Colexios de Sada, A Coruña e Cangas, gañadores do concurso escolar 'Contádenos o voso Día das Letras de Luísa Villalta'

A entrega dos galardóns terá lugar o próximo outono na Coruña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2024 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

Alumnado do CEIP Sada e os seus Contornos (Sada), do Colexio Fogar de Santa Margarida (A Coruña) e do CEIP da Espiñeira-Aldán (Cangas) foron os gañadores do concurso escolar 'Contádenos o voso Día das Letras de Luísa Villalta', convocado pola Real Academia Galega (RAG). A entrega dos galardóns terá lugar o próximo outono na Coruña.

En concreto, o centro de Sada promoveu o coñecemento da figura e da obra da autora con distintas iniciativas nas que o alumnado "se involucrou moi activamente". Cómics sobre a escritora, unha estrevista radiofónica a exalumnos de Villalta e un festival con motivo da celebración do 17 de maio foron varias das propostas desenvolvidas ao longo do curso 2023-2024.

Así mesmo, os nenos e nenas levaron a escena unha adaptación de 'Violino, inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta', a historia escrita por Ana María Fernández e o académico correspondente Xoán Babarro para Primavera das Letras, contando con Óscar Villán como ilustrador. A primeira representación teatral celebrouse con motivo da presentación da última edición deste espazo dixital da Academia, en marcha desde 2016 con apoio económico da Deputación da Coruña.

Pola súa banda, o CEIP da Espiñeira-Aldán repite premio en recoñecemento a unha completa proposta de sete talleres. Cada un nomeouse cunha nota do petangrama, en referenica á faceta musical que sempre acompañou a Villalta, e dedicouse a profundar na súa vida e obra, así como a promover o uso do galego. Ademais, entre outras cousas, realizaron actividades de escritura creativa partindo de versos da autora sobre grandes temas da súa obra, un podcast sobre a homenaxeada, o Rosco Letras Galegas 2024 e propostas de acompañamento musical para versos do poeta.

No Colexio Fogar de Santa Margarida o alumnado de todos os niveis participou durante toda unha semana na 'Xincana de Luísa Villalta', cunha serie de xogos e pasatempos para distintas idades ao redor da vida e do legado literario da escritora. Os estudantes do centro coruñés foron ademais parte do equipo do vídeo 'A Coruña de Villalta', un traballo que implicou a nenos e nenas de distintos colexios de Escolas Católicas da Coruña.

Alumnado do Fogar de Santa Margarida
Alumnado do Fogar de Santa Margarida | Fonte: RAG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta