Por Amanda Fernández | Lugo | 10/08/2024 | Actualizada ás 22:00
"A saia da Carolina ten un lagarto pintado", canta Joel Padín ou @joelpadin_tradi no Tik Tok polo día de Galicia. Este mozo de 19 anos é músico e comezou na música tradicional con tan só seis anos, por obriga dos seus pais, nun grupo da súa Vilagarcía de Arousa natal. "Os meus pais consideraron que tiña que facer unha actividade e digamos que en Vilagarcía existía unha especie de pequena moda naquel tempo de levar aos rapaces a agrupación folclóricas, o raro era que non formases parte dalgunha. Eu comecei así", lembra Joel dos seus inicios cando quedou fascinado coa idea de cantar, tocar a pandeireta ou bailar.
Xa sendo un neno tiña como referentes a Davide Salvado e Xabier Díaz, que daquela non eran tan coñecidos como agora, pero que xa contaban cunha longa traxectoria: "Era máis sinxelo coñecelos e ter un trato de amizade cos que eran uns referentes, para quen comeza agora, xa non é tan sinxelo falar de ti a ti coas Tanxugueiras ou Xisco Feijóo. Antes compartiamos os mesmos ambientes ca os que eran referentes porque estaban nos seráns".
Joel foi pasando por diferentes agrupacións da zona e por Cantigas e Agarimos en Santiago, ata que chegou o momento no que quixo levar un rumbo máis solitario: "Editei un traballo discográfico, un disco con varios músicos de Vilagarcía, no que fago música tradicional, canto, toco a pandeireta e unha peza con gaita tamén. Fixen varios concertos nos concellos de arredor e na Coruña".
A MÚSICA TRADICIONAL EN TIK TOK
De onde nace a idea de publicar vídeos? "Eu realmente cando era máis pequeno tiña moita actividade no Facebook, xa que non existía este boom da mocidade antes das Tanxugueiras, e o meu público era a xente maior". Porén, foise dando conta de que a xente da súa idade xa cada vez máis se interesaba por aprender novas pezas e lles chamaba máis a atención e por iso comezou en Tik Tok. "Era unha boa forma de chegar á xente moza en pouco tempo", recoñece e hai un ano e medio probou a subir entre catro e oito vídeos, pero quedou aí a cousa por falta de tempo. Foi nestas últimas semanas cando lle deu por volver publicar contido porque lle apetecía e levou unha sorpresa: "Os vídeos superan as 40.000 visualizacións, teñen bastante repercusión e a xente comenta que lle gustan".
Outro punto que lle chamou especialmente a atención son as estatísticas, xa que un pode agardar que a maior parte da xente que consume esta rede social sexa moza. Porén, na súa conta destaca que o rango de idade que máis ve os vídeos está entre os 50 e 65 anos. "Puxen Tik Tok para conectar cos mozos e resulta que, de novo, conecto máis co público de maior idade".
Por agora confesa que seguirá subindo vídeos, nos que sae el cantando e, ollo, cunha pandeireta sempre ao lado e ten explicación: "Aínda que a peza non leve pandeireta creo que a xente cando a ve queda máis tempo no vídeo e pode chegar a sorprender a forma de cantar". Destaca entre o seu público que hai xente de fóra, Valladolid ou Zamora, á que lle causa sorpresa que un rapaz mozo toque a pandeireta, xa que aló non existiu un boom como o das Tanxugueiras na súa música rexional.
UN ANTES E DESPOIS DAS TANXUGUEIRAS
Durante a conversa con Joel fixo especial fincapé en que na música tradicional galega actual hai un "antes e despois das Tanxugueiras". Considera que supuxeron un cambio positivo que axudou a que a música tradicional galega traspasase fronteiras. Tamén fai unha reflexión sobre o valor que se lle outorga: "A súa repercusión tamén resultou unha maneira de tomar conciencia propia e e valorar o que temos na casa, de feito non valoramos ásTanxugueiras ata que toda España quixo que foran as representantes. De non ser polo público español, ao galego custaríalle moito máis valoralas. Desta maneira, parece que teñen que vir os de fóra para dicir que temos unha cousa única, interesante e facinante".
Ademáis do caso paradigmático do trío conformado por irmás Maneiro e Aida Tarrío, menciona outros referentes como o emerxente Mondra, "que fai covers máis atrevidas"; Xisco Feijóo, "artista máis fiel á musica tradicional"; Fillas de Cassandra, "que mesturan pezas fieis ao de sempre cunha aposta diferente"; e os seus referentes, Davide Salvado e Xabier Díaz. "A esencia da música tradi definiría en tres nomes: Xabier Díaz, Davide Salvado e As Tanxugueiras", expón.
E como é Joel Padín como artista? "Son bastante fiel ao que son as recolleitas, gústame moito mirar como se facía antes e intentar reproducilo, ser o máis fiel posible ao que era". Expresa que isto é complicado agora, xa que o que está de moda é "innovar esas cantigas". Porén, a día de hoxe, a música é algo que fai por gusto, con 19 anos comezará cos estudos en Negocios Internacionais. Así, recoñece que nun principio tiña a idea de vivir da música, pero que é algo moi difícil porque a "música non é só saber cantar ou tocar, hai un traballo moi grande detrás, ensaios diarios, poder organizativo para xestionar aos músicos que te acompañan...". Como consello para outros mozos que teñan este mesmo soño sinala que o primeiro é acabar os estudos e ir facendo base na música para que te vaian coñecento e logo xa dedicarse máis en profundidade. "Ao longo deste tempo estiven seis meses en programas e subindo vídeos, logo fixen un parón porque non me gusta sentirme obrigado a facer música, nese momento deixa de gustarme, xa non tería sentido", afirma.
CONECTAR Á XENTE MAIOR COAS NOVAS REDES SOCIAIS
"Así cantaba mi madre cuando estaba en el río lavando la ropa en el año 1965, al escuchar la canción me dan ganas de llorar", "Siempre me la cantaba mi abuela de pequeña, como me recuerda a ella", este son dous dos tantos comentarios que ten Joel nos seus últimos vídeos de Tik Tok. Confesa que vendo as estatísticas, o que fai parécelle unha forma excepcional "de atrapar á xente maior ás novas redes sociais". Engade que é "unha forma de que eles estean máis afeitos ás redes sociais porque sae algo que lles gusta, ven música e non só bailes ou trends". Ante comentarios como os anteriores expresa: "Éncheme de satisfacción poder ver que lles levo a recordos que se cadra non lembraban que tiñan".
Destaca así que a música tradicional supón a posibilidade de conectar con esa xente que pode ter 50 anos máis ca el e que traspasa xeracións. "A baza máis forte de aprender música tradicional é o poder conectar coa xente maior", reitera.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.