Onda de Calor en Galicia: as temperaturas soben ata 15º esta fin de semana

Os avisos por calor en Galicia esténdense este sábado polo territorio, con alerta laranxa na conca do Miño.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/08/2024 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

A onda de calor que afecta desde este venres traerá temperaturas superiores a 40ºC durante o fin de semana en varios puntos, co sábado como día álxido do episodio, pero as temperaturas descenderán a partir do luns polo achegamento dunha fronte atlántica cunha masa de aire máis fría, segundo informou a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).

Mapa térmico de Galicia previsto para esta fin de semana onde está prevista unha onda de calor
Mapa térmico de Galicia previsto para esta fin de semana onde está prevista unha onda de calor | Fonte: Meteored

Nos próximos días, a dorsal vaise a reforzar sobre boa parte de España, coa formación mesmo dun anticiclón illado en niveis altos. A escasa renovación do aire en niveis baixos, xunto coa forte insolación propia da época, darán lugar a un ascenso das temperaturas máximas e mínimas.

As anomalías, entendidas como a desviación da temperatura máxima respecto da media, alcanzarán valores pico no norte peninsular. O sábado, as máximas estarán de 10 a 15 ºC por encima da media da época na metade sur de Galicia, País Vasco, sur de Cantabria, A Rioxa, Navarra e norte de Castela e León. O domingo, a situación será especialmente anómala no País Vasco e Cantabria, con anomalías cálidas que se situarán ao redor dos 15 ºC.

MARCAS DE RÉCORD

As anomalías cálidas serán moi importantes no terzo norte durante o fin de semana. Poderían caer algunhas marcas de máximas e mínimas. En definitiva, esta vez o norte peninsular non se librará da intensa calor.  O domingo, un fluxo de ventos do sur levarán a calor extrema até a mesma costa cantábrica. Superaranse os 35 ºC de forma xeneralizada en puntos do interior de Galicia e Asturias. 

O domingo poden verse noites tropicais en puntos onde son moi pouco habituais. Na noite do sábado ao domingo, as mínimas poderían non baixar dos 20 ºC en Navarra, A Rioxa, País Vasco, puntos de Asturias, Cantabria e interior sur de Galicia.

O luns, baixarán as temperaturas, pero seguiremos falando de calor intensa. 

ALERTAS E SITUACIÓN EN GALICIA

Os avisos por calor en Galicia estenderanse este sábado a case a metade do territorio galego, onde se esperan altas temperaturas que poderían alcanzar os 40 graos centígrados na conca do río Miño.

Así, toda a provincia de Pontevedra estará este sábado en alerta por calor, un aviso que será amarelo na costa e o interior e laranxa na conca do Miño. A alerta laranxa tamén estará activa no resto da conca do Miño ao seu paso pola provincia de Ourense, onde se espera que o mercurio poida elevarse ata os 40ºC. Os avisos por calor afectarán o resto da provincia ourensá salvo á montaña, mentres que o sur será a única zona de Lugo na que haberá alerta por altas tempraturas. Na Coruña, o aviso afectará ao longo de toda a xornada ás zonas do interior, nas que se esperan temperaturas de 34ºC ou máis durante as horas centrais do día.

O episodio de calor intensificarase este sábado en Galicia coa entrada de aire cálido en superficie acompañado da aproximación de aire frío en altura, o que podería provocar a formación de treboadas no interior.

Nun comunicado, a Consellería de Sanidade lembra á cidadanía a importancia de hidratarse e evitar a inxesta de bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou azucaradas. Tamén recomenda comer froitas e verduras, así como prescindir de comidas copiosas, vestir adecuadamente con roupa e calzado fresco e transpirable; e permanecer en espazos ventilados ou acondicionados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta