Por Galicia Confidencial | Vigo | 06/12/2015 | Actualizada ás 19:00
A plataforma Prolingua fixo hoxe pública unha carta aberta ao presidente do Congreso dos Deputados, Jesús Posada, na que reclama "respecto á riqueza plurilingüe de España no sitio web" da Cámara Baixa.
Este colectivo indicada que a web institucional do Senado (www.senado.es) pódese consultar en catalán, castelán, eúscaro, galego, valenciano e inglés, mentres que a do Congreso (www.congreso.es) só ofrece dúas posibilidades; castelán e inglés.
Nun comunicado este colectivo suliña que "está ben poder coñecer a actividade dos nosos deputados en inglés, pero é de xustiza dispor tamén desta información en galego e nas demais linguas españolas".
Ademais, fai referencia ao aniversario da Constitución e di que sería un "bo agasallo" aos cidadáns facilitar a consulta multilingüe dos contidos deste portal institucional.
Esta é a misiva:
Carta aberta ao presidente do Congreso dos Deputados
Excmo. Sr. Jesús Posada, presidente do Congreso dos Deputados:
Desde a plataforma apartidaria ProLingua dirixímonos a vostede para reclamar respecto á riqueza plurilingüe de España no sitio web do Congreso dos Deputados. O portal do Senado (senado.es) pode consultarse en catalán, castelán, éuscaro, galego, valenciano e inglés, mentres que o do Congreso (congreso.es), só en castelán e inglés. Consideramos necesaria unha ampliación inclusiva desta oferta que posibilite o acceso no resto dos idiomas de España que son oficiais nas súas Comunidades Autónomas, e mesmo que se considere esta posibilidade para aqueloutros que sen o seren contan cun certo grao de oficialidade coma o asturiano ou o aragonés. Ben está poder coñecer a actividade das nosas deputadas e dos nosos deputados en inglés, pero é de xustiza dispoñermos tamén desta información en galego e nas demais linguas españolas.
Hoxe a Constitución Española está de aniversario. Un bo agasallo á cidadanía sería facilitar a consulta multilingüe dos contidos deste portal institucional. Resulta habitual escoitar discursos gabando as bondades do plurilingüismo, mais se ese plurilingüismo fica reducido ao castelán e ao inglés, o resultado evidente é a exclusión das outras linguas. Non pode ser que o Congreso permita que estas linguas nacionais, mesmo aquelas con estatuto de oficialidade, reciban na práctica peor trato que idiomas estranxeiros. Desde Prolingua queremos agradecer de antemán a súa atención e agardamos unha solución a esta ausencia tan pouco plural.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.