Comeza agosto e con el o festival máis senlleiro de Galicia

O Festival Pardiñas, en Guitiriz, convida a empaparse de música, tradición e cultura galega do 2 ao 4 de agosto. Como cada ano, ademais do completo cartel de concertos, haberá Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, Mostra de Artesanía, Recital Poético, Aberto de Billarda e outras actividades paralelas.

Por Galicia Confidencial | Guitiriz | 01/08/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O Festival de Pardiñas, recoñecida dende hai anos como Festa de Interese Turístico Galego, chega este ano á súa 45ª edición e cunha gran saúde á vista da programación que presenta.

Ailá. Foto cedida.
Ailá. Foto cedida.

Para ir abrindo boca, este venres 2 de agosto terá lugar o X Certame de cantos de Taberna e o encontro amigable de Fútbol Gaélico Liga Gallaecia. Este encontro deportivo será no campo de fútbol Suso Cruz de Guitiriz ás 19:00 h. mentres que os cantos de taberna comezarán ás 19:30 h. cunha previa no IBERIK Balneario de Guitiriz coa Escola de Música Tradicional de Xermolos, e a ruada a partir das 20:30 h. no Campo da Feira e polos bares da vila.

Chegados á fin de semana, o sábado preséntase cheo de variadas actividades para todas as idades e cartelazo de concertos. Ás 11:30 h. darase apertura da XXXI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, un lugar de encontro senlleiro imprescindible para os/as amantes das nosas músicas, e que contará cunha animada sesión vermú ás 13:00 h. co grupo Os Canallas.

Xa pola tarde, ás 16:00 h. Aberto de Billarda e ás 16:30 h. apertura da XLV Mostra de Artesanía, sendo o pregón ás 17:00 h. a cargo de Antón Santamarína.

A música volve ás 18:30 h. co concerto do grupo de música tradicional galego Lembranzas do Tambre, e ás 19:00 h. terá lugar a XLV Carreira Popular.

Festival de Pardiñas. Foto: Xosé A. Arias
Festival de Pardiñas. Foto: Xosé A. Arias

CONCERTOS SÁBADO NOITE

Ás 20:30 h. actuarán o Bloquinho de Xermolos.

Ás 21:30 h. Septeto Naborí, dende Cuba.

Ás 01:15 h. Aroze, de Francia.

E para pechar a noite, a galega Pauliña ás 3:15 h.

DOMINGO 4

A partir das 11:30 h. apertura tanto da XLV Mostra de Artesanía como da XXXI Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, contando esta última cun obradoiro de Treboada, Oli Xiráldez.

Pola tarde, ás 16:00 h. haberá unha proxección audiovisual na Igrexa de Pardiñas –Xorima, con Sofía Naseiro-- e un recital poético para denunciar o xenocidio de Palestina ás 16:45 h. no espazo da Mostra de Artesanía.

Entre as 17:00 e as 19:00 h. están programadas, por este orde, o II Encontro de Regueifa, o espectáculo infantil Circanelo, e o concerto de Silvaredonda. Sendo a continuación, ás 19:30 h., o pregón de Iago Santalla, e a entrega de premios do XLV Certame Terra Chá de creación infantil e xuvenil.

CONCERTOS

Como peche á programación dominical e ao Festival de Pardiñas, estarán en concerto no escenario principal:

20:30 h. Ailá

22:00 h. Gwendal, da Bretaña.

23:45 h. Kumpania Algazarra de Portugal.

1:45 h. Loita Amada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 galegON

Do melloriño de agosto na Galiza.