Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2024 | Actualizada ás 12:59
Podemos informou de que a Secretaría de Organización estatal decidiu crear un equipo técnico en Galicia co foco nas primarias do Consello Cidadán Galego que se celebrarán no próximo trimestre.
A formación morada subliña que é "o momento de dar estabilidade e de reforzar a organización" co fin de "abrir un ciclo político que traballe repensando o rumbo do país". O equipo técnico está liderado por Isabel Faraldo (A Coruña), administrativa no Sergas, exconcelleira na Coruña e candidata á Xunta nas últimas eleccións galegas de febreiro, nas que Podemos non logrou representación na Cámara autonómica.
Tamén estará integrado por Adrián García (A Coruña), representante sindical no sector do telemárketing e defensor dos dereitos laborais e LGTBIQ+, como responsable de comunicación; e por María Jesús Pereiro (Monforte), informática e militante desde 2014, quen xestionará as finanzas; e Toño Naval (Ourense) como responsable de Organización.
Pola súa banda, Ximena Cheda (Uruguai-Lugo), activista feminista, xestionará as áreas de igualdade e participación; mentres que o vigués Óscar Lomba ocuparase da área de municipalismo. A primeira encomenda do equipo técnico será realizar asembleas provinciais para reunir á militancia, explicar a situación actual e traballar para as próximas primarias.
Os integrantes do equipo destacaron o traballo realizado pola anterior dirección galega (Borja San Ramón anunciou en marzo a súa intención de non continuar como coordinador da formación) e aplaudiron o "bo facer e compromiso" da mesma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.