A folga das ITV galegas: fondos de especulación, desidia da Xunta e salarios conxelados

Os e as traballadoras das ITV galegas reclaman igualdade salarial entre traballadores do mesmo nivel profesional podendo haber diferenzas notables nas nóminas. Tamén reclaman melloras nos pluses de quendas (mañás, tardes e fins de semana), quendas que non estaban contempladas nos pregos de condicións. Mentres, a empresa SYC non se move da súa posición: “non contemplamos subir salarios nin pluses”

Por Moncho Mariño | Santiago | 27/08/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O persoal das ITV galegas está decidido á folga para o mes de setembro, iso se antes non cambia a postura da empresa, Supervisión y Control Applus (SYC Applus), que ten a concesión da Xunta de Galicia para exercer a Inspección Técnica de Vehículos, competencia do goberno galego desde os anos 80. As condicións que poñen os traballadores e traballadoras son: eliminar as diferenzas salariais entre o persoal de nave (persoal que realiza as revisións e persoal administrativo), melloras na xornada laboral, días de libre disposición, melloras nas quendas de traballo e nas condicións laborais e operativas do cadro de persoal responsable das ITV móbiles para vehículos agrícolas. Actualmente as quendas divídense en mañás e tardes e sábados polas mañás, até hai uns anos traballábase o sábado completo. E todo isto dentro das negociacións para renovar o convenio (único para toda Galicia) que caducou en decembro de 2023 e xa van máis de doce reunións. Pola súa banda, SYC aduce que “non contempla” as melloras salariais e non quere mover peza, segundo fontes do comité de empresa. Desta maneira, SYC Applus mantén os salarios conxelados “a pesar das tarifas que cobran cando un vehículo debe pasar a inspección técnica”.

Segunda xornada da folga dos traballadores das ITVs galegas. CCOO
Segunda xornada da folga dos traballadores das ITVs galegas. CCOO

SALARIOS E HORARIOS
A parte salarial vén sendo un 'cabalo de batalla' importante para os e as traballadoras, pois denuncian unha conxelación salarial que supón unha baixa no seu poder adquisitivo. Ademais disto, “existen diferenzas de case 600 euros por mes entre compañeiros e compañeiras que traballan dentro de nave, tanto persoal mecánico como administrativo” di Carlos Aldao, da CIG.

“Hai categorías profesionais que non se contemplan no convenio das ITV, mais as categorías elevadas teñen uns salarios acordes coa súa posición, as categorías máis baixas teñen dificultades para aforrar” sinalan fontes de CCOO. Segundo as mesmas fontes, os beneficios da empresa brutos foron de 44 millóns de euros en 2023, “netos quedaron en 25'5 millóns” de beneficios que non se reparten co persoal. Coinciden coa CIG en que “as categorías máis baixas quedan 'tocadas' por culpa da inflación”.

Sobre a distribución das quendas, Carlos Aldao apunta que “entendemos a política da empresa sobre este punto como errada, pois hai quen neste punto cobra o dobre que outros compañeiros e compañeiras, cando deberan ser todos por igual”. As quendas distribúense en mañás, tardes e sábados pola mañá. Unha persoa traballa unha semana de mañá e outra de tarde, logo traballará dous sábados pola mañá por mes.

“Actualmente traballamos unha media de 36'5 horas, sendo seis horas e media de luns a venres” sinalan desde CCOO. “A media hora restante vaise acumulando para os sábados pola mañá, cada persoa fai dous sábados por mes”. Unha das conclusións á que chegou o persoal das ITV é que os salarios máis baixos perderon un 2% de poder adquisitivo durante os últimos dez anos, a pesar dos beneficios que ten a empresa e as condicións en que os gaña.

Estación móbil de ITV para vehículos agrícolas. SYC APPLUS+
Estación móbil de ITV para vehículos agrícolas. SYC APPLUS+

A todo isto engádense os problemas psicosociais derivados do aumento na carga de traballo que “supera as capacidades do persoal” din da CIG. “O problema non é que faga falla máis persoal, fan falta máis puntos de ITV para resolver esta cuestión”

ITV SEN COMPETENCIA
A empresa xestora da ITV non ten agora mesmo ningunha outra que lle faga competencia
. Isto fixo que se denunciase esta situación como un “monopolio” onde a empresa tería unha “clientela cativa”. Aínda máis, o parque automobilístico de Galicia está envellecendo, por tanto, cada ano aumenta o número de vehículos que deben pasar a ITV con máis frecuencia.  “A empresa ten unha carteira de ganancias moi alta e aínda así non queren subir salarios” di Aldao. “Cada ano gañan máis e o persoal non recibe melloras no seu soldo”.

“A empresa sabe cantos vehículos pasarán a ITV este ano e o que vén porque saben cal é a cantidade existente en Galicia, á parte de que cada ano ese parque é máis vello” apuntan de CCOO. Se se suman os factores favorables existen unhas condicións que fan moi atractiva a SYC Applus pois é unha fonte de beneficios. “Agora hai dous fondos de investimento (fondos especulativos), un americano, I Squared Capital, e un británico, TDR”.

Ambos os dous fondos competiron entre eles e logo chegaron a lanzar de maneira conxunta unha OPA sobre Applus, cousa que fixo aumentar a cotización das súas accións até que a Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV) “freou a escalada de tensións” mais “agora mesmo non sabemos quen leva a ITV en Galicia” apunta CCOO. 

Imaxe de arquivo dunha estación de ITV
Imaxe de arquivo dunha estación de ITV | Fonte: Europa Press.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta