García Mira, catedrático da UDC: "As decisións políticas para atallar o cambio climático deberían ser máis participadas"

"A Unión Europea está promovendo investigación orientada á política, que implique á cidadanía, tanto na xestión da enerxía como da transición enerxética e nos espazos, pero na práctica, xa sexa a nivel local, rexional ou nacional, sempre vemos que isto non acaba de acontecer", afirma o tamén exdeputado do Parlamento español.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 25/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O cambio climático é unha realidade innegable. Xa está aquí e é preciso actuar para cambiar as cousas. Con todo, semella que a comunicación entre gobernos e cidadanía non é o suficientemente fluída como para que as decisións que se toman politicamente a nivel climático sexan ben acollidas por parte da poboación ou das asociacións que a representan. Que está acontecendo? Se a gran maioría das persoas están de acordo en que algo hai que facer para mudar esta crise climática e, se dende os gobernos, xa sexa 'motu propio' ou por intereses políticos e económicos, tamén se tentan poñer solucións, que é o que falla para que haxa o descontento actual entre moitos sectores da sociedade? O Galicia Confidencial entrevista ao catedrático da Universidade da Coruña (UDC) e exdeputado Ricardo García Mira, que nos explica dende o punto de vista da psicoloxía ambiental o que acontece.

Ricardo García Mira (primeiro pola esquerda) no 33º Congreso Internacional de Psicoloxía (ICP) que acolle Praga entre o 21 e o 26 de xullo
Ricardo García Mira (primeiro pola esquerda) no 33º Congreso Internacional de Psicoloxía (ICP) que acolle Praga entre o 21 e o 26 de xullo | Fonte: Cedida

O catedrático participou esta mesma semana como experto convidado no evento plenario sobre a 'Psicoloxía do Cambio Climático. Entre a Ciencia e a Política', que ten lugar no marco do 33º Congreso Internacional de Psicoloxía (ICP) que acolle Praga dende o pasado 21 de xullo ata o vindeiro día 26. Un evento no que participan máis de 8.000 psicólogos e psicólogas de todo o mundo para debater sobre a temática central de 'Psicoloxía para o futuro: xuntos na esperanza'. Como nos asegura García Mira, "para min e o noso grupo de investigación na UDC é un orgullo que nos convidasen a expoñer o noso punto de vista nun evento plenario da categoría deste congreso mundial de psicólogos, onde se reúnen profesionais de todos os recunchos do planeta". Así, agradece enormemente tanto á Unión Internacional para a Ciencia Psicolóxica (International Union of Psychological Science, IUPS) como á Federación Europea de Asociacións de Psicólogos (European Federation of Psychology Associations, EFPA). 

"NA POLÍTICA PÓDESE CONDICIONAR O XEITO NO QUE INTERACCIONAN AS PERSOAS A TRAVÉS DA XERARQUÍA DO PODER"

En primeiro lugar, é preciso coñecer o que significa o termo 'psicoloxía ambiental'. Como apunta o catedrático da UDC, "é unha especialidade da psicoloxía centrada na análise das relacións entre as persoas e o ambiente físico, o que abarca tamén o ambiente natural, que é susceptible de ser transformado ou de introducir modificacións no seu deseño, como veu facendo o ser humano dende fai séculos nel, introducindo cambios no contexto urbano, nas cidades, nos xeitos de vida, pero tamén no medio natural cos modelos de transformación da agricultura". "Demos un cambio brutal ao planeta e algúns deses cambios tamén nos están a pasar factura", asegura García Mira. Por poñer un exemplo práctico do que sería a psicoloxía ambiental, apunta ao deseño das cidades, e a como este pode chegar a influír no comportamento das persoas. Podemos deseñar cidades con espazos 'sociófugos', é dicir, espazos que alonxan á xente, ou espazos 'sociópetos', que teñen a característica de atraer ás persoas, acontecendo todo o contrario.

Como nos di García Mira, "ás veces na política tamén se pode condicionar o xeito no que as persoas interaccionan transmitindo a psicoloxía do poder". Como exemplo fala da universidade e os centros de ensino actuais, nos que "o deseño das aulas non responde ao que se agarda que aconteza nelas, se atendemos a todas as teorías psicopedagóxicas, que propugnan que a aprendizaxe ten que ser o resultado da interacción entre o profesor ou a profesora e o alumno ou a alumna, froito dunha reflexión cognitiva que está condicionada polo comportamento que ese espazo potencia ou restrinxe. Nun tempo no que estamos falando máis que nunca de participación, de implicación do estudante neste proceso cognitivo de aprendizaxe, non nos estamos preocupando do deseño das aulas para nada. Seguimos proxectando un modelo xerárquico: o profesor ou profesora están subidos a unha tarima, normalmente máis alta, e os estudantes están abaixo". Que acontece con isto? "Sábese pola investigación en psicoloxía que os deseños deste tipo non promoven máis aló de preguntas desde a audiencia, non promoven nin reflexión, nin propostas, nin un estado psicolóxico que vaia máis aló de facer preguntas", afirma o catedrático da UDC.

Ricardo García Mira (primeiro pola esquerda) no 33º Congreso Internacional de Psicoloxía (ICP) que acolle Praga do 21 ao 26 de xullo de 2024
Ricardo García Mira (primeiro pola esquerda) no 33º Congreso Internacional de Psicoloxía (ICP) que acolle Praga do 21 ao 26 de xullo de 2024 | Fonte: Cedida

"HAI MOITA RESISTENCIA DOS POLÍTICOS A DAR CAMBIOS NOS SEUS SISTEMAS DE GOBERNANZA PARA IMPLICAR EN MAIOR MEDIDA Á CIDADANÍA"

Ao igual que acontece con esa xerarquía que se establece na aula, pasa tamén con todo o relacionado co cambio climático. "A Unión Europea está promovendo investigación que implique á cidadanía, tanto na xestión da enerxía como da transición enerxética e dos espazos nos que esta ocorre, pero na práctica, a nivel local, rexional ou nacional, sempre vemos que isto non acaba de acontecer", afirma García Mira, que apunta a que "aparecen resistencias que dificultan unha gobernanza coa cidadanía". A análise desas resistencias sociais tamén forma parte da área de estudo dos psicólogos ambientais, ao igual que a análise da resistencia dos políticos a dar cambios nos seus sistemas de gobernanza, cambios que logren implicar en maior medida á cidadanía. E o exdeputado viviu esta xerarquía en primeira persoa, pois cóntanos que hai uns anos lembra ter sido convocado por unha autoridade para participar como parte dun comité de expertos nunha sesión de contribución de ideas para o deseño dunha cidade, "pero dos 90 minutos que durou a reunión, 85 foron ocupados pola autoridade, que deixou 5 para preguntas", o que evidencia que "aquí hai algo que non funciona". Pero na esquerda tamén hai carencias: unha vez escoitei a un líder local de esquerdas dicir que para que iamos implicar á cidadanía se os cidadáns non entenden de urbanismo nin de cuestións técnicas implicadas na decisión política.

Así as cousas, para García Mira está claro que "os políticos deben mentalizarse de que desempeñar a xestión do ambiente ou a adaptación ao cambio climático que hoxe se promove dende moitas institucións europeas con axudas importantes, significa que hai que contar coa cidadanía, coas organizacións da sociedade civil, con ecoloxistas, con científicos... E iso implica cambios reglamentarios nos sistemas de gobernanza, cambios para os que normalmente adoitan amosarse moi resistentes". De feito, a día de hoxe existe cada vez máis confrontación entre as opinións de cada vez máis movementos sociais e ecoloxistas e as decisións que se adoptan no ámbito da política, cando "o que debería promoverse é a colaboración, facendo desaparecer o maior número de obstáculos á mesma".

"EU VIN EN PRIMEIRA PERSOA COMO SE FORON CONSTITUÍNDO COMUNIDADES ENERXÉTICAS MONITORADAS POLAS GRANDES COMPAÑÍAS DA ENERXÍA"

O catedrático da UDC convida a coller calquera programa de innovación da Unión Europea para comprobar que "todos eles están promovendo e tratando de que se constrúan pontes entre a política e a investigación, porque a UE tense proposto como prioridade deixar de financiar investigación que non teña un impacto sobre a política e sobre a cidadanía, que contribúa a mellorar a calidade de vida das persoas". Pola contra, "o que atopas non son máis que resistencias e resistencias políticas, non desde un só partido do espectro político, senón desde todos eles, non é unha cuestión que se dea máis nuns que noutros, todos presentan o problema de non promover a participación cidadá e de non facer cambios na gobernanza, cando isto é algo que está asumido a nivel europeo e nas sociedades máis avanzadas". No tocante ao cambio climático, resulta fundamental esa participación cidadá na toma de decisións.

García Mira pon o exemplo das comunidades enerxéticas que se están promovendo dende a UE e dende gobernos centrais de distintos países membros, pois "non teñen outra finalidade que implicar aos cidadáns en temas que os atinxen, porque cambiar o modelo enerxético do carbón cara enerxías máis renovables implica que a factura da luz pode ser máis barata, o que xera un beneficio nos petos dos cidadáns". Pero como advirte o catedrático da UDC, esas comunidades "deben ser promovidas de verdade e xestionadas polas comunidades de usuarios", porque "eu vin en primeira persoa como se foron constituíndo comunidades monitoradas polas grandes compañías da enerxía ou polas grandes multinacionais que tratan de ter o control sobre que cidadáns están tomando decisións nelas e sobre un tema que ocupa un papel central na economía, como é a enerxía". Tanto é así que "dende a guerra de Ucraína vimos como o modelo enerxético sufriu moitas transformacións, derivadas dos cambios que se dan na importación de combustibles como o gas, ou co aumento do coste da enerxía en xeral, que trae como consecuencia buscar outros mercados". "Isto ven mudando progresivamente a conciencia pública no senso de que non podemos depender tanto doutros países", afirma.

"POR QUE XORDE UN MOVEMENTO ANTIPARQUES EÓLICOS EN GALICIA SE A XENTE ESTÁ A FAVOR DAS ENERXÍAS RENOVABLES? QUE ESTÁ A FALLAR?"

Relacionado co anterior, cada vez máis hai "unha promoción das enerxías renovables". No caso concreto de Galicia, "somos moi conscientes desa promoción das renovables, porque xunto a esa promoción xurdiu un movemento antiparques eólicos sobre o que é preciso afondar: por que hai un movemento antiparques eólicos se a xente está a favor das enerxías renovables?". Para García Mira, o que está fallando é "a promoción da participación e a gobernanza colectiva, implicando dende as administracións que toman as decisións á cidadanía". "Non se pode tomar decisións sobre o territorio sen que estas decisións sexan o froito da discusión e o debate sobre cal é o modelo que Galicia quere e cales son os custes reais e os beneficios, e para quen, polo que é preciso contar máis coas organizacións da sociedade civil", explica. Na súa opinión, ás veces non é que non se soubese transmitir á poboación a información sobre as decisións, senón que "non se quere, porque ao final promover a participación é sentar ao cidadán e ás organizacións da sociedade para discutir nun mesmo plano acerca do seu futuro e do futuro de Galicia". "A análise deste futuro debe ser unha obriga para as Administracións realizala conxuntamente coas comunidades", expón.

Nese aspecto tamén entra a psicoloxía ambiental, porque, como explica o exdeputado, "non é o mesmo sentar a un cidadán nun edificio do goberno no que xa estás marcando un territorio de poder, que sentalo nun espazo que se presta á participación real, á discusión ou ao debate, ou nun espazo público que é comunitario habitual, como pode ser un local da asociación de veciños, un lugar máis neutro no que a sociedade se sinte sen tensión, con posibilidades percibidas de facer propostas, de discutilas e de ser tidas en conta. Para García Mira, "a participación das comunidades non é un tema baladí, senón que debe constituírse nun eixo prioritario do funcionamento democrático da sociedade". "Outro esquema pode considerarse fallido e desconectar da prioridade que a UE lle asigna a que se debatan os asuntos públicos nos seus contextos de innovación social, que é un xeito de entender como debe construírse unha comunidade enerxética, para que serve, e cales son os beneficios públicos que trae consigo", apunta.

"A INFORMACIÓN É FUNDAMENTAL E A COMUNICACIÓN TAMÉN, AMBAS DEBEN IR UNIDAS"

García Mira tamén concede que "é verdade que non hai unha medida que sirva para todo o mundo, porque as decisións que teñen que ver coa adaptación ao cambio climático implican, por unha banda, ao medio ambiente, pero, pola outra, implican a persoas, que son moi diferentes se se trata de políticos, de profesores, de científicos, de representantes da sociedade civil... Cada actor nun problema de xestión do medio ambiente ten as súas propias axendas, as súas propias expectativas e a súa propia linguaxe, o que dificulta a colaboración". Así, explica que "pola banda do medio ambiente, a medida que se trata de adoptar pode ser unha medida de carácter xeral, como unha lei de cambio climático que afecte a toda a sociedade, ou poden adoptarse medidas en diferentes niveis de escala: a escala global sería unha lei; a escala intermedia podería ser o deseño na construción dunha cidade e os seus espazos verdes ou o uso da auga, a xestión dos residuos, as canalizacións...; ou pode ser a escala máis pequena, como nunha comunidade de veciños, na que tamén hai que tomar decisións relacionadas coa enerxía e os recursos enerxéticos".

En todos estes niveis "atopamos diferentes tipos de persoas sobre as que actuar: nenos, adultos, persoas da terceira idade, persoas vulnerables, inmigrantes procedentes doutros países...". Deste xeito, para o catedrático da UDC é importante "ter en conta a linguaxe que se emprega e as tarefas que se programan á hora de transmitir e facer chegar a información, adaptándoa ao tipo de persoas ás que queremos dirixirnos", pois non é o mesmo falar con nenos de escola que con estudantes de universidade ou con adultos en situación de vulnerabilidade. O que está claro para García Mira é que "a información é fundamental e a comunicación tamén, e ambas van unidas: non hai participación posible se non hai unha comunicación bidireccional e non hai comunicación se non hai participación".

"EU MESMO COMO DEPUTADO PUIDEN OBSERVAR COMO OS PARTIDOS MÁIS CONSERVADORES SON MÁIS SENSIBLES AOS LOBBIES ENERXÉTICOS"

Por outra banda, outra importante cuestión a ter en conta é a neutralidade. Segundo apunta García Mira, "moitos estudos observaron que os partidos máis conservadores, a pesares de que si que teñen programas ambientais, tenden a ser máis laxos, máis lentos no avance contra o cambio climático, no referido a adoptar iniciativas ou poñer en marcha programas; mentres que os menos conservadores, os partidos máis orientados cara a esquerda, tenden a amosar un maior compromiso coa cuestión climática". Como exdeputado durante tres anos no Parlamento español e exvoceiro de Cambio Climático, puido comprobar en directo que efectivamente isto acontece: "Puiden ver que os partidos conservadores adoitan ser máis sensibles aos lobbies de multinacionais relacionadas coa enerxía ou co petróleo á hora, por exemplo, de ser máis tolerantes co tema do peche das minas de carbón ou co tema da transición cara enerxías verdes; mentres que os partidos menos de dereitas, máis cara a esquerda no arco político, tenden a amosar un compromiso máis sólido e unha resistencia maior á presión dos lobbies enerxéticos ou petrolíferos". 

Neste punto o catedrático da UDC apunta que "os lobbies non son ilegais, son legais, o que acontece é que ao final esas empresas defenden a súa economía, e as máis grandes tratan de ralentizar os cambios nas regulacións que poden supoñer restriccións para seguir vendendo como o viñan facendo, comprando carbón e tomando decisións relacionadas con esas compras". No caso concreto de España aconteceu isto precisamente, "pecharon finalmente moitas minas despois de moitas axudas que viñeron de Europa e que axudaron a ir paliando pouco a pouco os peches". Aconteceu en Asturias, en León e tamén na provincia da Coruña co caso das Pontes.

"A TRANSICIÓN NAS PONTES É MOI CUSTOSA, PORQUE REQUIRE POÑER EN MARCHA PROXECTOS QUE VOLVAN RECUPERAR A IDENTIDADE DA CIDADANÍA"

Dende o punto de vista da psicoloxía, García Mira afirma que "os psicólogos tamén estamos tratando de ver e analizar esta parte, todo o que ten que ver coa transición enerxética". O 33º Congreso Internacional de Psicoloxía que reúne estes días en Praga a 8.000 psicólogos aborda a cuestión. O profesor García Mira expuxo nunha das súas sesións os resultados do proxecto que presentou o seu equipo hai cousa duns meses, o proxecto 'Entrances', relativo precisamente á transición enerxética. "Valeunos unha felicitación da UE cunha avaliación moi positiva polos resultados, e garantíronnos que incorporarán o proxecto como base para as novas políticas do Parlamento Europeo, sendo tamén facilitado a todos os organismos europeos aos que compete", explica o catedrático, moi satisfeito cun traballo que implicou a máis de 50 investigadores de toda Europa, pertencentes a 14 grupos de investigación de 12 países.

Dentro do proxecto, entre outros, estudouse o caso das Pontes, onde García Mira afirma que "a transición é moi custosa, porque trátase dun proceso que require poñer en marcha proxectos que volvan recuperar a identidade poderosa que tiña a cidadanía das Pontes dentro do concello". Esa identidade foise perdendo conforme foron pechando as minas, nun primeiro momento, e conforme se ía contando o tempo que lle quedaba á central térmica, despois. "Estes peches fixeron que moita xente se movera a outras comunidades", explica, asegurando que "hai que tomar as medidas adecuadas para reter a esa xente con novos proxectos que se constitúan coa participación de todos. O psicólogo ambiental afirma que "moitas veces a participación non chega a todos os cidadáns e, tras entrevistar a sindicatos, agrupacións ecoloxistas e organizacións empresariais vemos que ás veces propostas que puideran ser solventes, non chegan a discutirse e se descartan sen unha análise máis completa e rigorosa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta