Por Amanda Fernández | Lugo | 25/08/2024 | Actualizada ás 22:00
Serán moitos os casos daqueles que unha vez cumpriron a maioría de idade xa pensaron en sacar o permiso de conducir. Pensaban no verán como unha boa época para comezar co teórico e con algunha práctica. Porén, hoxe en día xa non é tan así. "Nestes últimos tres anos cambiou un pouco o tema e antes había no verán un pico maior de demanda do que hai agora, que se reparte máis durante o ano", afirma Pablo Pérez, presidente da Asociación Provincial de autoescolas de A Coruña e vicepresidente da Federación Galega de Autoescolas. Isto débese a que hai menos exames, polo que a xente xa é consciente de que propablemente non lle dará tempo a sacar o carné só nos meses de verán.
"En todo o verán, xullo e agosto, houbo aproximadamente seis exames porque hai poucos examinadores e teñen que repartirse", expón. Explica que incluso os examinadores de A Coruña fan apoio en Santiago de Compostela, por exemplo, e que por iso cada vez hai menos exames. A solución de escaseza de profesionais pasa polo Goberno Central, xa que indica o presidente que "son funcionarios e hai que sacar prazas", a xente vaise xubilando e cada vez sacan menos prazas, polo que van quedando menos. "En cuestión de 15 anos, están uns 10 examinadores menos, máis ou menos. Como non hai examinadores, non hai probas", comenta.
XA NON SE SACA AOS 18 ANOS
"Antes tiñamos sempre moita presa, pero a xente agora agarda máis, non teñen moita necesidade ata que acaban de estudar. Cando se comeza a traballar é cando máis xente obtén o permiso porque teñen as súas necesidades e o transporte público non chega". Así, comenta que aínda que sempre hai xente de 18 anos que o quita, hai unha "cantidade de xente que o quita entre os 24 e 25, ao acabar de estudar". Xusto no momento no que un se plantexa valerse por se mesmo para chegar ao posto de traballo.
O que non mudou co paso do tempo foi o número de prácticas que un precisa de media para aprobar o carné: "Soe saír unha media dunha práctica e media polos anos que teñan, de maneira que, un de 18 anos, fai entre 25 e 30 prácticas que é o normal". Porén, recoñece que "os prezos van ao revés" e que cada vez van a menos porque hai máis autoescolas e, polo tanto, máis competencia. Lembra Pablo cando el quitou o permiso no 1994: "Agora a parte teórica sácase por 200 euros de media nos sitios e eu daquela pagara 50.000 pesetas, 300 euros ao cambio. Por cada práctica 21 euros ao cambio naquel entón". Na actualidade, o custo por práctica está entre "23 e 27 euros en toda a provincia de A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela". No resto de Galicia tamén estarían nese baremo, a excepción de Pontevedra que recoñece "está algo máis cara, preto dos 30 euros".
REIVINDICACIÓNS DO SECTOR
O maior problema que teñen hoxe en día, sinala, é "a falta de profesorado". Dende a Federación Galega implantaron en Pontevedra, Ourense e Ferrol, o módulo de Formación Profesional (FP) para ser profesor de formación vial, un FP de seguridade vial. "O maior problema está na escaseza de profesores. Ata agora o proceso de profesor tamén dependía do Estado, que cada ano en principio sacaría profesores, pero estivemos catro anos parados e non saíron e xuntouse todo", expón.
Dentro das reivindicacións que fan tamén unha das cousas que consideran importante sería que a parte teórica tivese unhas horas obrigatorias: "Estamos vendo que os accidentes que hai que son por alcohol, distraccións, velocidade,... temas nos que non se incide e de sensibilización". Desta maneira, dende a Federación explican que se unha persoa non vai a unha clase a que alguén lle explique as consecuencias de beber, do uso do móbil, "é complicado que se conciencie". A reivindicación é que haxa unha serie de horas obrigatorias, non moitas, para eses temas concretos que xeran accidentes. Atópanse negociando coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) que lles di que si, pero "falta a vontade de facelo":
Pablo Pérez fai fincapé en que na actualidade o exame redúcese á memorística, a estudar uns test de memoria e responder: "Sabemos que o que se aprende de memoria ao longo esquécese e xa na estrada, debería haber reciclaxe, non é o mesmo un teléfono de fai 40 anos ca un Iphone de hoxe en día. Habería que reciclarse un pouco e niso estamos pelexando". Así, destaca que igual que se vai ao psicotécnico para confirmar que un está ben física e psiquicamente, ao cruzarse con outras persoas, hai que garantir que coñece as normas de circulación nunha rotonda ou as normas novas e mecanismos dos vehículos.
Como caería a decisión de volver a examinarse pasado un tempo? "Todo o mundo está de acordo en que hai que facelo, non tanto en pagar, pero é evidente. Se vou a un médico que me vai operar quero que saiba como vai". Para rematar tamén amosan descontento con algunha decisión da DXT coa que non están de acordo: "Permiso por puntos a todo o mundo, os cursos antes estaban controlados con control biométrico, hoxe en día hai sitios onde a recuperación de puntos non se fai, vas, firmas e xa está. Hai descontrol e os accidentes non deixan de subir".
AUMENTAN NUN 21% OS FALECIDOS EN AUTOPISTAS E AUTOVÍA
A DXT informou que desde comezos de ano aumentaron nun 21% os falecidos que se desprazaban en autopista e autovía. Isto pode deberse ao aumento de conductores que non respetan os límites de velocidade nestas estradas. A DXT no mes de xullo entre o 15 e 21 realizou unha nova campaña de vixilancia e control de velocidade, na que se estableceron 3.679 puntos de control de velocidade no que se controlaron un total de 955.804 vehículos. Deste total, 52.888 conductores (o 5,5%) foron denunciados por circular a unha velocidade superior á permitida, unha porcentaxe que se mantén estable con respecto ás últimas campañas realizadas. No ámbito penal, sete dos conductores denunciados incurriron un delito contra a seguridade vial e foron postos a disposición xudicial por exceder en máis de 80 km/h a velocidade permitida na vía, tal e como recolle o artigo 379.1 do Código Penal.
O ano pasado, no ámbito DXT e con datos a 24 horas, rexistráronse 211 sinistros mortais nos que a velocidade foi o factor concurrente. Ante isto, fai un chamamento para contribuír a salvar vidas e reducir a sinistralidade: levar unha velocidade adecuada podería evitar unha cuarta parte dos falecidos en sinistros viais; a partir dos 80 km/h practicamente imposible que un peón se salvo dun atropelo; a velocidade afecta o risco de verse involucrado nun accidente; afecta ás lesións consecuencia dun accidente e existe unharelación estreita entre velocidade e risco de accidente e velocidade e severidade das lesións consecuencias dun accidente. Segundo o estudo do Consello Europeo de Seguridade no Transporte (ETSC) se as velocidades medias descenderan en tan só 1 km/h en todas as estradas da UE estímase que cada ano poderían previrse 2.200 mortes en estrada.
A DXT amosa os sinistros viais mortais e falecidos en vías interurbanas por comunidades ata o 15 de agosto deste ano e compara o período que vai do 1 de xaneiro ao 15 de agosto de 2023 e 2024. No caso de Galicia sitúase como a terceira na que máis aumentaron os sinistros mortais (houbo 45 en 2023 e xa 56 no 2024, cunha diferenza de 11), tan só por detrás de Andalucía (diferenza de 39) e Castela e León (diferenza de 14). No que atinxe aos falecidos, aumentaron tamén en Galicia, de 52 en 2023 a 62 no mesmo período en 2024.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.