A ciencia galega copa as axudas da Fecyt

Sete proxectos de divulgación científica da USC consolidan a esta universidade na cabeza da financiación de proxectos, entre eles, os baseados en 3D, matemáticas, física, química ou regueifas de ciencia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/12/2015 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

A USC sitúase á fronte das universidades españolas con máis proxectos financiados pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) a través da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación de 2015, un programa que na súa última edición recibiu 722 solicitudes das que se aprobaron un total de 190. 

Presentación doD3Mobile Metrology World League 2015 en Lugo
Presentación doD3Mobile Metrology World League 2015 en Lugo | Fonte: USC

Do total das propostas aprobadas para o seu financiamento, sete corresponden a proxectos presentados e liderados por profesores e investigadores da institución académica compostelá. Entre os proxectos da USC que volven a contar con respaldo económico da Fecyt mantéñense programas xa coñecidos e consolidados como o son o campionato internacional de modelado de precisión en 3D con teléfono móbil D3Mobile, dirixido por Juan Ortiz. 

Outro dos programas apoiados pola Fecyt e xurdido no campus de Lugo é Xuvenciencia, un proxecto liderado por Mercedes Novo e que ademais do campamento estival dirixido a estudantes preuniversitarios, tamén inclúe unha xornada orientada ao profesorado e durante a que se desenvolven diversos experimentos, así como o seu posterior traslado ás aulas de ensino preuniversitario. Regueifas de Ciencia, unha proposta liderada por Laura Sánchez, é terceiro dos programas divulgativos da USC incluídos na última convocatoria de axudas da Fecyt e consiste na organización de catro foros de debate sobre outros tantos temas de interese científico.

O programa de Estímulo do Talento Matemático entre estudantes de 12 a 15 anos (Estalmat), promovido nas súas orixes polo reitor Juan Viaño; o espazo de divulgación científica Efervescencia 16, guiado por Manuel Vicente; Creactívate, unha iniciativa de Carlos Hernández Sande, e a proposta coordinada por Mª Carmen Bao Varela ‘Desenvolvemento de recursos educativos dixitais para o ensino de Física-Química, Tecnoloxía, Bioloxía-Xeoloxía en Educación Primaria, ESO e BAC', completan a relación de proxectos impulsados pola USC apoiados pola Fecyt a través da última edición do programa de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación de 2015.

A última convocatoria deste programa de axudas á divulgación científica da Federación Española de Ciencia e Tecnoloxía (Fecyt), rexistrou a participación dun total de 328 entidades públicas e privadas, das que un 28,05% se corresponden con solicitantes novos respectos aos rexistrados en 2014. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta