Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 22/09/2024 | Actualizada ás 22:00
Os efectos do cambio climático deixanse notar en practicamente todos os aspectos da nosa vida. Sen ir máis lonxe, ninguén pode negar que Galicia tivo este ano un verán atípico, nin que o inverno xa non é igual de frío que fai unhas décadas. Neste contexto, o medio mariño non ía ser unha excepción á regra, de tal xeito que os ecosistemas mariños tamén están a sufrir as consecuencias do cambio climático, que está a aumentar significativamente a temperatura da auga e, en consecuencia, a provocar a chegada ás nosas costas de especies que non eran propias delas. Isto é algo do que se leva xa uns anos falando, pero hai outro aspecto a ter en conta: a fuxida das nosas especies autóctonas cara zonas máis ao norte, onde as augas son máis frías e se atopan actualmente á temperatura á que estaban antigamente na nosa latitude. Como pode un imaxinar, isto repercute a nivel económico, na pesca; e a nivel natural, pola alteración dos ecosistemas. Dende o Galicia Confidencial abordamos esta problemática co biólogo mariño Rafael Bañón, que estuda o quencemento da auga en Galicia e investiga as novas especies de peixes que chegan ás nosas costas.
Para Bañón non hai dúbida de que o cambio climático e os seus efectos sobre o mar son unha realidade innegable: "Hai numerosas publicacións científicas sobre o quencemento das augas do mar". Aínda que concede que "agora tamén están saíndo algúns estudos que falan da Corrente do Golfo indicando que cabería a posibilidade de que nun futuro esta provocase un enfriamento das augas no hemisferio norte". Con todo, o único que se sabe a ciencia certa a día de hoxe é que "hai un evidente quencemento da temperatura das augas a nivel global". O grao de quencemento varía dunhas zonas a outras, en función da latitude e de fenómenos locais, pero o científico apunta a que "onde máis se está deixando notar é na zona norte cara os polos". No caso concreto de Galicia, apunta a que "a tendencia é a aumentar 0,17 graos por década", de tal xeito que "nos últimos 40 anos a temperatura da auga en Galicia aumentou case un grao: 0,78".
Aínda que para o público xeral poida semellar pouco, o certo é que "é bastante, tendo en conta que os organismos mariños están habituados a unha temperatura óptima e calquera cambio, por mínimo que pareza, provoca repercusións sobre a súa fisioloxía". E, como explica Bañón, "este quencemento causa un cambio latitudinal das especies cara os polos (cara o norte no hemisferio norte e cara o sur no hemisferio sur), especialmente daquelas que teñen maior capacidade de movemento, como son os peixes". Dentro dos peixes, ademais, hainos que teñen unha maior capacidade de movemento, como son os peláxicos, como os xurelos (Trachurus murphyi), por exemplo, que son quen de moverse rapidamente. "Se tes a capacidade de moverte e na zona onde vives te atopas incómodo porque cambiaron as características oceanográficas, desprazaraste cara lugares onde te atopes máis cómodo, dentro do rango de variables fisiolóxicas, diso non hai dúbida", apunta o investigador, que engade que "isto é o que están a facer os peixes a nivel mundial: as especies do hemisferio norte desprázanse máis cara o norte, e as do hemisferio sur, máis cara o sur, achegándose aos polos".
"ENTRE 1945 E 2022 LOCALIZAMOS 50 ESPECIES EXÓTICAS DE PEIXES CHEGADAS A GALICIA, E 49 DELAS CHEGARON COMO CONSECUENCIA DO CAMBIO CLIMÁTICO"
No caso concreto de Galicia, a chegada de especies exóticas ás nosas augas foi significativa dende que se foron notando os efectos do cambio climático sobre o medio mariño. Na actualidade Bañón fala xa de case 500 especies catalogadas en total de peixes (entre autóctonas e foráneas), cando fai uns anos, cando comezou a estudar sobre o tema, andaban nas 300. E, aínda que ben é certo que non todas chegaron a Galicia movidas polo quencemento das augas, si o fixeron a maioría. O investigador apunta a que "das 50 especies que temos máis ou menos controladas e localizadas que chegaron a Galicia dende o ano 1945 ata o 2022, 49 delas chegaron a nós como consecuencia do cambio climático".
A excepción está nunha de orixe americana que chegou dos Estados Unidos introducida pola man do home, xa fose para o seu emprego en acuicultura ou por larvas depositadas nos lastres dos barcos, xa que "é moi raro que ela soa puidese atravesar o Atlántico". Todas as demais proceden de latitudes africanas ou do Mediterráneo, o que supón "distancias de mobilidade plausibles". Tamén se debe ter en conta que especies exóticas puideron ter chegado moitas máis ao longo dos anos, pero hai veces nas que só aparecen nunha ou en contadas ocasións e non se volven ver, porque as condicións non son as adecuadas aínda para que se reproduzan e establezan poboacións estables.
A PRIMEIRA ESPECIE CONSIDERADA TROPICAL, O PEIXE PORCO, APARECEU NO PORTO DE VIGO NO ANO 1945, E DENDE O 2004 XA SE COMERCIALIZA
Botando a vista atrás, a primeira especie considerada tropical, propia de augas cálidas, que os investigadores detectaron en aguas galegas, chegada do sur, e da que se ten constancia a nivel bibliográfico, é o coñecido como peixe porco ou peixe ballesta (Balistes capriscus). Como nos conta Bañón, apareceu no porto de Vigo no ano 1945, nunha época na que nin sequera se falaba de cambio climático, algo que non aconteceu ata os anos 60. Naquel ano aparecera un único exemplar, pero na década dos 70 xa comezou a ser moi frecuente, sobre todo durante o verán, atoparse a este peixe polas Rías Baixas, especialmente na zona da ría de Vigo. Posteriormente, a partir do ano 2004, comezou a ser unha especie comercial, dándose vendas da mesmo nas lonxas. Deste xeito, "dende que apareceu o primeiro exemplar de peixe ballesta ata que chegou a ser tan abundante como para comercializarse pasaron 59 anos".
Sen embargo, non todas as especies seguen os mesmos tempos. De feito, hai especies que apareceron moito máis tarde e que xa se están comercializando, como é o caso do huayaipé ou medregal limón (Seriola Rivoliana), un peixe da familia dos xurelos (de aí que teña tamén unha maior capacidade de mobilidade) cuxa primeira evidencia en Galicia é do ano 2005 e que xa no 2019, catorce anos despois, se comezou a vender nas lonxas. Aínda así, unha cousa é que estas especies se poñan á venda e outra diferente é que realmente a poboación as merque. Como reflexiona o investigador, "son especies que tardan bastante en facerse un oco no mercado, porque a xente non está acostumada a velas e amósase algo reacia nun comezo, polo que o proceso de introdución no circuíto de comercialización é lento". Outra cousa sería que se tratase de especies xa coñecidas, como podería ser o caso do mero.
AS ÚLTIMAS ESPECIES EN CHEGAR: O SAPO LUSITANO, NO 2018 E XA NAS LONXAS; E A RAIA REDONDA, CUXO PRIMEIRO EXEMPLAR FOI DETECTADO NESTE 2024
Ao respecto, Bañón apunta ao caso do sapo lusitano (Halobatrachus didactylus), un peixe que apareceu no ano 2018 en Galicia, sendo das últimas especies en chegar ás nosas augas, e que agora xa se está vendendo porque en cinco anos volveuse moi abundante. Sen embargo, "non é comercial, porque non ten unha carne sabrosa", explica, e asegura que "nas pescaderías dinme que a xente non o merca ou, que se o merca unha vez, non o volve mercar". E é que aínda que en forma se poida semellar ao peixe sapo autóctono, nada ten que ver con el máis aló de que como ambos viven no fondo mariño adoptaron unha forma semellante e, en consecuencia, reciben un nome común semellante.
Outra das últimas incorporacións ao catálogo de especies exóticas chegadas a Galicia foi a raia redonda (Taeniurops grabatus), de gran tamaño, chegada de aguas tropicais de África e do Mediterráneo e que pode acadar os 60 quilos. O primeiro exemplar foi detectado en Galicia este mesmo ano 2024 e, aínda que recibe a denominación común de raia, o certo é que non é unha raia en si mesma, pois pertence a outra orde.
ACTUALMENTE EN NORUEGA XA PESCAN PESCADA E NAS ILLAS BRITÁNICAS TEÑEN SARDIÑA E ANCHOA
Lonxe de deterse, o fenómeno de aparición de novos exemplares nas rías galegas seguirá aumentando, pois non só chegarán especies novas, senón que as que xa apareceron irán aumentando progresivamente a súa poboación. Do mesmo xeito, tamén seguirá acontecendo o desprazamento das nosas especies autóctonas cara o norte. Como explica Bañón, "hai moitas especies nativas galegas que xa están chegando a augas de Gran Bretaña e mesmo de Noruega". Un exemplo é a pescada (Merluccius merluccius), que xa se está pescando en Noruega en abundancia, cando "fai tan só uns anos as augas de Noruega eran moi frías para este peixe e aparecían exemplares contados, sen ser unha especie comercial como o é agora, cando xa se están realizando importantes capturas". Nas illas británicas e no Mar do Norte o investigador asegura que está acontecendo o mesmo coa sardiña (Sardina pilchardus) e a anchoa ou boquerón (Engraulidae), "especies que eran moi raras e pouco frecuentes alí e que dende fai uns anos xa son máis frecuentes e mesmo se capturan". O mesmo acontece co escacho ou peixe rubio (Chelidonichthys cuculus).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.