Por Galicia Confidencial | Ponteareas | 08/08/2024 | Actualizada ás 21:27
O Ateneo Amado Garra deu a coñecer hai uns días o programa da homenaxe que lle queren render ao cofundador e director do xornal A Peneira co gallo do 40 aniversario da súa aparición, alá polo ano 1984. Os actos comezarán ás 20:30 horas na Sala Multiúsos do Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas.
No acto público intervirán o propio Guillermo Rodríguez, o Presidente do Ateneo, Roberto Mera, e diferentes persoas que compartiron a traxectoria xornalística e social do homenaxeado. Ademais, proxectarase un audiovisual no que se repasarán as principais contribucións de Guillermo Rodríguez e do xornal A Peneira a Ponteareas, O Condado e a Galicia. O evento contará tamén con actuacións musicais.
Tras o acto, ás 22:00 horas, celebrarase unha cea-cóctel no parque da Feira Vella da localidade e a partir das doce da noite a festa continuará no primeiro andar do pub JJ Copas de Ponteareas.
O Presidente do Ateneo, Roberto Mera, animou á veciñanza a participar “neste acto de xustiza cunha persoa comprometida dende hai máis de 60 anos co seu pobo, coa súa comarca e con Galicia, exemplo de perseverancia e entrega a innumerabeis causas sociais e culturais e impulsor e motor dun xornalismo comarcal con vocación transformadora, que xa forma parte da nosa historia xunto con cabeceiras emblemáticas como El Tea de Amado Garra”. Así mesmo, salientou que “Guillermo Rodríguez é un exemplo de compromiso e de persoa incombustíbel e incansábel ao longo de máis de seis décadas no traballo por transformar o noso país, unha desas persoas imprescindibeis e un bo e xeneroso que, ao igual que Amado Garra, deixa para a historia de Ponteareas e do Condado un legado xornalístico imprescindíbel para entender o noso pasado máis recente”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.