Por Ángela Precedo | OURENSE | 06/08/2024 | Actualizada ás 22:00
A pesares de estar recén comezando o verán en Galicia no que a temperaturas se refire, despois duns meses de xuño e xullo atípicos, a onda de calor que estes días asola a nosa terra xa fai temer o peor. Como todos os anos, a comunidade non se libra de sufrir algún grande incendio que arrase co seu ben máis prezado: a súa superficie forestal, o verde que a caracteriza e forma parte de máis do 70 % do seu territorio. Polo de agora aínda non houbo que lamentar ningún lume de gran intensidade, pero agosto e setembro, ata mesmo outubro, son meses de elevado risco. O Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga 2024) recolle a actualización das parroquias con máis alta actividade incendiaria e, polo tanto, aquelas nas que hai que extremar as precaucións. Sabes cales son?
En total trátase de 40 parroquias galegas ubicadas na súa maioría na provincia de Ourense (28 das totais) e pertencentes a 27 concellos. Atendendo ao número de incidencias que se declararon nelas nos últimos 5 anos, as parroquias con máis elevada actividade incendiaria de Galicia son O Pereiro, no concello ourensán da Mezquita, onde se declararon 44 incidencias nos últimos cinco anos que arrasaron cun total de 830,39 hectáreas; Cures, no concello coruñés de Boiro, onde se declararon 43 incidencias en cinco anos que se levaron por diante un total de 2.410,62 hectáreas; e O Tameirón, no concello ourensán da Gudiña, con 38 incidencias declaradas nos últimos cinco anos que arrasaron con 309,09 hectáreas.
Tamén por enriba das 30 incidencias nos últimos 5 anos estarían Carballo, no concello homónimo (35); Tállara, en Lousame (36); Montes, en Cualedro (32); A Gudiña, no concello homónimo (34); Pentes, na Gudiña (36); e Dozón, no concello homónimo (30). Por enriba das 20, pero por debaixo das 30 estarían Castro de Escuadro, en Maceda (25); Camba, en Laza (22); Santigoso, na Mezquita (23); Prandín, en Calvos de Randín (28); Requiás, en Muíños (29); Mourentán, en Arbo (28); e San Xurxo de Salceda, en Salceda de Caselas (22). Por enriba das 10, pero por debaixo das 20 estarían Quins, en Melón (17); Padrenda, no concello homónimo (12); Cernado, en Manzaneda (11); Chaguazoso, na Mezquita (10); Oímbra, no concello homónimo (16); Chaguazoso, en Vilariño de Conso (16); Castiñeira, tamén en Vilariño de Conso (13); Calvos, en Calvos de Randín (16); Prado de Limia, en Muíños (10); San Salvador de Budiño, no Porriño (14); e Poio, no concello homónimo (14).
Xa por debaixo das 10 incidencias nos últimos cinco anos estarían Boiro, no concello homónimo (7); Ribasieira, en Porto do Son (3); Meiraos, en Folgoso do Courel (6); Casaio, en Carballeda de Valdeorras (8); Queixa, en Chandrexa de Queixa (8); San Millao, en Cualedro (6); A Xironda, tamén en Cualedro (9); A Granxa, en Oímbra (8); Bousés, tamén en Oímbra (5); Grixoa, en Viana do Bolo (5); Sabuguido, en Vilariño de Conso (7); Vilamaior de Boullosa, en Baltar (4); e Salar, en Caldas de Reis (3). Como se pode observar, as parroquias con menor actividade incendiaria nos últimos 5 anos incluídas nas zonas de risco serían Salar, no concello de Caldas de Reis; e Ribasieira, no de Porto do Son, con só 3 incidencias relacionadas cos lumes en ambas as dúas; seguidas de Vilamaior de Boullosa, no concello de Baltar, con 4.
3 INCIDENCIAS EN 5 ANOS ARRASARON 2.000 HECTÁREAS EN SALAR, EN CALDAS
Agora ben, se en lugar de mirar cales foron as parroquias con máis incidencias nos fixamos nas hectáreas queimadas en cada unha na última década, o panorama é ben diferente. As parroquias con máis superficie queimada nos últimos 10 anos foron Camba, no concello de Laza, onde en dez anos foron arrasadas polo lume 3.335,90 hectáreas; A Xironda, no concello de Cualedro, onde se perderon 2.734,29 hectáreas; e Mourentán, no concello de Arbo, onde en dez anos o lume afectou a 2.592,33 hectáreas. Tamén por enriba das 2.000 hectáreas queimadas nos últimos 10 anos estarían a parroquia de Cures, en Boiro (2.410,62 hectáreas); e a de Salar, en Caldas de Reis (2.003,54 hectáreas). Por enriba das 1.500 hectáreas arrasadas, pero por debaixo das 2.000 estarían Casaio, en Carballeda de Valdeorras (1.665,47 hectáreas); Queixa, en Chandrexa de Queixa (1.681,78 hectáreas); San Millao, en Cualedro (1.502,76 hectáreas); Montes, tamén en Cualedro (1.908,62 hectáreas); A Gudiña, no concello homónimo (1.895,88 hectáreas); e Bousés, en Oímbra (1.605,26 hectáreas).
Por enriba das 1.000 hectáreas arrasadas nos últimos 10 anos, pero por debaixo das 1.500 estarían Ribasieira, en Porto do Son (1.225,72 hectáreas); Cernado, en Manzaneda (1.221,06 hectáreas); Sabuguido, en Vilariño de Conso (1.012,33 hectáreas); e Chaguazoso, tamén en Vilariño de Conso (1.043,68 hectáreas). Entre as 500 e as 1.000 hectáreas queimadas na última década estarían Tállara, en Lousame (812,15 hectáreas); Meiraos, en Folgoso do Courel (522,59 hectáreas); Quins, en Melón (745,76 hectáreas); Prado de Limia, en Muíños (541,82 hectáreas); e Requiás, tamén no concello de Muíños (944,70 hectáreas).
E xa por debaixo das 500 hectáreas queimadas estarían Carballo, no concello homónimo (62,33 hectáreas); Boiro, tamén no concello homónimo (21,41 hectáreas); Castro de Escuadro, en Maceda (496,86 hectáreas); Padrenda, no concello homónimo (470,72 hectáreas); Pentes, na Gudiña (426,44 hectáreas); O Tameirón, tamén na Gudiña (309,09 hectáreas); Chaguazoso, na Mezquita (58,28 hectáreas); Santigoso, tamén na Mezquita (188,75 hectáreas); A Granxa, en Oímbra (498,47 hectáreas); Oímbra, no concello homónimo (77,15 hectáreas); Grixoa, en Viana do Bolo (261,70 hectáreas); Castiñeira, en Vilariño de Conso (275,97 hectáreas); Vilamaior de Boullosa, en Baltar (143,18 hectáreas); Calvos, en Calvos de Randín (34,27 hectáreas); Prandín, tamén en Calvos de Randín (251,18 hectáreas); Dozón, no concello homónimo (88,28 hectáreas); San Salvador de Budiño, no Porriño (41,08 hectáreas); San Xurxo de Salceda, en Salceda de Caselas (44,31 hecttáreas); e Poio, no concello homónimo (8,22 hectáreas).
Como se pode observar, hai concellos nos que se detectaron moitas incidencias, como é o caso da Gudiña, na parroquia do Tameigón, onde sen embargo as hectáreas queimadas non foron tantas en comparación: 38 incidencias relacionadas con lumes pero só 309,09 hectáreas arrasadas. Mentres que noutros concellos, como Porto do Son, na parroquia de Ribasieira, poucas incidencias remataron con moitas hectáreas: só 3 incidencias pero 1.225,72 hectáreas arrasadas; ou en Caldas de Reis, onde na parroquia de Salar se detectaron 3 incidencias nos últimos 10 anos pero estas arrasaron con 2.003,54 hectáreas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.