Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2024 | Actualizada ás 19:06
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) mostrou o seu rexeitamento ao anteproxecto de lei dos medios públicos de comunicación audiovisual que prepara a Xunta e secundou o comunicado emitido este martes polo Comité Intercentros da CRTVG, que cualificaba este texto de "absolutista".
Segundo explicou a asociación sindical nunha nota de prensa, o seu obxectivo é apoiar á representación dos traballadores da CRTVG e sumarse á indignación espertada ante esta lei de medios, "tanto polo seu contido lesivo como polo proceder da Xunta e de Alfonso Rueda".
Nesta liña, a AAAG asegurou que o resultado final do anteproxecto no que traballa o Goberno galego será a disolución completa da "verdadeira natureza" dun medio público e apoiou ao Comité Intercentros, quen asegurou que "a alegación será a súa mobilización".
Deste xeito, a asociación, que aglutina a máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección de escena, sinalou que esta iniciativa lexislativa "desatende as reclamacións sobre transparencia, renovación e pluralidade que se acumulan desde hai anos sobre a xestión pública".
Así mesmo, incidiu en que significaría un "retroceso moi preocupante", tal e como criticou o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia esta semana nunha nota de prensa na que manifestou que o texto "é un menosprezo á profesión xornalística".
"A AAAG considera que a CRTVG debe ser unha ferramenta fundamental e independente para a formación, a información e a participación cidadá, así como un elemento difusor da cultura propia e un gran motor para o sector audiovisual a través dunha produción propia", reivindicou.
Ademais, denunciou que a rebaixa das maiorías cualificadas no Parlamento para elixir a dirección da CRTVG, a eliminación do Consello de Informativos e do Estatuto Profesional, así como a apertura a outros idiomas, reflicten a vontade política da Xunta.
Con todo, a AAAG indicou que as consecuencias deste anteproxecto de lei serán a deterioración da propia CRTVG e que se van a "laminar os xa minguados mecanismos" que deben garantir o pluralismo e a independencia dun medio público.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.