Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/08/2024 | Actualizada ás 14:00
As viaxes como centro dunha experiencia persoal e literaria e cartas como modelo de expresión desa experiencia. Ese é o eixo central dos escritos que durante anos ven atesourando o profesor universitario, escritor e colaborador de Galicia Confidencial, Gabriel Rei-Doval. Un mundo persoal e literario que leva anos amosando nos seus artigos xornalísticos neste medio de comunicación e noutros e que agora ven a luz en forma de libro.
A obra, editada por Embora, ten unha parte substancial de contidos baseada en artigos saídos no Galicia Confidencial: Cartas de Marco Polo e os obituarios incluídos na sección Viaxes sen Lee. Son reflexións que o autor fixo ao longo das súas múltiples viaxes por distintas partes dos Estados Unidos, onde exerce como docente desde hai anos.
As Cartas de Marco Polo foron o seu primeiro intento consciente de crear unha narrativa consecutiva para unha viaxe longa. Estiveron condicionadas pola inmediatez entre as datas e lugares visitados e a saída dos artigos. Son artigos máis pegados a unha literatura de viaxes dun tipo máis tradicional.
Gabriel Rei-Doval é profesor na University of Wisconsin-Milwaukee. Autor de varios libros, entre eles, A lingua galega na cidade no século XX; A lingüística galega desde alén mar;
Publicidade e lingua galega; En memoria de tanto miragre; Contacto de linguas, hibridade, cambio ou Vender en galego entre outros. É colaborador do Galicia Confidencial desde hai anos.
Que significa Cartas de Marco Polo para Gabriel Rei-Doval?
É o meu primeiro libro en formato impreso no ámbito da literatura creativa. Son (co)autor de catorce libros de corte académico, pero esta é a miña primeira incursión impresa no eido creativo. Creo que chega no momento axeitado, despois de múltiples colaboracións, quer online quer en papel, en diversos medios. Agora tocaba poñer por xunto todo ese caudal e facelo facilmente dispoñible en papel ó lector galego.
Como xorde a idea deste libro?
Xorde, por unha banda, ó comprobar que algúns dos artigos eran de acceso moi difícil para o lector, posto que foron publicados en medios desaparecidos como A Nosa Terra ou Vieiros, ese mítico rueiro galego de internet que algúns aínda botamos de menos. Xorde tamén da necesidade persoal de ver nun mesmo volume todo o que fun escribindo sen o corpiño da literatura académica desde hai vinte e cinco anos. Ademais, a perspectiva de completa-las Viaxes sen Lee, oxalá que moi logo, animoume a publicar todo o que non formaba estritamente parte dese periplo polos EUA.
E por que este formato de libro de viaxes?
A “culpa” tena o GC. Xurxo Salgado animoume a escribi-las Cartas de Marco Polo, e ó final acabaron dando sentido a todo o demais que tiña publicado antes e serviron como punto de encontro para unifica-lo resto dos relatos (ou, se alguén o prefire, ensaios) que forman parte do volume. En todo caso, este libro supera o ámbito do libro de viaxes, porque quixen dar lugar tamén ás (merecidas) homenaxes que forman parte do volume e que, na maior parte dos casos, non encaixan no xénero.
Sabes que é un xénero pouco de moda na nosa literatura...
Seino agora que se publica o libro, pero non era plenamente consciente cando comecei a escribi-las Cartas de Marco Polo en Galicia Confidencial. Foi o longo proceso de escritura (aínda en curso) das Viaxes sen Lee o que me fixo reflexionar sobre a cuestión. O lector atento de GC decatarase, porque os vínculos en ausencia con Otero Pedrayo ou Risco son obvios para quen saiba velos.
Poderiamos dicir que hai algo do Mitteleuropa de Risco nesta obra, pero que outros referentes hai?
Obviamente, Mitteleuropa é, como dixen, un referente fundamental, que foi tomando corpo a medida que aparecían as Viaxes sen Lee. Nas Cartas de Marco Polo non sinto que haxa moito diso aínda. Tamén está presente nas Cartas Arredor de si (non é casual que o limiar se titule “As madeixas da vida”). Eses son os dous referentes básicos no seo da literatura galega. Fóra da tradición galega, serviume de inspiración dalgún xeito El árbol de la ciencia de Pío Baroja. Con todo, a miña referencia fundamental na literatura de viaxes (e alén), sen dúbida ningunha, é a Viaxe a Ixtlán de Carlos Castaneda. Por iso forman parte das Cartas de Marco Polo dous artigos enteiros dedicados a esa figura, para min xenial, rutilante e irrepetible, que foi Castaneda. Sen Carlos Castaneda non sería quen son como escritor.
Neste libro topamos pequenas grandes historias escritas en varios xornais, entre eles, o Galicia Confidencial, ao longo de varios anos. Cal é o fío condutor que hai entre elas ou que ti quixeches imprimirlle?
O fío condutor son a necesidade de viaxar para atopa-lo lugar no mundo e a presenza deses seres únicos que me levaron a ser quen son.
Nel hai as vivencias dunha viaxe túa á India, por que a India?
Non é misterio ningún que a India é esa spiritual motherland do planeta á que me refiro no libro. India é tamén moitas outras cousas (non todas elas marabillosas), pero viaxar alí en 2016 axudoume a seguir adiante nun momento difícil da miña vida. Hai que ser moi duro de corazón para non deixarse levar polas enerxías do Himalaia, e dá azos para crer nun mundo mellor entrar na residencia do Dalai Lama e apreza-lo esforzo do pobo tibetano no exilio. A inspiración que proporciona Oriente é ilimitada e non se cinxe á India. Ademais, os occidentais precisamos nalgún momento rendirnos ó caos indio para seguir avanzando na vida.
Tamén algunhas historias familiares, túa nai, teu pai, túa avoa. Quixeches tamén homenaxealos a eles?
Como digo ó final do limiar ‘As madeixas da vida’ (madeixas, non camiños), sen elas e eles non sería quen son. A meus pais vai dedicado o libro. E sen miña avoa Teresa quizais non sería hoxe galegofalante e galego-entusiasta.
Sabemos do teu longo camiño no mundo da investigación e a docencia académica nos EUA pero, como é o Gabriel Rei-Doval literato?
O Gabriel Rei-Doval literato íspese do traxe académico e camiña na procura do que Carlos Castaneda chama nagual. O home de coñecemento procura a súa forza no corazón e no Ser, non no adoito aburrido e reseso mundo intelectual.
E como casas eses dous ámbitos?
Tento facelo con paciencia. Teño días e tempadas. A vida non cho pon fácil ás veces, pero hai que seguir, sen abandona-la nave.
Por certo, que tal a vida convulsa dos EE.UU., percibese iso das división entre as dúas américas?
Vivimos nun mundo sumamente polarizado. A convulsión é unha maneira de apelar ós instintos máis baixos do ser humano, nos EUA e tamén nas Iberias. Dicían uns galegos hai varias décadas que eran malos tempos para a lírica. En todo caso, debemos saber quen somos e pelexar, desde a presenza comprometida, a dignidade humana e a ética, pola liberdade, a xustiza e o amor, a mellor protesta, a máis xusta de todas. Actuar desde a razón obsesiva só conduce á destrución.
Gabriel, e logo de Cartas de Marco Polo, que toca?
Toca... remata-las Viaxes sen Lee.
E que son Viaxes sen Lee?... Supoño que tamén haberá a visión desas dúas américas das que falabamos antes, non?
Eu creo que son as Américas diversas, e as Galicias diversas. A polarización e a simplificación maniquea só conduce ó fracaso e á destrución do ser humano. Por outra banda, as Américas axudan a entende-las Galicias, e viceversa. E América axuda tamén a situar Galicia no mapa. Para min, en galego temos un lugar no mundo, tamén en América.
Para ir rematando, como ves o panorama literario actual en Galicia?
Non sei se son a persoa máis indicada para facer esa avaliación. Ás veces síntoo ensimesmado, pero pode se-la distancia física. A Galicia de hoxe só ten futuro cos galegos residentes ausentes. O sistema literario e cultural galego deberían espertar do seu soño; ás veces mira demasiado para o seu embigo.
E do editorial, que contamos?, digo porque Cartas de Marco Polo foi unha obra que contou co apoio de Embora Edicións?
Prefiro non opinar sobre o mundo editorial galego. Só podo dicir que me sinto cómodo en Embora Edicións, que publica Cartas de Marco Polo e outros relatos. Embora representa esa nova Ilustración que a Ferrolterra pode achegar a Galicia. O noso país necesita de editores valentes, entusiastas e decididos como Miguel Toval.
Por certo, seguirás por EE.UU ou tes pensado volver á terriña?
A endogamia profesional e académica galega levoume ata Wisconsin. Sobre o futuro, haberá que preguntarlle ó oráculo de Breogán. En todo caso, aínda hai moito que facer por Galicia e pola nosa lingua. A nosa lingua tamén florece en Norteamérica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.