Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 13/08/2024 | Actualizada ás 22:00
Cada verán son milleiros os galegos que ven interrompida a súa vida cotiá pola chegada de centos de visitantes que fan intransitables vilas, aldeas e mesmo cidades durante os meses de xullo e agosto. Fai uns anos a cousa xa pintaba mal, pero co incremento desta masificación turística ano tras ano, a cousa estase facendo verdadeiramente insostible. Non chegan as nosas infraestruturas, que non están preparadas na súa concepción para acoller tanto turismo: nin estradas, nin aparcadoiros, nin establecementos hostaleiros... A saturación é tal que non hai maneira de encaixar a vida dos locais coa dos visitantes, ata o punto de que a xente autóctona das vilas que máis sofren esta turistificación chega a abandonar a súa terra natal para mudarse a outra onde este fenómeno aínda non chegase, alo menos durante os meses estivais. Nin praias, nin montañas, nin ríos, nin miradores... Todo está cheo 24/7.
Desta realidade é da que xurdiu a necesidade manifesta por parte de varios concellos de implantar a chamada taxa turística, que en verdade non é outra cousa que unha pequena aportación económica feita por cada visitante (en función das noites que se quede e da categoría do establecemento) para contribuír a reparar ou mitigar todos os danos que causa a masificación turística. Vilas como O Grove ou Sanxenxo foron as primeiras en poñela sobre a mesa, así como cidades como Santiago de Compostela ou A Coruña. As primeiras pola chegada masiva de visitantes para gozar das súas praias e do bo tempo e os segundos pola gran cantidade de peregrinos que chegan ás mesmas facendo o Camiño de Santiago. No primeiro caso hai que dicir que adoitan tratarse de estancias longas, de varios días; mentres que nas dúas cidades, especialmente en Santiago, son estancias de dous ou tres días como moito, o que xa se deu en chamar: turismo de bocadillo, con peregrinos de paso que apenas fan gasto na cidade, pero que si aproveitan os seus servizos.
Para amosar esta realidade, dende o Galicia Confidencial botamos man dos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) e do Instituto Galego de Estatística (IGE), que nos demostran que nos últimos anos (dende o 2005, primeira data da que se dispón de datos) o crecemento turístico foise incrementando, paralizado só durante o ano 2020 por mor da pandemia, pero xa novamente en niveles precovid. Así, tomamos como referencia desta evolución os meses estivais de xullo e agosto e eses catro concellos que se plantexaron a taxa turística como unha boa medida a implementar: O Grove, Sanxenxo, Santiago de Compostela e A Coruña. Os resultados? Cada ano que pasa a cousa vai a peor e, lonxe de buscar solución, Galicia segue estancada coas mesmas infraestruturas que cando recibía a metade de visitantes que agora.
O GROVE: 8.000 VISITANTES MÁIS EN XULLO EN CINCO ANOS
Entre as vilas, aínda que moitas veces ao falar de turistificación se fala unicamente de Sanxenxo, probablemente sexa O Grove a que máis está sufrindo este fenómeno. Unha vila que conta con 10.828 habitantes censados, na actualidade máis que duplica a súa poboación nos meses de verán. Dende o 2005, o ano con menor número de visitantes nun mes de xullo sacando o 2020 (ano da pandemia, no que recibiu 11.979 visitantes), foi no 2012, cando chegaron a esta vila pontevedresa 13.410 persoas; mentres que o ano no que máis turistas se recibiron foi o 2017, cando se acolleu a 21.352 persoas. O ano pasado, no 2023, púxose de manifesto que se están recuperando esas cifras, recibindo en xullo a 18.406 persoas. Estamos a falar dunha diferenza de visitantes en cinco anos dunhas 8.000 persoas máis. Indo aos extremos, en xullo de 2005 chegaron ao Grove 15.248 visitantes, é dicir, uns 3.000 menos que en xullo de 2023. O problema tamén está no número de noites que estes visitantes se quedan: no 2005 a media era de 3,5 noites; no 2012, de 3,4; no 2017 xa baixaba a 3; e no 2023 remontou algo ata as 3,1 noites de estadía media.
Pasando a analizar a evolución turística do mes de agosto, o ano dende o 2005 no que O Grove recibiu menos visitantes sacando o da pandemia (cando recibiu 14.491 turistas) foi no 2011, con 17.328 persoas que pernoctaron na vila; mentres que o ano no que máis visitantes chegaron foi o 2022, con 25.823 persoas. O ano pasado recibiron un total de 22.210, algo menos, pero xa en valores precovid. Así, en 11 anos o Grove sumou uns 8.000 visitantes durante o mes de agosto. E, se no 2005 recibían 19.143, agora están nuns 3.000 visitantes máis. Ademais, ao igual que acontecía no mes de xullo, tamén en agosto a duración das pernoctacións foi baixando: no 2005 quedábanse de media 4,1 noites; no 2011 xa o facían só 3,6; no 2022 a cifra caía ás 3; e no 2023 remontou lixeiramente ata as 3,2 noites de estadía media por visitante.
SANXENXO: 26.000 VISITANTES MÁIS EN AGOSTO EN DEZ ANOS
No caso de Sanxenxo, que conta con 17.760 habitantes censados, nos meses de verán esta poboación chega a triplicarse. Xullo e agosto son dous meses de sufrimento para os veciños da zona, que ven como se colapsan todos os seus servizos: dende estradas ata supermercados, farmacias e mesmo centros médicos. E, aínda que sempre foi historicamente un destino turístico moi demandado, o dos últimos tempos estase a converter nun verdadeiro escándalo para unha vila tan pequena en dimensións. En concreto, sacando a pandemia (cando chegaron 33.570 visitantes), dende o 2005 o ano no que Sanxenxo recibiu menos visitantes nun mes de xullo foi o 2012, cando acolleu a 33.153 persoas; mentres que o que máis recibiu foi o pasado 2022, con 59.756 persoas. Este pasado 2023 chegaron á vila pontevedresa 53.526 visitantes. Así as cousas, en dez anos o número de turistas case se duplicou no mes de xullo, sumando 26.000 demandantes de hospedaxe máis. Indo aos extremos, se no 2005 se recibiran 40.554 visitantes, estamos a falar de que no 2023 chegaron 13.000 máis. No tocante á duración das pernoctacións, esta tamén foi caendo: no 2005 era de 4 noites; no 2012 xa baixaba ás 3,7; no 2022 estaba nas 3,4; e no 2023 remontou lixeiramente ata as 3,5 noites de estadía media.
Polo que respecta ao mes de agosto, dende o 2005 e sacando o 2020 (cando chegaron a Sanxenxo 44.353 persoas), o ano no que menos visitantes chegaron á vila foi igualmente o 2012, cando acolleron a 43.949 persoas; mentres que o ano no que máis turismo houbo nesas datas foi no 2017, con 69.782 persoas. O pasado ano 2023 chegaron a Sanxenxo en agosto un total de 63.691 persoas. Así as cousas, observamos que en cinco anos o número de turistas subiu en 26.000 durante o mes de agosto. E se nos remontamos ao 2005, cando chegaron á vila 45.997 visitantes, o número de persoas que se reciben ahora a maiores é dunhas 18.000. Neste caso a estadía media dos visitantes en agoto sufriu igual que en xullo unha caída notable: no 2005 estaba nas 4,5 noites; no 2012 caera xa ás 3,8 noites; no 2017 mantíñase aínda nas 3,8 noites; e o pasado 2023 baixou ás 3,7 noites de estadía media.
SANTIAGO: 47.000 TURISTAS MÁIS EN XULLO EN DEZ ANOS
Nas grandes cidades a cousa non está moito mellor. Tomando como referencia Santiago, unha cidade de 98.716 habitantes na que tradicionalmente o turismo chega asociado ao Camiño de Santiago e se incrementa máis durante os Anos Santos, estase a ver que xa dá igual que haxa Xacobeo ou non, pois os peregrinos seguen chegando en masa. Así as cousas, o mes de xullo no que chegaron a Compostela menos visitantes sacando o 2020 (cando o fixeron 29.923 persoas), foi o 2012, cando o fixeron 57.957 persoas; mentres que o ano no que máis visitantes chegaron dende o 2005 foi o 2022, con 103.535 persoas que visitaron a capital galega. Unha cifra que non queda lonxe da do 2023, cando chegaron a ela 102.211 persoas. Así, en dez anos, o número de turistas no mes de xullo na urbe case se duplicou, subindo en 47.000. Mentres que vendo como foi o 2005, cando chegaron a Santiago 60.234 persoas, o pasado ano chegaron 43.000 visitantes máis. O número de noites, que xa non era moi elevado no pasado, foi baixando: no 2005 a estadía media era de 1,9 noites en xullo; no 2012 mantíñase nas 1,9; no 2022 baixara ás 1,8; e no 2023 mantívose nas 1,8.
No tocante ao mes de agosto, dende o 2005 o ano no que menos visitantes chegaron a Compostela sacando o da pandemia (cando o fixeron 49.341 persoas) foi o 2006, con 72.381 persoas acollidas; mentres que o que máis visitantes tivo a capital galega foi precisamente o ano pasado, 2023, con 117.074 persoas. Falamos de que en 17 anos o número de turistas que chegaron a Santiago no mes de agosto incrementouse nuns 35.000. Se miramos o primeiro ano da serie histórica, o 2005, ese ano chegaron á cidade 86.229 turistas, é dicir, o ano pasado chegaron 14.000 máis. O número de noites de pernocta tamén caeu en agosto co paso do tempo: en 2005 a estadía media era de 1,9 noites; no 2006 subira lixeiramente ás 2 noites; pero no 2023 estaba xa nas 1,8.
A CORUÑA: 21.000 TURISTAS MÁIS EN AGOSTO EN OITO ANOS
No caso da Coruña, con 249.964 habitantes, aínda que non tan acusadamente, a situación tamén está indo polo mesmo camiño. De tal xeito que dende o 2005 o ano no que menos visitantes chegaron á cidade herculina nun mes de xullo que non fose o do covid (cando o fixeron 23.204 persoas) foi o 2008, con 35.023 persoas; mentres que o ano no que máis persoas visitaron a cidade foi o 2016, con 56.156 persoas. No 2023 fixérono 45.082. Isto supón que en oito anos o número de visitantes se incrementou en 21.000. E tomando os extremos, no 2005 chegaron á Coruña 53.554 turistas, o que significa que, extrañamente, si chegaron 8.000 persoas máis nese ano que no pasado 2023. O número de noites tamén hai que poñer en valor que subiu, non como aconteceu no resto dos casos analizados: no 2005 a estadía media dos turistas que visitaban a cidade herculina no mes de agosto era de 1,7 noites; no 2008 subira ás 2,4 noites; no 2016 estaba nas 2 noites; e no 2023 nas 2,3 noites.
Así mesmo, no mes de agosto os resultados son semellantes. Dende o 2005 sacando o ano da pandemia (cando o fixeron 26.345 persoas), o ano no que menos turistas acolleu a cidade herculina foi igualmente o 2008, con 40.017 persoas; mentres que o que máis turistas acolleu foi tamén como no mes de xullo o 2016, con 60.259 persoas. No 2023 chegaron á Coruña un total de 50.706 persoas. Así, en oito anos no mes de agosto incrementouse o número de visitantes nuns 20.000. E indo aos extremos, se no 2005 chegaron á urbe 59.588 persoas, o pasado ano fixérono unhas 9.000 menos. De novo algo diferente e extraño con respecto aos demais casos analizados, do mesmo xeito que o tempo de pernocta dos visitantes: no 2005 a media era de 2,1 noites; no 2008 era de 2,4 noites; no 2016 baixara lixeiramente ás 2,3 noites; pero o pasado ano 2023 volveu subir ás 2,4 noites.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.