A prevención laboral en Galicia, unha asignatura pendente

Os sindicatos quéixanse dunha escasa ou nula participación tanto do empresariado como da administración autonómica para a prevención de riscos laborais. Estas críticas foron máis fortes en xuño de 2024 polas mortes no 'Argos Georgia' e logo no mes de agosto por outras catro mortes en accidentes laborais. Os empresarios falan da necesidade de adaptarse aos novos contextos laborais dentro dun marco de actuación público-privada, os sindicatos e forzas políticas da oposición falan de perdas millonarias en cursos de seguridade que non deron resultado

Por Moncho Mariño | Santiago | 11/09/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A cultura laboral en Galicia segue sendo, para a maioría de representantes sindicais e partidos da oposición no Parlamento, unha continuación da que se viña facendo hai xa décadas: non existe un compromiso real por parte dos empresarios para evitar a fatalidade dentro do que son os postos de traballo, aínda máis se falamos sobre “profesións de risco”. As queixas aumentan e van desde a falta de sensibilidade por parte do contratador, carencias de material de protección, sobresaturación con tarefas aos e ás teletraballadoras, escasa ou nula colaboración coas inspeccións de traballo, falta de atención aos riscos en salubridade, seguridade integral e saúde mental e en non poucas ocasións, a irresponsabilidade do ou da traballadora. Todo isto en nome dunha produción que ás veces desleixa a calidade e a seguridade a prol do traballo e o beneficio rápidos. A suma destes factores pode acabar no Parlamento cuestionando o papel da Xunta coa súas competencias en materia laboral cuestionadas aínda que podendo salvar a súa xestión grazas á maioría absoluta do PP. De todas maneiras, os axentes sociais están moi preocupados pola alta sinistralidade nestes últimos oito meses e unha das moitas preguntas que xorden é: que se está a facer en vista das cifras de mortes no posto de traballo?

Traballadores da construción nunha obra
Traballadores da construción nunha obra | Fonte: Arquivo

QUEN É RESPONSABLE?
“A responsabilidade de que unha persoa non sufra ningún accidente ou lesión que lle cause calquera dano ou mesmo a morte no seu posto de traballo, é a empresa”
di Ramón Fernández Alfonzo, deputado do BNG. Desde a normativa vixente en materia de riscos laborais até os convenios laborais apuntan que a empresa debe vixilar pola integridade física dos e das traballadoras no seu posto. “O problema non é que falte información, o problema é que as normas non se cumpren, desde as grandes empresas ás micro-PEMES”.

Desde CCOO, Armando Iglesias lembra que “se a lei é laxa a empresa cumprirá co mínimo imprescindible”. Ante unha situación así, a Inspección de Traballo (competencia estatal) será quen exerza un labor punitivo contra o incumprimento das medidas de seguridade. “A Inspección deberá aplicar sancións se é necesario en sectores e empresas de maior risco así como medidas correctoras que sexan dolorosas para os infractores”. Porén, Inspección xa leva tempo avisando da falta de efectivos abondo para cubrir as necesidades de vixilancia. Doutra parte, aínda que Inspección levante un documento é a Xunta quen informa e leva a sanción á empresa, con todo, as autoridades autonómicas moitas veces son sinaladas como carentes de iniciativa nese aspecto.

UGT considera que o procedemento de notificación e o rexistro de sinistros laborais "son inoperantes, privando ás persoas traballadoras do recoñecemento da orixe laboral da súa enfermidade e do acceso ás prestacións ás que ten dereito". Ademais de ter un impacto directo na prevención porque o que non se rexistra non existe e, polo tanto, non se adoptan medidas preventivas. E, se nalgún tipo de patoloxías é especialmente escandalosa a súa infradeclaración

“A política de recortes aplicada pola Xunta chega ao eido laboral influíndo de maneira negativa tanto en seguridade como en saúde laboral” di Francisco González Sio, da CIG. A isto engade que se durante os últimos anos o número de afiliados á Seguridade Social foi aumentando, os recursos destinados á vixilancia e control da seguridade laboral non o fixeron. Isto ten como consecuencia que “as empresas aceptaron mal as leis de seguridade e a cultura laboral fai ver que os EPIs (equipos de protección individual) e outras medidas reducen a produción”. Ante isto, algunhas empresas deciden pasar por alto a seguridade para aumentar a produción.

Instalacións de Estaleiros San Andrés en Teis, a 14 de marzo de 2024, en Vigo
Instalacións de Estaleiros San Andrés en Teis, a 14 de marzo de 2024, en Vigo | Fonte: Adrián Irago - Arquivo

Juan Vieites, presidente da CEG, defende que o empresariado galego aposta firmemente pola prevención de riscos. “Debemos ter en conta tamén os cambios nas prácticas laborais que supoñen novos retos para a seguridade do traballador”. Estes cambios están relacionados coas novas aplicacións da tecnoloxía no mundo laboral que fixo mudar “os lugares de traballo e as formas de levar adiante o labor grazas á dixitalización, de aí que as empresas aposten por aplicacións informáticas para evitar riscos laborais a distancia”.

“Desde o PSdeG pedimos unha mesa específica dentro do diálogo social para estes temas. O problema aquí é que a Xunta ten conxelados os orzamentos en materia de seguridade laboral” apunta a deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta. O PSdeG presentara unha iniciativa de cara á fiscalización dos labores de prevención “mais o PP votou en contra porque 'xa se está a facer'”. Con esta posición, Rodríguez Dacosta denuncia que “en tres anos non mudou a situación” e os axentes sociais non foron convocados a ningunha mesa de diálogo.

Pola súa parte, o Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia (ISSGA), preguntado pola concentración de mortes nos últimos tempos reponde: "Estase a investigar de maneira exhaustiva un posible incumprimento nas obrigas da normativa de prevención de riscos laborais (PRL) e cada un deles responderá a unhas causas concretas. Nese senso, desde este órgano técnico consideramos que é preciso facer fincapé en que as empresas e as persoas traballadoras deben cumprir estritamente as medidas preventivas". Preguntado sobre os orzamentos cos que contan para levar adiante a súa función "o orzamento do Issga vén rexistrando un aumento nos últimos anos. Así, o do 2024 incrementouse un 2,45% con respecto ao do exercicio anterior e o orzamento do 2023 xa fora un 12,24% superior ao do 2022".

POR QUE NON HAI MÁIS PREVENCIÓN?
A resposta do PP ao PSdeG de que 'todo se está a facer' sinala ao Consello Rector do ISSGA. Sería este organismo, onde sentan empresarios, Xunta e sindicatos o que perfilaría accións contra a sinistralidade laboral. Mais a oposición parlamentaria como a maioría de sindicatos coinciden na escasa ou nula aportación deste “organismo autónomo” que naceu coa vocación de previr, sancionar e crear normativas no eido da seguridade e da saúde laboral, tal como indica o seu nome.

Porén, o ISSGA non parece fomentar a filosofía detrás das súas siglas e así cando se solicitan datos “os empresarios e o mesmo ISSGA non os facilitan, parece ser que incomodar ás grandes empresas ten repercusión” di Armando Iglesias. E falar de investir en seguridade “fai pensar ao empresario que perderá beneficios” cousa que converte ao empresariado en refractario ao avance en seguridade. A conclusión que sacan a maioría dos sindicatos é unha 'connivencia' empresa-goberno galego para non avanzar en prevención.

Pola contra, Juan Vieites, enfatiza en que “a CEG leva corenta anos impulsando políticas de mellora en prevención de riscos laborais tanto en empresas como dentro da mesma sociedade”. O impulso referido por Vieites explicaríase así: “desde o meu punto de vista é fundamental fomentar a colaboración público-privada para o proceso de transformación tecnolóxica e de dixitalización da sociedade”. Todo isto, tendo en conta as necesidades de Recursos Humanos para darlles máis capacidade de prevención.

A colaboración público-privada é definida por González Sio como “subvencionar con diñeiro público ás empresas privadas para que organicen cursos de prevención de riscos laborais e formación, á parte de subvencionar medidas preventivas”. Isto reforzaría a idea dun empresariado que ve a prevención como unha perda de cartos. “A patronal galega sempre se queixa do gasto de diñeiro público en sectores máis necesitados, e aínda así, eles, para funcionar, piden tamén fondos públicos”.

UGT-Galicia tamén denuncia o escaso investimento das empresas en prevención de riscos laborais, e é que seguen vendo a prevención como un custo, non como un investimento. "A Comisión Europea sinala que, por cada euro investido en saúde e seguridade no traballo, a ganancia que obtén o empregador é máis ou menos o dobre". Por tanto, investir en prevención e cumprir coa normativa, non só é unha obrigación moral e legal, tamén supón un beneficio para a propia empresa, para as persoas traballadoras e para a sociedade no seu conxunto

O ISSGA apunta que é necesario insistir, en todo caso, en fomentar unha cultura preventiva en moitos eidos da vida na sociedade actual e un deles é o mundo do traballo, coa implicación de todos os actores, dando resposta tanto aos riscos tradicionais como a aqueles emerxentes polos novos escenarios e formas de traballo. Sobre o papel da empresa dentro das funcións de seguridade destacan que "a empresa ten a obriga de xestionar adecuadamente a prevención de riscos laborais nos seus centros e lugares de traballo". Partindo desta base legal e do custo da sinistralidade, "as empresas son cada vez máis conscientes da necesaria integración da seguridade no seu día a día, pero tamén porque perseguen ser empresas socialmente responsables, atraer e reter o talento ou consolidar a súa imaxe corporativa".

A falta de máis prevención parece estar nunha “cultura da non prevención” a favor do beneficio empresarial. A isto engádese a absorción de orzamentos públicos por parte das mesmas empresas para a formación en saúde e seguridade laboral, algo que cadra coa filosofía de “prevención é igual a perda de beneficios”, daquela son necesarios os fondos da Xunta para formar, o que denominan colaboración público-privada.


Concentración convocada pola CIG ante a Inspección de Traballo en Vigo para protestar pola precariedade laboral no sector da automoción.. CIG VIGO
Concentración convocada pola CIG ante a Inspección de Traballo en Vigo para protestar pola precariedade laboral no sector da automoción.. CIG VIGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta