Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2024 | Actualizada ás 19:34
A Xunta activou o nivel amarelo por episodios de calor na zona do Miño da provincia de Pontevedra e en Valdeorras, un episodio que afectará principalmente na xornada deste mércores e que diminuirá ao longo da xornada de xoves.
No marco do Plan de actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, infórmase da alerta por este episodio de calor.
As zonas afectadas son as siguentes: O Miño de Pontevedra (Arbo, Crecente, A Guarda, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, O Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui) e Valdeorras (O Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras).
Segundo informa Meteogalicia, a masa de aire cálido continuará nunha xornada máis sobre Galicia, deixando valores de temperatura moi elevados, tanto nas mínimas como nas máximas. Esta situación xa se rexistrou na xornada do martes, polo que hai dúas zonas nas que se superaron os límites de temperatura media dunha forma moi significativa nestes dous días, polo que se activa o aviso amarelo por episodio de calor.
Igualmente, haberá outros puntos da metade sur de Galicia que, sen estar en aviso por episodio de calor, si teñan avisos por temperaturas máximas. Mañá xoves, a masa de aire cálido comezará a moverse cara ao sur. As temperaturas serán aínda elevadas, pero xa sen superar os límites para episodio de calor. A situación terminará de normalizarse durante a xornada do venres.
RECOMENDACIÓNS SANITARIAS
O Comité Permanente de Coordinación para as actuacións da Xunta fronte aos efectos sobre a saúde das altas temperaturas, composto polas Consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; de Medio Ambiente e Cambio Climático; e de Sanidade, recomenda beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Débese evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e bebidas moi azucaradas. Así mesmo, débese priorizar comer verduras e froitas e evitar as comidas copiosas.
Respecto da vestimenta, a Direción Xeral de Saude Pública recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, chapeus, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.
No interior dos edificios permanecerase, se é posible, en espazos ventilados ou acondicionados, utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, aconséllase baixar as persianas e pechar as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa pódese refrescar o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.
No exterior dos edificios débense evitar, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducir a actividade física, procurar buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos ou nenas nin as persoas maiores nin a ningún animal de compaña.
Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor, no mediodía e nas primeiras da tarde. Ademais, a Consellería de Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, débense utilizar as de maior protección posible e nunca inferior a factor 15.
Lémbrase tamén que, no caso de ter parentes ou veciños que vivan sós, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que toman as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.
A exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareo, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor. A maioría das enfermidades asociadas á calor son consecuencia máis ou menos grave dun fallo no sistema de termorregulación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.