Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/07/2024 | Actualizada ás 14:42
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública acusou á Xunta de "vender fume" na celebración dos 100 días de Goberno de Alfonso Rueda. Para a entidade, a política da Consellería de Sanidade é "máis do mesmo" e está dirixida por un profesional, Antonio Gómez Caamaño, que "vén da atención hospitalaria e dedicou a súa actividade a conseguir aparellos tecnolóxicos, moitas veces innecesarios", así como a "manter relacións con multinacionais da Farmaindustria, das que percibiu fondos, deixando á súa sorte o nivel primario".
Nunha nota de prensa, expón que a Atención Primaria "segue en crise" por "falta de orzamento, de persoal e de equipamento". Ademais, tacha de "ocorrencias" as medidas anunciadas para este verán: "médicos itinerantes, ofertar apartamentos a médicos de fóra de Galicia, darlle responsabilidades asistenciais a médicos en formación, pechar consultas ou trasladar ambulancias de lugar".
Así mesmo, Defensa da Sanidade Pública considera que esta estratexia "profunda os problemas de escaseza orzamentaria", do mesmo xeito que "a falta de pediatras, de persoal de todas as categorías e os peches de centros de saúde periféricos no rural". Doutra banda, reprocha que se incrementou "a privatización hospitalaria", segundo a Asociación, "grazas aos concertos coa privada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.