Abre o prazo para que os concellos pidan axudas da Xunta para crear prazas de 0 a 3 anos en escolas infantís

É a terceira vez que o Goberno galego pon esta opción de financiamento a disposición.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2024 | Actualizada ás 11:36

Comparte esta noticia

A Xunta abrirá este mércores o prazo, que será dun mes, para que os concellos soliciten axudas para a creación de prazas de 0 a 3 anos en escolas infantís municipais. Segundo recolle a orde publicada este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG), a reapertura deste paquete de axudas, dirixida a que os concellos cren novas prazas públicas no primeiro ciclo de educación infantil, débese ao interese mostrado por algunhas administracións locais.

O importe total desta liña de subvencións é de 34,1 millóns de euros, procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia que sufraga a Unión Europea (NextGenerationEU).

A Consellería de Política Social e Igualdade explicou nunha nota de prensa que, despois das convocatorias de 2022 e 2023, esta é a terceira vez que o Goberno galego pon a disposición dos concellos esta opción de financiamento.

"Nesta nova convocatoria alónganse os prazos para dar máis facilidades aos concellos que xa se acolleron ou queiran acollerse agora a estas axudas", esgrimiu a Xunta. Así mesmo, o prazo para a creación de prazas amplíase un ano, polo que se financiarán todas aquelas xeradas ata decembro de 2025.

GRATUIDADE DA ETAPA 0-3 ANOS

Por outra banda, a Consellería lembrou que a principios deste mes o Consello da Xunta aprobou un investimento superior ao sete millóns de euros de fondos propios para "o funcionamento" e para "dar continuidade" á gratuidade nas escolas infantís e puntos de atención á infancia que dependen dos concellos.

Deste xeito, o Goberno galego financiará "unhas 7.300 prazas" en 142 centros de 0 a 3 anos de titularidade municipal, nun "esforzo compartido" coas administracións locais.

Un neno nunha escola infantil
Un neno nunha escola infantil | Fonte: Ana Varela - Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta