Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2024 | Actualizada ás 14:38
O Goberno de España alegou "indefensión" ante o expediente infractor aberto pola Comisión Europea pola presunta infracción normativa na ampliación da concesión da AP-9, aprobada en 2000 polo goberno de José María Aznar, e sinalou que se vulnerou o principio de seguridade xurídica ao cuestionar unha decisión "máis de 20 anos despois" con base a unha xurisprudencia que non se pode aplicar neste caso.
Así se recolle no informe do Executivo remitido hai uns días á Comisión, en resposta á segunda carta de emprazamento enviada a España en relación con este procedemento, segundo confirmaron fontes europeas a Europa Press.
Nesa resposta, o Goberno insiste en que a normativa comunitaria sobre contratación pública non se pode aplicar á ampliación da concesión porque concorren os requisitos da chamada excepción 'in house', xa que a concesionaria estaba nese momento controlada polo Estado e realizaba a súa actividade para o Estado, quedando vedada a participación de accionistas privados, de modo que non resultan de aplicación os principios de igualdade de trato e de transparencia.
Así mesmo, expón que non se pode aplicar a este caso a directiva europea sobre regras de publicidade, xa que dita directiva non regula as modificacións das concesións. Por outra banda, sinala que a venda da Empresa Nacional de Autoestradas (ENAUSA) non está suxeita á normativa harmonizada sobre contratación pública, ao tratarse dun acto xurídico diferente: unha privatización. E engade que os principios xerais de igualdade de trato e transparencia cumpríronse "escrupulosamente" nese proceso de venda.
"INDEFENSIÓN"
Tras subliñar que non se produciron as supostas infraccións das que fala a Comisión, o Goberno de España indica que se produciu unha "vulneración do principio de seguridade xurídica" nas actuacións da Comisión, "que pretende cuestionar, máis de 20 anos despois, e sobre a base de argumentos baseados en xurisprudencia inaplicable ao presente asunto", a ampliación da concesión e a privatización de ENAUSA.
Na súa resposta, o Goberno español quere deixar constancia da "indefensión" que se produce na tramitación deste expediente que, advirte, "abunda en presuncións e xuízos de valor", e lamenta tamén os "graves prexuízos que a súa indebida prolongación xera" tanto ao Estado español como a terceiros, "aspectos que a Comisión debería remediar".
DECISIÓN QUE NON COMPARTE
Ademais destas cuestións técnico-xurídicas, cando esta resposta foi remitida á Comisión Europea, fontes do Executivo trasladaron tamén que, aínda que non comparten a decisión adoptada polo goberno de Aznar no 2000, é a súa responsabilidade "velar polo interese xeral".
Con esa posición, o Executivo trata de evitar ao alto custo que suporía ter que anular a concesión, en mans dun operador privado (Audasa), co consecuente pago das compensacións. Ese custo foi cifrado no seu momento polo propio ministro de Transportes, Óscar Puente, nuns 4.000 millóns de euros, aos que habería que sumar outros 2.000 millóns no caso de que se formalizase a transferencia a Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.