Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 26/07/2024 | Actualizada ás 16:35
O titular da Xunta, Alfonso Rueda, considerou unha "falta de cortesía" institucional non ser aínda recibido polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, tras as eleccións autonómicas do pasado 18 de febreiro. Todo iso nun contexto no que o pasado mércores Pedro Sánchez reuniuse coa o presidente da Generalitat, Pere Aragonés, e este mesmo venres mantivo un encontro co lehendakari Imanol Pradales. "Non é moi lóxico, nin ten moito sentido e, sinceramente, paréceme unha falta de cortesía institucional que, sendo o presidente de Galicia o primeiro que tomou posesión, sigamos esperando", afirmou esta mañá nun acto no Campus Industrial de Ferrol.
"Espera o presidente de Galicia, como seguen esperando moitos presidentes", engadiu, "e en cambio as comunidades autónomas que lle interesan ao señor Sánchez teñen un trato preferente". Rueda asegurou que non está "en contra" de que "se reciba a ninguén", pero sostivo que non pode ver como "Galicia queda unha vez máis aprazada, ignorada". "E máis tendo en conta que o presidente Sánchez dirixiuse a min fai un par de meses dicíndome que dadas as circunstancias (a piques de que se celebrasen as eleccións europeas) inmediatamente despois iamos ter esa reunión", sostivo. A pesar diso, o presidente da Xunta asegurou que non volveu ter " noticia" e que, "en cambio", as "comunidades que sempre teñen un trato preferente ségueno tendo".
Rueda pediu "unha mínima cortesía institucional e o respecto que se lle debe a Galicia", ademais de resaltar a "urxencia dos temas que lle quere expor", circunstancias todas que, asegurou, "demandarían outro trato por parte do presidente Sánchez". "Espero que se dea conta de que esta actitude non é de recibo e corríxaa", manifestou o presidente da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.