Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/09/2024 | Actualizada ás 11:50
Varios medios británicos, entre eles o Daily Express ou o Birmingham Mail, destacaron nas súas páxinas estes días os grandes incendios que afectaron a Galicia. Baixo titulares alarmista como que "España ordena evacuacións en rexión con récord de turistas británicos", estes xornais destacaron o acontecido en Crecente ou Entrimo, onde arderon máis de 500 hectáreas tras varios días de loita contra os lumes.
Foi esta fin de semana cando a Consellería do Medio Rural daba por extinguido este dous incendios. O de Crecente afectou, segundo as últimas estimacións, a 267 hectáreas de terreo. Tal e como lembrou a Xunta, a investigación in situ da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), dependente do Goberno galego, identificou intencionalidade neste lume. Para a súa extinción mobilizáronse cinco técnicos, 40 axentes, 71 brigadas, 44 motobombas, seis pas, 9 helicópteros e cinco avións.
Tamén quedou extinguido na mañá deste sábado o lume rexistrado no municipio ourensán de Entrimo, parroquia de Venceáns, que queimou unhas 223 hectáreas de monte raso no Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés, segundo as últimas estimacións. Este incendio iniciouse o martes en Portugal e entrou en territorio galego ao redor das 17.00 horas do mércores, día 4. Nos labores de extinción participaron seis técnicos, 35 axentes, 67 brigadas, 23 motobombas, catro pas, 10 helicópteros e 11 avións.
Durante a fin de semana tamén quedou extinguido o incendio forestal que afectaba desde a pasada noite ao municipio ourensán de Oímbra, e que queimou case 27 hectáreas.
RUEDA ASEGURA QUE OS MEDIOS SON "SUFICIENTES"
Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apelou a "non baixar a garda" ante os incendios, tras os rexistrados a semana pasada nas provincias de Pontevedra e Ourense, pero considerou "suficientes" os medios existentes. Tras o Consello da Xunta e cuestionado se ve necesario aumentar medios, insistiu en que o dispositivo está conformado por máis de 7.000 persoas e incidiu en que se vai a manter "este mes e o que vén".
"A experiencia demostrou que pode haber incendios entrando no outono", dixo en relación ao ocorrido outros anos. Con todo, considerou que os medios dispoñibles son "suficientes" para facer fronte a incidencias. Así, avogou por "non baixar a garda, manter efectivos e se fose necesario facer algún aumento, para iso está a flexibilización", apuntou ante a posibilidade de máis medidas respecto diso de considerarse necesario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.