O BNG acusa ao PP de "asaltar" a CRTVG coa nova lei de medios: "Queren seguir usándoa como terminal de propaganda"

"A radio e a televisión de Galicia son dos e das galegas, non do PP", afirma Olalla Rodil.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2024 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O BNG acusou este martes ao Partido Popular de asaltar a CRTVG coa nova Lei de Medios Audiovisuais de Galicia para utilizala como "leira particular" e pola ao servizo exclusivo dos seus intereses para utilizala como "terminal de propaganda". Así o denunciou este martes en rolda de prensa a viceportavoz parlamentaria da formación, Olalla Rodil, quen considerou un "enorme retroceso democrático" o proxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, aprobado o luns polo Consello da Xunta.

Na súa intervención, Olalla Rodil argumentou que este proxecto de lei supón toda unha "declaración de intencións" do Partido Popular ao aprobalo "no medio dunha folga" e nun contexto de mobilización constante de traballadores que defenden "uns medios públicos e plurais entre denuncias de manipulación informativa e de expedientes abertos". "O único que pretende e busca o Partido Popular con esta lei é facerse co control absoluto dos medios públicos para seguir utilizándoos aínda máis como terminal de propaganda", sostivo. Rodil, que tachou de "asalto" á CRTVG esta norma, advertiu que supón un "enorme retroceso democrático" a través do que o PP "pretende facerse co control absoluto" da corporación. Todo iso, dixo, "facendo en Galicia o que o PP critica que outros fagan en Madrid".

DIRECCIÓN XERAL

A parlamentaria do Bloque asegurou que a súa formación tentou en "múltiples ocasións" que se iniciase o proceso de renovación da dirección xeral da CRTVG co arranque que contempla a lei do ano 2011 ou través dun procedemento máis democrático e transparente como introducir un concurso público como método de elección. Con todo, segundo afirmou, o único que atoparon ao longo de todos estes anos foi "o voto en contra do PP" e o rexeitamento a "todas e cada unha das propostas para garantir a democracia dentro da radio e da televisión pública de Galicia". "Porque ao PP non lle importa nin a situación na que se atopa a CRTVG nin a situación na que se atopa a dirección xeral da CRTVG en contra e á marxe do que dispón a lexislación do 2011", apuntou.

Todo iso, conforme sinalou, porque o único obxectivo dos populares é "pór a dedo a unha persoa afín que faga o que di o PP" e "siga pondo aos medios de comunicación públicos de Galicia ao servizo único e exclusivo dos seus intereses partidistas e electoralistas". "Con esta lei queren seguir utilizando a radio e a televisión que petenece unicamente aos galegos coma se fose a súa leira particular, cun grao de manipulación que xa roza o obsceno", incidiu para asegurar que, para iso, "eliminan toda a representación dos traballadores e todo espazo de participación profesional, coa supresión do consello de informativos e do estatuto profesional".

OUTRAS LINGUAS

"Por se fose pouco", conforme sinalou Rodil, a norma, ademais, "abre a porta a outras linguas distintas do galego, fundamentalmente ao español" a pesar de tratarse dun organismo público que "naceu", como "recollen os seus principios fundacionais, "para contribuír ao proceso de normalización do galego". Ademais, incidiu no feito de que isto se produza nun contexto no que o Instituto Galego de Estatística (IGE) advertiu de que xa hai unha "porcentaxe enrome de nenos e nenas neste país que non saben, que descoñecen, que non ten competencias lingüísticas na lingua propia do seu país". Ante todo iso, Rodil apelou á sociedade galega a mobilizarse e participar, a través da súa sinatura, na iniciativa lexislativa popular 'Liberamos a Galega', que impulsan organización e entidades sociais de todo o territorio galego.

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, en rolda de prensa
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, en rolda de prensa | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta