Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2024 | Actualizada ás 19:44
O mes de setembro marca o comezo dunha nova tempada nos escenarios galegos que, entre a súa "ampla oferta", acollerán ata decembro a estrea de nove propostas diferentes. Segundo explicou a Xunta nunha nota de prensa, algunhas destas montaxes que verán a luz durante os próximos meses e que contan co apoio do Goberno galego son 'O rexurdimento do divino sainete' ou 'A cincenta que non quería comer perdices'.
Deste xeito, 'O rexurdimento do divino sainete' é un espectáculo co que se presenta en Galicia Lagriot'che, unha nova compañía galego-andaluza, nacida en Londres e que o próximo 15 de setembro presentará en Celanova esta proposta baseada no poema de Curros Enríquez. Por outra banda, Sarabela Teatro representará o día 18 en Ourense a obra 'A cincenta que non quería comer perdices', inspirada no conto de Nunila López Salamero sobre os roles de xénero e "como romper con eles".
Así mesmo, Rianxo acollerá o día 27 a proposta de Amorodio Teatro, 'Cortello de amor', a primeira das funcións desta comedia "física e de enredo", con banda sonora orixinal do artista Grande Amore. Outubro tamén acollerá as estreas de dous espectáculos para o público familiar, 'Circo de Pinocho', de Educateatro, e 'Os contos de Lobicán', de Redrum Teatro.
PROPOSTAS CUN ENFOQUE SOCIAL
Con todo, a axenda teatral de novembro marca o inicio do percorrido doutros tres espectáculos, todos cun enfoque social que "convidan á reflexión". 'As gardiás', sobre a loita das traballadoras da industria téxtil, 'Non pasarán', que fala de desafíos políticos e sociais actuais, e '#Influencers', que ofrece unha mirada cómica e crítica das redes sociais.
Ademais, a finais de ano tamén se prevé a estrea dunha nova entrega de 'Ultranoite', de Chévere, coa que "contiúa enriquecendo" un proxecto creado en 1993. Finalmente, será en 2025 cando verán a luz outras producións apoiadas pola Consellería de Cultura a través da convocatoria para creación escénica de 2024, que distribúe "preto de 800.000 euros entre 27 compañías".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.