Pontón insta á Xunta a "rectificar" sobre Altri e antepor os "intereses" de Galicia

Lorenzana recalca que só os informes da Xunta sobre Altri son vinculantes: "O resto son opinións"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/09/2024 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou á Xunta a "rectificar" sobre a planta prevista pola empresa portuguesa Greenfiber (Altri) en Palas de Rei e antepor "os intereses" de Galicia "aos dunha multinacional".

En declaracións aos xornalistas, manifestou que as conclusións do informe elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG), "confirma o que o conxunto de amplos sectores sociais e o propio BNG levamos denunciando". "O proxecto de instalar unha macrocelulosa sería unha bomba ambiental con prexuízos para o noso futuro", insistiu Pontón, quen, por outra banda, reivindicou a traxectoria dos autores do estudo.

Fíxoo, ademais, ao considerar "lamentable" que o PP "ataque ás persoas que elaboran o informe e ao Consello no canto de ler con atención o que os académicos nos din". "Que Altri é un problema para o futuro deste país, vai supor máis superficie de eucalipto, prexudicar a outras actividades económicas e ao futuro de Galicia", apostilou. Tamén considerou que suporá crear "menos emprego do que se publicita".

Por iso e polo estudo do Consello da Cultura Galega manifestou que espera que "este conduntente informe sirva para que o PP rectifique e poña os intereses de Galicia por diante dos intereses dunha multinacional". O informe sinala que se "produciría unha fractura no territorio" e "implicaría a destrución completa ou alteración irreversible" dunha zona proposta para entrar na Rede Natura.

Estas son algunhas das conclusións que inclúe o informe elaborado por unha decena de expertos de diferentes ámbitos reunidos polo CCG e que foi presentado o xoves na sede do Consello da man da súa presidenta, Rosario Álvarez; a coordinadora da Comisión técnica temporal creada para a súa elaboración, Teresa Neto; e o coordinador técnico do informe, Eduardo Corbelle.

Arquivo - Imaxe dunha fábrica de Altri en Vila Velha de Ródao (Portugal). PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Imaxe dunha fábrica de Altri en Vila Velha de Ródao (Portugal). PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

"O RESTO SON OPINIÓNS"

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, recalcou este venres que só os informes elaborados polos técnicos da Xunta de Galicia "contan xuridicamente". "O resto, son opinións máis ou menos oficiais ou oficiosas", sinalou. "Creo que na Xunta sempre fomos moi claros en relación a que os informes que contan para, xuridicamente, saber se Altri ten un proxecto medioambientalmente viable son os informes que se solicitan en sede da Declaración de Impacto Ambiental", explicou a conselleira #ante os medios tras reunirse co comité de empresa de Alcoa.

Destacou ademais que a Comisión Europea "ratificou" o criterio da Xunta (a Comisión non ve "infracción" por parte de Altri das directivas de emisións industriais e impacto ambiental). "É a Lei de Avaliación Ambiental, no marco da Directiva de Avaliación Ambiental, é un órgano ambiental, neste caso da Xunta de Galicia, o que ten que dilucidar estas cuestións", insistiu.

"Todo o demais son opinións, máis ou menos oficiais ou oficiosas, pero que non forman parte da Declaración de Impacto Ambiental. Creo que a prudencia esixe esperar a que os técnicos da Xunta, que son os competentes e os que coñecen perfectamente cada un dos ámbitos, dean ese informe", sinalou,

Tamén aproveitou para dirixirse ao Goberno central, ao que reclamou que deixe de "castigar" os proxectos industriais galegos e que conteste "directamente" á Xunta de Galicia. "Que paren de enviar e de esconderse detrás de mensaxeiros, como pode ser o delegado do Goberno que, coa súa mellor intención, contestou este xoves unha serie de cousas absolutamente inexactas, cun descoñecemento manifesto e absoluto dun expediente en concreto porque non o ten que coñecer, porque non ten competencias industriais de ningún tipo", criticou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta