Por Galicia Confidencial | Lugo | 21/08/2024 | Actualizada ás 16:27
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2024 o premio Xograr de Outono a Avelino González. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no Estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas.
Desta vez, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar ao actor e narrador Avelino González. No seu fallo, o xurado destacou ao artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “porque representa as características dun auténtico xograr, pola diversidade artística do seu perfil". Avelino é, ademais de actor, un pioneiro da narración oral e un dos narradores máis relevantes da nosa terra, así como un recoñecido tradutor. O propio artista indica: “Son actor, contador, monologuista, tradutor; son... o que faga falta. Empecei nisto por casualidade e agora gústame, mesmo, picar entradas. Gústame entreter á xente con personaxes e historias que emocionen e divirtan, porque a min tamén me gusta que me emocionen e divirtan”.
O xurado remarcou, tamén, que Avelino González “é unha das personalidades máis carismáticas e queridas da cultura galega, cun espírito implicado e inquedo, apaixonado do teatro galego e moi coñecido e aplaudido polo público do FIOT e de Carballo, pola súa presenza habitual nos nosos escenarios, tanto no Auditorio do Pazo da Cultura como no antigo Cine Rega, da man de compañías como OllomolTranvía, Teatro do Aquí e Contraproduccións; e, tamén, da Rúa dos Contos do FIOT, cos seus espectáculos propios”.
Avelino González recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo da comunicadora cultural e escritora Ana Romaní, premiada en 2023.
AVELINO REPASA A SÚA TRAXECTORIA
Así relata Avelino a súa traxectoria: “A primeiros dos anos 80 do século pasado suspendín a proba de selectividade e as alternativas que había eran mergullarme na movida viguesa ou facer teatro cuns veciños. E ata agora. Comecei cargando escenografías e fixen teatro, dobraxe, cine, televisión, contos, captura de movementos, animación de rúa..., de todo. E todo bonito de facer. Traducín os Picapedra ao galego naquelas primeiras dobraxes con Cándido Pazó; fun o primeiro en España en andar en moto en zancos (non sei se tamén en bici); actuei nas series de televisión As Leis de Celavella e Padre Casares; contei contos en Polonia e en Cuba; fun dirixido por Cándido Pazó, Roberto Vidal Bolaño, Sante Cortegoso...; traballei con TalíaTteatro e Coperactiva; fun un dos que fundamos OllomolTranvía e actuei en Commedia, un xoguete para Goldoni; Traducín teatro irlandés!
Agora conta contos; actúa con Toni Salgado no Apaga o candil de Contraproducións, que escribiu e dirixiu Cándido Pazó; fai castings... E de agora en diante: a seguir facendo teatro, castings e series, contando contos, mirando teatro... seguir neste oficio do que lle gusta todo, "mesmo picar entradas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.