicáballe moitísimas horas, pero agora xa menos, fago entre hora ou hora e media todos os días". 

Pratica xadrez de xeito autónomo desde a casa porque recoñece que hoxe en día coa "tecnoloxía que hai é moi fácil". Poden seguirse clases por videoconferencia con mestres online, algo que se fixo por obriga durante a pandemia, e que perdurou. "Unha vez vin a uns señores maiores xogando e interesoume, foi nese intre en concreto cando quixen comezar a aprender", lembra. 

ASÍ É COMPETIR EN XADREZ

Das facilidades da modalidade online de xadrez destaca que permite xogar durante moito tempo e con xente de todas partes do mundo. Porén, declárase fan do taboleiro en físico de toda a vida porque se sente mellor. "É como ler un libro en dixital no canto que en papel", comenta. Do xogo destaca que a idade é irrelevante e que hai xogadores de idades moi variadas, "desde os cinco anos ata os 40 e pasando polos 30". Ao final, o xadrez é un xogo mental e menciona que un campión do mundo o definía como "un deporte, unha ciencia e un arte".  

Xulio tivo o primeiro contacto coas pezas con seis anos e xa un ano despois estaba competindo. Da súa traxectoria en diferentes torneos destaca os logros acadados o ano pasado. Quedou campión de España sub-16 de ritmo clásico, que é o principal, e ese mesmo ano, tamén gañou o Campionato de España sub-18, de rápidas. "No campionato de España gáñase o trofeo en si, o título, que é bastante importante, e gañar permite ir ao Campionato Europeo con todos os gastos", comenta.

Fo campión nas dúas modalidades de xadrez: o clásico e  as rápidas. Así expón en que consisten: "O xadrez clásico principal leva o ritmo 90+30, é dicir unha hora e media máis 30 segundos por xogada de incremento. Éo ritmo co que se obtén o ELO clásico e con este ELO clásico, podes obter os títulos. Na modalidade de rápidas, que sería 10 minutos por cada xogador máis cinco segundos por xogada, ese ELO está ben telo, pero non che pode aportar títulos como o ELO clásico". Así, o xadrez clásico é o principal e o que vale como tal. Compite en diferentes torneos tanto en Galicia como en España, durante os meses de verán que coinciden coas vacacións do instituto. "Máis ou menos soen ser unha media de cinco ou seis torneos ao ano", afirma. 

Xulio, nesta liña, sinala que o obxectivo principal dun axedrecista, por norma xeral, é converterse en Gran Mestre, o titulo ao que aspira todo o que xoga: "Isto supón facer 2500 de ELO e tres actuacións moi boas de 2600 de ELO e hai que facelo en tres torneos distintos con certas condicións". O título tradúcese en mellores condicións, "con todo pagado nos torneos que se disputen" e coa opción de levar "o premio do propio torneo". 

ASÍ DEFINE O XADREZ

E por que o xadrez? Do xogo destaca que o principal beneficio desde que es neno é a capacidade que xera de concentración: "Ultimamente é algo que se perde, pero as xogadas implican ter que estar focalizado e concentrarse". Desta maneira, considera que axuda a "medrar como persoa" e defíneo como "un xogo multiusos". Tamén obriga de certa maneira a facer cálculos e dise que en xente de idade avanzada pode contribuír a previr o Alzheimer. Xulio sempre tivo claro que o xadrez lle gustaba máis ca calquera outro deporte, como a loita libre, que tamén practicou de neno. De feito, moitos dos fines de semana dedicábaos a xogar horas e horas sobre o taboleiro.  

Pódese vivir do xadrez? "É difícil, os que soen viven do xadrez, é porque dan clases online a moitos nenos ou por crear un club, pero vivir de competir facendo xadrez é moi dificil, de feito, ata os xogadores de elite teñen problemas para vivir disto e dedican ata oito horas diarias a mellorar no xogo". 

Xulio define o xadrez como "un combate sen vítimas, pero con gañadores". Ao final no taboleiro represéntase unha batalla, consiste en destruír e comer pezas do inimigo ata que un gaña. Non se lle pasa pola cabeza deixar de xogar, pero si que é consciente de que, se cadra nalgunha etapa vital, terá que competir algo menos. "Sempre se pode volver porque non é un deporte non que se perda forza como tal", manifesta. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta