Por Galicia Confidencial | Allariz | 22/08/2024 | Actualizada ás 09:00
O pasado 14 de agosto tivo lugar en Allariz unha xornada festiva e deportiva dedicada á billarda. O campionato, que comezou cedo coas roldas preliminares, culminou coas finais infantís, xuvenís e sénior nas categorías masculina e feminina. Todos os participantes demostraron a súa destreza e paixón pola billarda, un deporte cuxa práctica en Allariz remóntase a moitos anos atrás.
A billarda, tamén coñecida como "estornela" nalgunhas rexións, é un xogo popular que combina habilidade, precisión e unha rica herdanza cultural.
Na categoría infantil, As parellas finalistas (Ada Gándara e Cecilia Seara e Teo Isaach e Pol Iglesias) mostraron un gran nivel de compromiso e talento, ofrecendo un espectáculo vibrante aos espectadores. A final infantil decantouse do lado das mozas Ada e Cecilia, deixando unha pegada prometedora para o futuro deste deporte na localidade.
A categoría xuvenil tamén estivo cargada de emoción e competitividade. Tras unha serie de emocionantes partidos, Matteo Pansera e Xoán Blanco consagráronse como campións xuvenís tras vencer a Nuno Fernández e Marcos Vázquez.
Xa pola tarde, cun gran ambiente, as finais sénior non quedaron atrás en intensidade. Na categoría masculina, Mikel Tena e Juan Gallego coroáronse campións tras unha disputada final contra Willy Vázquez e Anxo Rivas que mantivo aos espectadores ao limite.
Doutra banda, na categoría feminina, Duna Cid e Sara Blanco demostraron a súa supremacía ante Paloma Conde e Noa Escudero, levándose o primeiro lugar cunha actuación sobresaínte.
A organización, dende a área de cultura do Concello de Allariz, agradecía a todos e todas as participantes, voluntarios/as e espectadores, o seu apoio e entusiasmo. Este campionato non só se celebra como deporte, senón tamén como preservación dunha tradición que é parte integral da cultura de Allariz durante xeracións coincidindo sempre coa Festa da empanada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.