No Festival Cineuropa deste ano vin por casualidade dúas películas complexas. Na primeira, a turca Mustang, o heroe masculino é un simpático transportista que permanece moi modesto nun segundo plano. Na segunda, a mexicana Chronic, o famoso actor Tim Roth asume o papel absolutamente desagradecido dun enfermeiro de pacientes moi graves ou terminais. As dúas obras resultan ferintes.
Tamén vin no cine con certa tristura como Carmelo Gómez encarnaba con total falta de carisma ao inspector Leo Caldas da recomendable novela de Domingo Villar titulada A praia dos afogados. Outro investigador, o Harry Hole do novelista noruegués Jo Nesbo, tenme moi enganchado e xa estou inmerso nunha segunda novela da serie. O estraño, cando menos para min, chega vendo que este Hole é ás veces desagradable e ambiguo. Algo semellante ten lugar cos detectives da notable película española “La isla mínima”.
Será posible que a tendencia a crear anti-heroes tanto no cine como na literatura teña chegado a ser excesiva? Resulta moi “cool” retratar a estes tipos duros, pero que transmiten? Dende a excelsa película sobre Oskar Schindler feita por Steven Spielberg xa estamos afeitos a este tipo de heroes imperfectos, pero tal vez chegamos ao que chamo efecto de sobrecompensación que se dá en moitos ámbitos da vida. Un exemplo sinxelo é o de ir á perruquería e pedir que corten moi pouco o cabelo. É probable que non cumpran ese desexo, pensando que así non fan completamente o seu traballo.
O problema estriba en que pode aparecer o cinismo, en especial nas mentes máis novas e impresionables. Se todo o mundo é corrupto, eu tamén o serei. As mensaxes que veñen nos medios de comunicación referidos a políticos reforzarían esta nefasta inclinación.
Que se pode facer entonces? Ó meu modo de ver, non estaría de máis guiarse por algúns modelos do pasado. Sen deixar de ter claroscuros, actores sen superpoderes como Gary Cooper en Xoán Ninguén ou So diante do perigo, John Wayne en O home que matou a Liberty Valance, Omar Shariff en Doutor Zhivago, Kate Winslet en Titanic ou Kirk Douglas en Sendeiros de gloria, por citar exemplos de cine moi coñecidos, establecían un sistema distinto fundado sobre valores como a integridade, o honor, a capacidade de reacción, a lealdade, a valentía, o sacrificio e o idealismo.
O idealismo é, en definitiva, o que marca os cumes aos que todo ser humano consciente debe aspirar. Como lles pasou a Don Quixote e ao Xesús bíblico, pode suceder que a nobreza sexa incomprendida dando paso á traxedia, pero é preciso loitar. Oxalá aparezan novos heroes e heroínas admirables, ídolos transcendentais que nos confiran pautas de comportamento e que se reviren para mirarnos con mutuo respecto e aprecio.