Por Europa Press / Redacción | VIGO | 04/09/2024 | Actualizada ás 19:31
A asemblea de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) das Neves decidiu convocar sete xornadas de folga e varias mobilizacións durante o mes de setembro, para denunciar o incumprimento, por parte do goberno local, do seu compromiso de actualizar os salarios. Segundo informou o sindicato CIG a través dun comunicado, ademais dese incumprimento, o Concello acaba de aprobar un prego de condicións "para licitar o servizo cun prezo insuficiente".
A central sindical advertiu de que a débeda co persoal do SAF das Neves ascende a máis de 30.000 euros, unha media de 1.900 euros por traballadora a xornada completa. Por iso, iniciarán as xornadas de paro o vindeiro venres, e pararán os martes e os venres, xornadas nas que se concentrarán diante do Consistorio. A CIG insistiu en que o actual contrato "non cobre o custo salarial" e a empresa adxudicataria presentou en 2023 un 'descolgue' do convenio, polo que está a pagar ás traballadoras o salario, os complementos e quilometraxe a prezo de 2022.
Así mesmo, criticou que o goberno local (do PP) incumpriu o compromiso adquirido ante o Consello Galego de Relacións Laborais de licitar un novo contrato a prezo suficiente antes de abril deste ano, pero chegado ese prazo decidiron prorrogar o contrato ao mesmo prezo "de modo doloso e con intención de aforrarlle diñeiro ao Concello".
O alcalde deu novamente a súa palabra de actualizar as condicións, "pero non foi nin en xuño nin en xullo", e segundo a CIG, no pleno extraordinario celebrado este martes, o PP limitouse a presentar uns novos pregos "totalmente improvisados, con erros de vulto no cálculo do novo prezo de licitación, que van provocar que o servizo caia en mans dunha empresa pirata". De feito, as protestas das traballadoras obrigaron a suspender a sesión por varias horas, tras o que "o alcalde decidiu sen criterio obxectivo levar finalmente a aprobación o texto que propuña".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.