Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2024 | Actualizada ás 11:29
A circulación na autovía A-52, ao seu paso polo municipio ourensán de Cualedro, quedou restablecida ás 06.15 horas, despois de que o envorco dun camión que transportaba furgonetas, ás 21.30 horas deste mércores, obrigase a cortar o tráfico.
Tal e como informou o 112 Galicia, un camión de grandes dimensións que transportaba vehículos envorcou no quilómetro 173 da autovía das Rías Baixas, quedando sobre a calzada e obrigando á súa vez a cortar o tráfico.
O camión, acabou cruzado na vía e interrompeu por completo a circulación en sentido Benavente. Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Verín, que axudaron ao condutor a saír do vehículo.
Así, os equipos de intervención traballaron durante a madrugada para retirar tanto o camión como o resto de vehículos que transportaba e que tamén interrompían o paso. Ao mesmo tempo, os bombeiros procederon coa limpeza dunha vertedura de gasóleo e aceite para despexar a estrada, que se reabriu ao tráfico pasadas as 06.00 horas. Pola súa banda, os profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 trasladaron ao condutor do camión ao Hospital Público de Verín.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.