Aprobado o plan que busca reducir un 15% os residuos municipais e as axudas a concellos para reciclaxe

Luz verde ao plan especial de protección civil ante emerxencias por accidentes no transporte de mercadorías perigosas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2024 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta deu este luns luz verde ao plan galego de xestión de residuos municipais, co que busca reducir un 15% este lixo e que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia (DOG) para a súa entrada en vigor. Ademais, autorizou destinar 12,1 millóns para que os concellos fomenten a reciclaxe.

A Xunta precisou que esta estratexia pretende cumprir os obxectivos comunitarios en materia de xestión de residuos involucrando á Administración autonómica, ás entidades locais e ao sector privado na adaptación aos cambios normativos, socioeconómicos e de estrutura produtiva rexistrados nos últimos anos.

Neste sentido, a planificación galega de xestión dos residuos dos concellos incorpora tanto os preceptos derivados da Estratexia galega da economía circular 2020-2030, como da Estratexia galega de cambio climático 20250 á vez que atende aos previsto na Lei galega de ordenación do territorio e as leis de residuos e chans contaminados galega (de 2021) e estatal (2022).

O Goberno galego destacou que incide deste xeito no cumprimento da xerarquía que establece a normativa vixente en materia de valorización de residuos, no que o primeiro chanzo é a prevención, seguida da preparación para a reutilización, a reciclaxe, outro tipo de valorización-incluída a enerxética e, por último, a eliminación. Para facelo, prevé un investimento directo de todos os axentes implicados de algo máis de 90 millóns de euros nunha estratexia na que cada euro destinado mobilizará entre tres e catro de forma indirecta.

A planificación aspira a reducir un 15% a xeración de residuos respecto de 2010, un 50% os residuos alimentarios por persoas na venda polo miúdo e aos consumidores e un 20% ás perdas de alimentos ao longo das cadeas de produción e subministración.

Ademais, desenvolverase un código de boas prácticas fronte ao desperdicio alimentario, un plan autonómico para minimizalo, unha estratexia para previr o lixo disperso no medio e fomentaranse espazos de reparación e venda de produtos de segunda man.

Tamén se habilitarán ferramentas como unha oficina de economía circular dos residuos municipais, unha estratexia para reducir o volume de elementos que van ao vertedoiro e medidas para optimizar a rede de infraestruturas de xestión de residuos.

Entre os obxectivos do plan están impulsar a xestión da fracción orgánica, avanzar na recollida separada de envases, a xestión de residuos especiais como biorresiduos, aceites ou produtos téxtiles, ademais de incrementar a rede de puntos limpos para dar cobertura ao 100% da poboación galega.

AXUDAS PARA QUE CONCELLOS FOMENTEN A RECICLAXE

Na súa reunión semanal, o Goberno galego aprobou o acordo polo que a Xunta destinará 12,1 millóns de euros para que os concellos galegos fomenten a prevención, reutilización e reciclaxe de residuos e poidan compensar o imposto estatal sobre os depósitos de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincidenaración de residuos (Idires) avanzando, deste xeito, na economía circular.

Segundo o acordo aprobado este luns e tal e como a Xunta expuxo á Federación galega de municipios e provincias (Fegamp), este fondo ambiental está incluído no Fondo de cooperación local e repartirase entre todos os municipios, en función da súa poboación. O pago efectuarase o próximo 30 de xullo.

A Xunta destacou que Galicia, a diferenza doutras comunidades, non contaba con esta carga impositiva ata a creación do Idires por parte do Estado, xa que dentro da directiva europea sobre residuos, o establecemento do imposto era unha de mais posibles medidas recollidas para fomentar a reutilización e a reciclaxe de residuos. Con todo, a Administración autonómica sinala que non era obrigatoria a súa implantación nin era a única opción para conseguir os obxectivos perseguidos.

Aínda que o Idires é un tributo de carácter indirecto e a súa recadación está cedida ás comunidades autónomas, estas non teñen competencia para establecer bonificación ou exencións ao seu pago, non rebaixar os tipos de gravame.

PLAN ANTE ACCIDENTES NO TRANSPORTE DE MERCADORÍAS PERIGOSAS

Por outra banda, o Consello da Xunta aprobou este luns o Plan especial de protección civil ante emerxencias por accidentes no transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril (Transgal), revisado en 2023 para a súa actualización e adaptación á nova normativa.

O obxectivo é establecer a organización e os procedementos de actuación dos servizos dependentes da Xunta, así como doutras entidades públicas ou privadas, para facerlle fronte ás emrgencias que darse nun accidente destas características.

O plan aborda información de contexto, análise de riscos, estrutura e organización, operatividade, implantación e mantemento. As principais novidades con respecto ao anterior son a actualización do fluxo de mercadorías perigosas, a adaptación á normativa básica de protección e os concellos con obrigación ou recomendación de elaborar un plan municipal para este risco.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, preside a reunión do Consello do Executivo galego / Xunta de Galicia / Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, preside a reunión do Consello do Executivo galego / Xunta de Galicia / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta